"I, Too, Am American" - 14/06/2020
logo nosjpg

Xosé Lois García

 Advertencia confirmada polo poeta negro norteamericano, Langston Hughes, proclamando: “Eu, tamén, son America”. A cidadanía afroamericana considerou tal xesto reivindicativo que o acolleron con euforia liberadora, de que eran tan americanos como os que crearon as trece colonias británicas nos EEUU. Os mesmos que aniquilaron aos verdadeiros orixinarios, que eran os indios. Os brancos en súa batida enfurecida contra os aborixes e, mais tarde, aplicando a lei do terror escravista contra os negros secuestrados en África e enviados en navíos negreiros para explotar nas plantacións norteamericanas. Esta historia a sabemos todos, mais a implicación sobresaínte deste verso de Langston Hughes: “I, too, am America”. Lamentabelmente, para o poder branco, non serviu demasiado como reflexión para que a dominación branca asumira esta intanxíbel realidade que os negros tamén son América. Polo que eles aportaron aos valores humanos, patrióticos e na creación de riquezas que os escravistas brancos usurparon até a actualidade. Un poder omnímodo e levado até as últimas consecuencias, no odio racista tan marcado pola intolerancia mais obsesiva do desprezo e do crime contra os negros.

George Floyd, tamén é América. E os que enchen as rúas de protestas e motíns contra a violencia organizada do sistema totalitario capitalista que asasinou a George Floyd. A vulnerabilidade e o segregacionismo que soportan os negros en seu propio pais, Norteamérica, non teñen outra saída que esgrimir en arrebato, o verso de Hughes: “I, too, am America”. Nesa tan personalizada rebeldía fronte a tódalas evidencias do crime organizado e estatalizado, que todo o mundo observou o espectáculo macabro e criminoso de ver agonizando a Floyd entre o asfalto e o xeonllo do lumpen-policía. Ese cruel axente, intrépido Dóberman, fiel servidor do sistema imperial que menospreza e asasina a seus cidadáns, recluíndose no odio racista. A sociedade dualista americana, foi concibida neste rango: brancos para dirixir e impoñer seus ditames e negros para obedecelos. Sobre este dirixismo, escribiu Frantz Fanon, no seu libro: “Pel negra, máscaras brancas”, manifestando: “Porco negro!” Ou simplemente, “Olla, un negro!” Eu chegaba ao mundo con ansias de encontrar un sentido ás cousas, a miña alma enchida de desexos de estar na orixe do mundo, e velaquí que eu descubrinme obxecto en medio de outros obxectos”.

Nesta dirección apuntaba o pai da Negritude, sociolóxica e literaria, Aimé Césaire: “Falo de millóns de homes aos que sabiamente inculcóuselles o medo, o complexo de inferioridade, o tremor, a xenuflexión, a desesperación e o servilismo”. Isto é verdade. Tamén é innegábel o ímpeto e a conciencia que ten a sociedade negra de zafarse dos termos citados por Césaire e de encararse gradualmente e con conciencia identitaria de non deixarse asimilar. A historia social dos EE.UU., sería moi raquítica sen a aportación dos cidadáns de orixe africano, a nivel intelectual e laboral. E aínda que o sistema de difusión e propaganda presenten aos negros como seres secundarios e de instintos perversos, o poder branco trata de dirixilos e domesticalos, aínda na incerteza e na improbabilidade actual. Con preceptos e métodos inadmisíbeis para inmobilizalos e producirlles desesperación. O papel difundido polas películas de Hollywood, icona do cinema mundial, serviu en seus filmes esa imaxe mediocre, do negro desaliñado realizando servizos de limpeza e encargado de limpar cortes de cabalos e arranxar carruaxes do señor. E as mulleres negras as presentaron como útiles para servizos domésticos e coidadoras de infantes, un tanto ridiculizadas nas mensaxes que emiten esas películas.

Os negros norteamericanos comprenden estes proxectos de alienación por parte dos brancos e cada vez e menos fácil que as cadeas racistas teñan consistencia e permeabilidade sobre o que confirman nesta materia as filmotecas. A crueldade que asiste ao asasinato de George Floyd, por parte dun sistema que empurra a centos de miles de policías executores, facéndolles crer que eles son os verdadeiros defensores da bondade branca, ante a maldade e as malfeitorías que lle impoñen aos negros. As enormes fendas que están abrindo as multitudinarias mobilizacións dos afroamericanos e as convulsións e choques dentro dos estamentos estatais estadounidenses, engadindo aos mandos militares, ante un presidente acurralado no seu búnker da Casa Branca, fainos crer que esta repulsa popular pola morte dun inocente, polo mero feito de ser negro, foi linchado dunha maneira nada inocente e moi exhibicionista. As convulsións polas que pasan os Estados Unidos, en súa caída libre e en vertical, anuncian imprevisíbeis desfases da decadencia do seu imperio.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras