Xugueiras e mulidas con pel de can - 25/05/2020
canle ribeira sacra logo 1

Xosé Lois García

"Esta fotografía acordou a miña memoria e reconstruíu ese escenario de xugadas e de xugos. Unha escena que rara vez se repite, felizmente, dado que das tres clases de xugos que se utilizaron na Galiza, foron os de canga, pialla e mulida"
Por xentileza de Carolina Casal Chico, exconservadora do Museo Diocesano de Lugo e compañeira de fatigas nas andanzas do románico galego, envioume esta fotografía de entrada, dunha xugada de bois xunguida con mulida, no pavillón da feira de Sarria. Esta fotografía acordou a miña memoria e reconstruíu ese escenario de xugadas e de xugos.

Bois a mulida 1 Unha escena que rara vez se repite, felizmente, dado que as tres clases de xugos que se utilizaron na Galiza, foron os de canga, pialla e mulida. O primeiro deles facíase dunhavara de carballo que se cortaba en lúa chea. Quentábase no lume ate que permitía dobregala ate o punto desexado. O bo cangueiro escollía un caxigo de carballo e sen cortalo poñíalle unhas cordas que o domaban e cando consideraba que era apto para a súa misión, tallábao. Mais os xugos de canga eran moi perigosos se a carga do carro ía derradeiro, podía afogar unha vaca ou boi. O xugo de pialla era o mesmo formato, mais en vez de canga levaba dous fustes de madeira e na parte inferior estaban unidas por un cordel ou soga qu, en caso de accidente, cortábase o cordel para evitar o perigo das reses.

O de mulida era o que máis facía sufrir aos bois paralizándolles as xesticulacións da cabeza. Dado que este formato de xugo ía atado á cornamenta da xugada, por unas longas correas de coiro que se introducían por uns orificios chamados casteleiros. Uns entrantes na cimeira e extremos do xugo. Entre a cabeza dos animais e o xugo colocábase un armazón moi ríxido, chamado mulido, para evitar que a carga non ferise a testa dos bois, dado que todo o peso recaía neses extremos. Os xugos da nosa labregancia destacaban pola decoración artesanal que levaban na parte frontal e de moldes moi semellantes. No centro do xugo leva unha cruz de baixo relevo e a cada lado as iniciais do propietario do xugo. Na superficie frontal levan gravados símbolos xeométricos e motivos naturalistas.

O verdadeiro nome de mulida dáselle á pel que cubre o mulido, as correas, as cabeceiras de cada boi e os extremos do xugo. Esa pel de cobertura era de can. Aquí ven a parte tráxica para estes animais, os amigos e defensores do home, que eran sacrificados baixoun ritual macabro. Despois dun mes de nacer un can, os donos ou pretendentes dese can, xa tiñan unha orientación da corpulencia do animal e seleccionábase o can que combinaba coa pel dos bois, non sempre. Como norma selectiva tiñan preferencia os machos, coidaban que a pel das cadelas era menos resistente e que había que reservalas para criar cachorros. Até nisto bulía o verme machista no imaxinario dos que admitían ao can como superior en varios atributos que a ignorancia lle concedía, e as femias tiñan un escalo inferior no desprezo desas valoracións.

Antes de acadar a idade de dez anos, aproximadamente, concretábase o día do sacrificio e que estivera dentro do período da lúa chea. A primeira vez que asistín a este tipo de asasinato, eu tiña sete anos e estaba moi motivado polas impresións novidosas e descubertas de inusitadas aventuras. Naquel trance, acompañei aos tres veciños que ían matar o can, que non impediron a miña curiosidade. O dono do can levábao atado cun cordel, outro veciño levaba a escopeta en bandoleira e o terceiro levaba tres coitelos e un embrollo de rollas e farrapos para limpar as maos. No chousiño ataron o can a un carballo e o cano da arma achegado á cabeza e de súpeto ouviuse a soada do disparo, e un berro súbito e seco e o can tombou. Era o can castaño que eu aloumiñaba cada día.

Os tres veciños entraron en movemento e un deles daba ordes: “Cortádelle a cabeza e abrilo antes de que o corpo se poña rexo, senón a pel é mala de sacar!” Sacada e embrollada aquela pel levárona ao pallar onde tiñan un amplo taboleiro, estirárona e cravárona polos beirais e procederon a curtila, sacándolle a gordura da pel, e cubrírona cunha capa de sal moi groso e ao cabo de dez días substituíron o sal por cinza, así estivo varios meses até que pasou a cubrir a testa e o frontal da xugada de bois. A mulida tiña a función de cubrir os mulidos e as correas de contención e guarnecer as cabezas inmobilizadas da parella de bois das moscas e das choivas.

Sen ánimo de facer experiencias na disciplina etnolóxica, a foto que me enviou a amiga citada, o imaxinario fíxome concorrer a aquelas imaxes impresionistas que remato de esclarecer. Eran tempos inmóbiles onde o peso das sombras deixaban rastro e conmoción para un neno daquela idade. Que valor e respecto tiña un can, cando un ser humano polo feito de pensar distinto ao poder establecido, recibía un tiro na caluga naqueles tempos de “Negra sombra” e da “Longa noite de pedra”. Grazas aos novos amenceres, auroras e entusiasmos que iluminaron a mudanza cara novos tempos. A presenza dos tractores, a finais dos anos cincuenta, viñeron a liberar a vacas e bois do suplicio de ficar inmobilizadas as súas cabezas polas correas desa implacábel xugueira e polo peso de sorprendentes cargas. O tractor tamén liberou a moitos cans de ser asasinados para converter a súa pel en utilidade vergoñosa e exhibila no frontal da cabezalla. Aínda que aquel estadio temporal pertence ao pasado, o abandono, o desprezo e o asasinato de cans está á orde do día. Espero que a alma daquel can que eu vin asasinar, teña un agradábel apousento xunto ao can de S. Roque.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras