Persistentes mudanzas - 21/06/2020
logo nosjpg

Xosé Lois García

Desafiantes mudanzas enmudecen a memoria de íntimos lugares de persistente cohesión vivencial, no que respecta a esa relación cultural e intelectual que se deu nos cafés, ampliando comunicación e sentido democrático, como o Café Derby. Estes viñeron a romper aquela especie de gueto de botica, onde reuníase aquela seita vilega ou provinciana con certos poderes que infundían respecto e submisión. O xuntoiro, ao redor dunha mesa con mantel casposo e no centro o braseiro, asistido polo boticario, o crego, o cacique e algúns máis da pirámide influente daquel invernadoiro. Unha especie da illa do corvo, onde todos o miraban, mais era de infranqueábel penetración o seu niño. O mesmo pasaba con aquelas reunións de patente egocéntrica. Que definición mais accesíbel transmiten as pinturas e debuxos de Castelao sobre aqueles faladoiros de imposíbel carisma que transmitían aquelas bufandas de grosa la pudorosa preservando delicadas gorxas; chisteras que perderon o brillo cando ninguén lles facía a venia; sotanas roídas e lordentas mostrando pobreza e escondendo o fulgor económico da Igrexa. Todos eles ao redor do braseiro e a estupidez asistíndoos para un relato fúnebre.

Aquel minifundio tan reservado finou por virtude da indiferencia. Un novo formato de atracción intelectual formouse naqueles excelentes salóns de café que cada cidade ou vila de Galiza tiñan varios, como símbolo de fraternidade, liberdade, progresismo e, sobre todo, pola presenza do republicanismo. Espazos ben ornamentados con móbeis de estilo modernista e aínda con expresións do antigo clasicismo que connotaban expresivo aburguesamento. Todos eses cafés de finais do século XIX e de todo o XX, aglutinaron naqueles faladoiros a visibilidade intelectual que harmonizaron achegas para ordenar outros horizontes mobilizadores daquel republicanismo e do galeguismo emancipador da época, e de entrañábeis propostas da Xeración Nós. Na nómina dos cafés mais emblemáticos de Galiza foi, talvez, o Café Derby de Compostela, creado en 1929 e que remata de pechar. Pandemia actual foi o acelerador do proceso de clausura?

O Derby revélanos os matices estéticos dunha época, o final da ditadura de Primo de Rivera, a vinda da II República e o nacemento do Partido Galeguista. Os seus mármores de Carrara, as vidreiras venecianas de Murano e as madeiras de caoba do Oriente cubano, con todos os móbeis e pinturas de estilo modernista, foron testemuña daquelas reunións formativas do galeguismo político e, por suposto, da presenza do nacionalismo galego teorizado por Vicente Risco e practicado por Castelao. Este noso café tan cargado de efectos e afectos identitarios serviron para proxectar unha Galiza de activa liberdade e tentando ser dona de si, coa visíbel ollada defensora de milleiros de galegos. Co peche do Derby algo de nós fenece e só a memoria pode restituír ese legado material e inmaterial que fica resplandecente neste café.

A intelectualidade galega do lustro republicano (1931-1936) deuse cita neste café e, tamén, os protagonistas do Estatuto Galego de 1936. Neste espazo houbo propostas pragmáticas para superar os diversos retrasos no que estaba ensumido o noso país. As décadas de posguerra foron moi duras para os que non admitían as constantes vixilancias represivas. Mais a persistencia de estar no Derby foi como un revulsivo emerxente de constatar que a loita continuaba nun amplo parámetro de silencios e a palabra remisa ía aos poucos conquistando certezas. Neste café asentáronse adeptos da liberdade moi eficaces e contundentes na conquista dos valores da nosa matria.

Manuel María era un asiduo visitante deste café. Cando nos encontrábamos en Compostela había que cumprir coa ritualidade de ir ao Derby e tomar un café. Podendo ser na segunda fiestra que da ao Hotel Compostela, nunha mesa ovalada. O Manuel, coa doce ollada de pillabán, sorría e manifestaba ledicia, clarificando: “Nesta mesa e lugar tomaba café D. Ramón Otero Pedrayo e facíamos parladoiro con el”. E sentenciaba: “Cando veñas a este café debes procurar este sitial de D. Ramón, para eloxiar as cousas que aquí concretaron as persoas do Partido Galeguista. Temo que valorar as pegadas certas dos que deron continuidade á nosa memoria”. Cumprín coa convincente encomenda de Manuel. O noso poeta tiña esa xusta vocación de ir ao Derby cos poetas e escritores da súa xeración e non só, animados por ese espírito solidario de recompor o crebacabezas estragado en constantes ocasións polo intrusismo opresor.

Manuel María figura na historia do Derby, no relato que a escritora británica Nina Epton escribiu no seu libro: “Grapes and granite”, publicado en Londres en 1956. E publicado en galego en 1993, nunha edición de Ir Indo, co título: “Uvas e granito”. Atráenos un marabilloso texto sobre o poeta chairego que a autora coñeceu no Café Derby: “Manuel María o poeta mozo de Lugo, era un tipo de cadro de Monet. Era de feitura lixeira, o seu traxe negro víñalle apertado ao redor das súas pernas de bailarín de ballet. (...) “Seus grandes ollos ambarinos deberon causar moitas emocións entre as luguesas”. Nina Epton tratou de gravar poemas de Manuel no Derby, mais o deterioro da súa cinta magnetofónica e o barullo do Derby impediu a realización. Manuel non é o único na constancia memorial deste café. Cada persoeiro que fixo xuntoiro e permanencia tivo aquí a súa propia historia, mesturada con tantas outras que non podemos ignorar a funcionalidade deste centro que acaparou ideas e solidariedades que xurdiron nel. O Café Derby pechou. Que fará Patrimonio da Xunta e o Concello de Santiago? Ambos deben tomar medidas do que se fai con este café e co seu legado patrimonial que, sen dúbida, forma parte dos bens patrimoniais de Compostela, que por historia e cultura débense salvagardar. Ante estas mudanzas temos que ser persistentes na conservación patrimonial e identitaria, polo que respecta ás citadas institucións.