PESQUEIRAS (II) NO NOVENO CENTENARIO DA CONSTRUCIÓN DO PRIORADO DE PESQUEIRAS - 03/09/2020
canle ribeira sacra logo 1

Xosé Lois García

chantada sta maria pesqueiras porta lateral c11PESQUEIRAS (e II)


NO NOVENO CENTENARIO DA CONSTRUCIÓN DO PRIORADO DE PESQUEIRAS. MCXX-MMXX.

DO LIBRO DE XOSÉ LOIS GARCÍA: “SIMBOLOXÍA DO ROMÁNICO DE CHANTADA. (2010)

No segundo capitel están presentes unha serie de liñas que se cruzan entre si e conforman un rombo; na parte superior, unha leve curvatura remata nun xermolo. Estamos falando da videira. Esas liñas, en forma de varas, sosteñen unha serie de puntos esféricos que representan vagos que produce a vide. Tal vez este capitel sexa o que mais exemplifica a producción vinícola destas ladeiras, onde este mosteiro tivo un papel fundamental, desde a repoboación destas terras ermas, no século XII. Outros tres xermolos de videira, patentizan a presencia da vide e do viño, o que se repite, con diversos formatos, ao longo da arte cristiá, desde seus inicios. O acio, xa na arte das catacumbas, tomou un carácter sagrado pois conmemora a última cea, na que estivo presente o viño. A prédica medievalista empregou abundantemente a simboloxía moralizante da videira que aparecía nos textos bíblicos.

A primeira información sobre a primeira viña e o primeiro viñateiro a encontramos nos inicios do Xéneses 9, 20-21, no que se di: “Noé fíxose labrador e plantou unha viña. Bebeu viño, embebedouse e botouse espido na súa tenda”. Mais a traxedia das bebedeiras faise patente no capitulo 19 de Xéneses, versículos 30 ao 38, no que se narra a historia dun incesto promovido polas dúas fillas de Lot. Elas decatáronse que nas montañas de Soar non había homes para procrear e o versículo 33 nos di: “Aquela mesma noite emborracharon a seu pai, e a mais vella deitouse con el. Pero el non se decatou de cando ela se deitou nin de cando se ergueu. Ó seguinte día díxolle a mais vella a mais nova: -Onte deiteime eu con meu pai. Emborracharémolo tamén esta noite, e déitaste ti con el. Deste xeito teremos fillos da súa mesma semente”.

Pero as videiras na arte románica evocan diversos aspectos da doutrina eclesiástica, a nivel moralizante. Por exemplo esta videira tan robusta, con seus tres xermolos de primavera, lévanos a un dos textos líricos mais belos do profeta Isaías 5, 1-7: “Voulle cantar ó meu amigo a canción do meu amor á súa viña. Tiña o meu amigo unha viña nunha das fértiles ladeiras. Cavou, quitoulle as pedras, e plantouna de cepa selecta; construíu no medio dela unha torre e tamén dispuxo dun lagar; esperaba que dese boas uvas, pero só llas deu agraces. E agora, habitantes de Xerusalén e homes de Xudá, facede, por favor, xuíces, entre min e a miña viña. ¿Que máis lle puiden facer á miña viña que non llo fixera?”. A metáfora deste texto foi unha ferramenta habitual na prédica medieval e posterior.

Das numerosas citas sobre o viño que desfilan a través da Biblia, non podemos deixar de mencionar a de Xesús de Nazaret, en Mateu 26, 28-29, na última cea: “Que isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados. E asegúrovos que desde agora non volverei a beber este da viña ata o día que o beba, noviño, convosco no Reino do meu Pai”.

A vide está, así mesmo, na parábola do Evanxeo de Xoán 15, 1-4: “Eu son a verdadeira vide, e meu Pai é o labrador. O sarmento que en min non leva froito, arríncao; e o que leva froito, límpao, para que leve mais froito aínda. Vós xa estades limpos, pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós”. Aplicando esta lectura ao deseño que ollamos neste capitel, comprobamos que estas varas de videira están completamente limpas e os tres sarmentos completamente esveltos e en movemento, seguramente en alusión á referencia evanxélica.

Na imposta deste capitel encontramos varios motivos que representan o cereal eucarístico; como pequenas esferas nas que converxen, desde cada lado, liñas e de alto relevo, que teremos ocasión de comentar noutras igrexas da comarca de Chantada, nas que se suceden constantemente.

Se sumamos dos catro capiteis os tres motivos circulares ou esféricos que conteñen na súa parte superior obteremos doce, número alusivo ao tempo cíclico e sagrado, así como os doce apóstolos. Tamén teremos ocasión de tratar este tema noutros formatos de igrexas.

A arcada desta porta condúcenos a falar, aínda que sexa brevemente, da simboloxía das portas. Con anterioridade, mencionei na introducción do meu libro, “Simboloxía do Románico de Pantón”, varios conceptos e significados da porta para quen a traspasaba que era como aceder ao ceo aberto. Para os crentes, os arcos do pórtico eran como o ceo no que habitaban as ánimas. Cada arco simboliza unha fase das bóvedas celestes representadas polos números 8 e 9; e o tímpano representa a morada do Pai Eterno; sobre este mesmo represéntanse habitualmente temas relacionados cos atributos divinos, que, no caso deste tímpano non existen.

As estancias celestes onde moran as almas dos crentes, están mencionadas no Evanxeo de San Xoán 14, 2-4: “Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía amañar un lugar? E cando vaia e vos amañe un lugar, voltarei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ven sabéde-lo camiño”. Sobre esta cita evanxélica, Hildegarda de Bingen (1098-1179), nos “Libros das Obras Divinas”, comentou unha das súas visións: “A cita (Xoán 14,2-4) hai que entendela así: cando o Fillo de Deus promete a vida eterna aos crentes, dixo: Na casa do ceo, que é a casa do meu Pai, hai unha infinidade de estancias segundo os méritos de cada home, de tal maneira que cada un terá a súa estancia se na vida corporal buscou a Deus a través do amor que lle profesou”.

Abondamos aínda na descrición das atribucións que lle foron dadas ás portas dos templos cristiáns, tomando como directrices as palabras de Xesús. No Evanxeo de Xoán 10, 9, di: “Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase; entrará e sairá e atopará pasto”. Tamén representa a porta dos xentís como se menciona en Os Feitos dos Apóstolos 14, 27. No Apocalipse 4, 1-2, menciónase a visión que o apóstolo e evanxelista S. Xoán tivo en Patmos, falando da utilidade da porta: “Despois disto mirei e vin unha porta aberta no ceo; e a primeira voz, que oíra como unha trompeta, falando comigo, dicíame: ‘Sube aquí que che vou amosa-lo que ten que acontecer despois disto’: Axiña caín en arroubo. E velaquí un trono posto no ceo e un sentado no trono. Quen teña oídos, escoite o que o Espírito lles di ás igrexas”. Tamén, no Apocalipse 3, 8, di: “Coñezo as túas palabras –olla que te puxen diante unha porta ben aberta, que ninguén pode pechar-; coñezo que tes pouca forza, e mesmo así, cumpríche-la miña palabra e non me negaches”.

Nun lintel dunha das portas de San Juan de la Peña (Huesca), hai a seguinte inscrición en latín: “PORTA PER HANC COELI FIT PERVIA QUIQUE FIDELIS SI STUDEAT FIDEI IUNGERE IVSSA DEI”. (“Por esta porta, calquera fiel pode gaña-lo ceo se afonda na fe e capta os designios de Deus”).

Por tanto son moitos os reclamos para atraer ao xentil e introducilo no espacio sagrado que ofrecen as naves das igrexas, a través sempre da porta.

Nesta arcada de Pesqueiras insístese na expresión fitomórfica e xeométrica, por medio de follas estilizadas que se entrelazan, no primeiro arco. A seguir, hai un trenzado de liñas que converxen no centro, pola banda superior. A continuación deste motivo, atopamos outro que exhibe numerosas circunferencias e na parte superior elementos cruciformes. Prototipos, todos eles, de lugares celestes nos que habitarán as almas dos que se salven, segundo a promesa de Xesús.

Hai que dicir que estamos ante uns motivos escultóricos típicos do románico compostelán, da escola do mestre Mateu, que deixou pegada en varias igrexas e mosteiros do entorno. Tanto as follas como a lacería desta porta de Pesqueiras coinciden cos do pórtico do veciño mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño. Este motivo repítese nas igrexas de Santa María do Sar, Portomarín e Serantes, entre outras. O escenario naturalista da arcada do pórtico de Pesqueiras ubicámonos nun período álxido, no tránsito do século XII ao XIII.

Nesta porta de Pesqueiras, como noutras igrexas, rente ao chan, había unha pedra ou largueiro que ía dun extremo a outro e que podía parecer unha protección para evitar que entrase ao interior choiva ou outros residuos. Agora as modificacións do chan exterior afectaron a esta pedra, que foi retirada. Falamos do importante e intocábel limiar, tan sacralizado no templo de Xerusalén e que estaba protexido por funcionarios sacerdotais, que evitaban que fora profanado e, mesmo, pisado. O limiar foi unha das pedras mais sacralizadas tanto nas sinagogas antigas, como nas mesquitas e igrexas. J. G. Frazer, no seu libro: “O folklore no Antigo Testamento”, lle dedica un capítulo, no que analiza o que significou para moitas relixións e credos a pedra limiar, na que ninguén se podía sentar e menos pisar. No Israel das Crónicas, quen pisara este limiar era condenado a morte.

Polo tanto, o significado do limiar nas igrexas románicas é herdeiro da tradición do Antigo Testamento. Un cristián, antes de cruzar o limiar, tíñase que santigüar e pasalo coa perna dereita. Como na antigüidade, algún clérigo, sancristán ou encargado dos servicios do templo velaba que ninguén puxera seus pés enriba del. Mais todos tiñan sumo coidado en non aldraxar a pedra. Na Idade Media, boa parte dos crentes, sobre todo o vulgo, traspasaba o limiar descalzo e tendo precaución de haber lavado antes os pés. Nos arredores deste mosteiro hai unha fontela e unha pía onde se podía practicar este tipo de hixiene.

A primeira fiestra exterior do lateral sur, amosa dúas columnas laterais, con súas respectivas bases e capiteis fitomórficos e dobre arco ornado con elementos xeométricos. A base da nosa dereita, cara o exterior, presenta un cadrado e, no seu interior, inscríbese unha cruz ou aspa de San Andrés, ou cruz decusata, de diversos valores simbolistas. Neste cadrado esta representado o planeta terra e tamén os catro Evanxeos. Os triángulos que se conforman dentro deste cadrado, representan a Deus e ás forzas divinas, xa que o triángulo é o numero celeste e trinitario ao mesmo tempo. Mais con anterioridade a esta concepción cristiá, tanto nos escritos pitagóricos como na Cabala, contémplase a unidade do triple. A base esquerdo carece de elementos simbólicos.

No capitel da dereita ollamos tres follas de fento, que non hai que confundir coa palmeira. O capitel esquerdo repite na parte inferior, o temario dos fentos, modificando o formato e, na parte superior, presenta dúas liñas en diagonal rematan en respectivas volutas, representativas do cereal, un símbolo eucarístico ou alimento espiritual, segundo Mateu 26, 26: “Tomade e comede: isto é o meu corpo”.

As catro fiestras da nave representan os catro profetas maiores, e polo tanto alude á palabra profética, como era interpretado en certos escritos da patrística cristiá.

Na fiestra seguinte, as dúas bases que sustentan os fustes carecen de elementos esculturais. O capitel da dereita é unha copia do dereito da porta sur, xa tratado. O capitel da esquerda repite o símbolo eucarístico que xa mencionamos no capital esquerdo da primeira fiestra comentada. O arco desta fiestra ten o mesmo perfil que a anterior, ademais dunha serie de esferas e rombos con elementos cruciformes que moi pouco varían do arco anterior comentado.

Estas dúas fiestras laterais están flanqueadas por un carneiro e un boi. O primeiro, está posicionado á esquerda da primeira fiestra e o segundo á dereita da última, como si custodiaran a entrada de luz por ambos orificios, o que lles cadra por tratarse de dous animais solares, caracterizados pola cornamenta. Por outro lado, estes dous elementos zoomórficos parecen fora de lugar neste conxunto rexido por elementos fitomórficos e xeométricos. Estes dous animais serviron de base para sustentar unha viga de apoio para un alpendre, cuxa función era guarnecer as persoas das tempestades, así como lugar para impartir doutrina aos neófitos. Mais o significativo destas iconas é que son prototipo do sacrificio de Cristo.

O carneiro con súa cornamenta en espiral, quérenos lembrar o ciclo da eternidade. A espiral simboliza renovación, na evolución cíclica do crente, o percorrido xerado pola alma para lograr seu apousento nas esferas celestes do creador. Outro elemento que quixo destacar o executante desta escultura, foron os ollos do carneiro representados por dous puntos esféricos, como símbolo da totalidade e infinidade divina.

Este carneiro, no que tamén está representado o cordeiro, simboliza a inmolación de Cristo no Gólgota. O Cristo dos textos bíblicos, desde o profeta Isaías, que anunciou ao Mesías, como cordeiro inmolado e, tamén, por Xoán o Bautista, cando sinalou: “-¡Velaí o Año de Deus, que arrinca o pecado do mundo!”(Xoán 1, 29). Nesta figura está o prototipo do cordeiro expiatorio, triunfante e xusticeiro, o cordeiro cuxo poder e atribucións están expostos en varios versículos do Apocalipse. Esta mensaxe era sustentada pola prédica da época.

O carneiro, que foi ofrendado por Deus a Abrahan para que o substituíra por Isaac, era o animal que sacrificaban os israelitas como remisión de culpas. Aparece na profecía de Isaías 53, 7, como prototipo do sacrificio do Mesías, cando di: “Como un cordeiro foi levado ao matadoiro”. O Agnus Dei é a personalización do sacrificio de Cristo enfatizado nesta icona.

Á dereita da segunda fiestra, está a outra icona solar na que se representa o boi, símbolo da fertilidade. O románico retoma este símbolo das culturas sumeria e xudía e dálle un novo valor, que procede do sacrificio de Cristo. Este touro é o prototipo dos que se sacrificaban, tal como se sinala no Levítico, ou os que erixiu Salomón para decorar o pórtico do templo de Xerusalén. O touro é pois tamén un animal sacralizado pola súa atribución expiatoria.

Estes dous animais, de carácter sagrado posiblemente estén aquí, ademais, como evocación do seu servicio á comunidade, xa sexa como productores de leite, carne e la, materia prima para a dieta de bieitas e ribeiraos, ou como medio de traballo.

Colocados na parte da ábsida, atopamos catro columnas con seus respectivos capiteis que sustentan a cornixa, creando así cinco espacios. Xa dixemos que estes capiteis teñen como ornamentación unha palmeira, cuxa verticalidade simboliza a rectitude da mensaxe de Cristo. No segundo tramo, observamos unha fiestra que foi modificada con posterioridade a construcción do templo.

A fiestra que ocupa o centro absidal ofrécenos unha rica simboloxía vexetal e xeométrica, como é a tónica neste mosteiro. Cada unha das dúas bases dos capiteis amosa seis baixo releves en forma de arcada.

Xa comentamos e repetiremos cando sexa preciso, o significado do número doce, nas súas dúas concepcións tanto do zodíaco, coas súas doce constelacións, de caracter solar, como os doce apóstolos que están inscritos na luminosidade de Cristo, prototipo do sol. O cristianismo, adaptou a tradición do xudaísmo e doutras culturas orientais. Por iso é que o número doce apostólico ten relación coas doce tribos de Israel, as doce xemas no pectoral do sumo sacerdote, as doce portas de Xerusalén e un longo etc. Para J. C. Cooper, “é o indicador da orde espiritual e temporal”. Tanto no eido da teoloxía como no da escolástica, asume gran protagonismo, que se reflexa nas variadas manifestacións litúrxicas.

No capitel da dereita desta fiestra destacan tres tríades nas que se perfilan tres liñas, con tres puntos esféricos, cada unha. Volvemos á reiteración dos números sagrados, tres e nove.

No capitel da esquerda, atopamos a reiteración do fento con tres follas e con tres puntos esféricos; sumados aos nove do capitel da dereita, obteremos o número doce, xa comentado. Se sumamos este doce do capitel, aos outros doce que se representan na base, o resultado será de vintecatro (fig.13). Así estaremos no número que representa a harmonía e a totalidade do tempo, as doce horas do día e as doce da noite, símbolo da orde cósmica e dos vintecatro anciáns do Apocalipse. Lembremos que o Pórtico da Gloria, do mestre Mateu, representa o tempo cósmico, ordenado e dirixido por Deus. O pantocrátor do Pórtico compostelán está no centro dun coro de vintecatro anciáns. “Arredor do trono vin vintecatro vellos, vestidos de roupas brancas e coroas de ouro nas súas cabezas” (Apocalipse 4, 4).

A abertura da fiestra recibe o primeiro sol nacente, en honra do Cristo solar e dador de luz: “Eu son a luz do mundo: quen me segue, non andará ás escuras, senón que terá a luz de vida” (Xoán 8, 12). As citas que relacionan a luz con Cristo son numerosas; esta, do evanxelista Xoán é das mais coñecidas. Esta fiestra que ocupa o centro da ábsida e ilumina o presbiterio, ten especial relevancia. Pola parte superior, presenta un seme arco, de baixo relevo, no que se manteñen catro medios arcos, que poderían facer alusión aos catro puntos cardinais.

No arco principal aparecen os esféricos e no seu centro unha cruz; e no arco superior, a representación do cereal, o cal xa mencionamos e sobre o que abondaremos cando tratemos da igrexa de Camporramiro.

Na fiestra norte absidal , os elementos vexetais repiten formatos xa comentados, como o dos fentos e das palmeiras, que teñen nesta fiestra particular protagonismo. Baixo o centro do arco ollamos un elemento esférico, símbolo do universo e da totalidade de Deus, como creador e sustentador do mesmo. Mantense o elemento cruciforme como os que temos comentado, mais este é de maiores dimensións e está protexido por seis follas triangulares. A esfera representa así mesmo a unidade e o indivisíbel, o eterno e o inmutábel na orde cósmica, sen tempo e sen espacio, na interpretación dos platonistas.

Nos laterais da fiestra, como guarnecendo o centro esférico, hai dúas circunferencias que conteñen, cada unha, unha lacería, que conforman seis pequenas circunferencias en todo o perímetro. Regresamos de novo ao doce. Nos dous arcos, repítense, de novo, os esféricos cruciformes e a representación do pan.

Despois desta fiestra e continuando pola banda norte, xa no lateral exterior da nave, atopamos outra. En seus capiteis repítense motivos na fiestra do lateral sur e, sobre todo, dos que contén a porta sur. Destacan, na parte superior, tres circunferencias con elementos circulares. Na parte superior do arco mantense a mesma simboloxía dos esféricos e o cereal.

A última fiestra deste lado norte, xa preto do frontal, perdeu a base, o fuste e o capitel da banda dereita. O da esquerda é un formato que xa fica referenciado. A ornamentación dos arcos e a da maioría: puntos esféricos e cereal.

Os modillóns da cornixa gardan unidade. Presentan unha curvatura vertical con extremos forma triangular. A verticalidade conecta o ceo e a terra e xa formaba parte da simboloxía mais antiga dos sumerios, ligada á transcendencia activa, en contraposición á liña horizontal, que representa unha posición pasiva, incluso negativa. Dous elementos xeométricos que exemplifican o pensamento dual da Idade Media.

No interior deste mosteiro de Pesqueiras, impresiona a grosa parede do arco toral e nela locen dúas columnas que sosteñen respectivos capiteis. O da dereita, representa follas de acanto. O mestre de obras de Pesqueiras preséntanos neste capitel un temario clásico, tan usado polos escultores asirios, etruscos, e, na arte grega, co suntuoso estilo corintio.

Entre as propiedades curativas que os antigos atribuíron ao acanto, está a curación da disentería, inflamacións e abrandamento de quistes. Nos primeiros séculos do cristianismo, se lle deu relevancia polas espiñas, relacionadas coa coroa de Cristo e, ademais, como elemento de protección da fe. Ákantho é un termo grego que significa espiño; as súas flores son brancas, a cor da pureza. Ademais é perenne e representa a intemporalidade, inmutabilidade e inmortalidade de Cristo. As espiñas representan, na simboloxía cristiá e, sobre todo, na arte románica, a protección de algo que non pode ser vulnerado, unha maneira de escudo que guarnece aos fieis, tal como se destaca nos sermóns de Santo Antonio de Lisboa ou de Padua.

San Isidoro de Sevilla (560-636), menciona nas súas Etimoloxías: “O acanto é unha planta exipcia sempre verde, chea de espiñas e cun tallo flexíbel. Á imitación dela lévanse adornos nos vestidos chamados acanthinae”. Pois o atuendo cristián do século VII exhibía habitualmente este adorno. Na parte superior, enfatízase a inmortalidade nesas dúas espirais que se concretan nas follas puntagudas.

Nesta primeira arcada que estamos comentando, o capitel é liso e nos seus dous vértices superiores reprodúcense novamente espirais. Teremos ocasión noutros exemplares de abondar no tema.

Xa dentro do presbiterio e na segunda arcada, o capitel da dereita reitera a mensaxe do acanto, nunha tipoloxía moi semellante á que xa comentamos..

No capitel da esquerda (fig.20), aparece un formato de palmeira con dúas enormes ramas unidas por un robusto tronco, en cuxo centro hai tres elementos esféricos. O seis representa o equilibrio, a balanza da xustiza divina. A cada lado deste tronco contamos cinco liñas verticais. En suma, o decálogo.

Estas catro columnas do presbiterio, como as catro do exterior, minimamente comentadas, representan aos apóstolos e, por extensión, á xerarquía eclesiástica. San Paulo, en Gálatas 2,9, di: “e cando recoñeceron a gracia que se me concedera, van Santiago, Pedro e mais Xoán (as columnas coma quen di) e déronno-la man a min e a Bernabeu como sinal de solidariedade. De xeito que evanxelizarvos ós non xudeus correse pola nosa conta”.

Mesmo no centro do presbiterio, espacio reservado aos oficiantes da liturxia, érguense esas catro columnas testemuñando os catro evanxeos, e os catro puntos cardinais receptores da palabra de Deus.

Na primeira fiestra sur, no interior do presbiterio, os seu dous capiteis nos ofrecen elementos eucarísticos: a videira e o cereal.

As follas de acanto aparecen de novo nos capiteis do centro do presbiterio, na fiestra central .

Nos capiteis da fiestra da esquerda, deste presbiterio repítense símbolos xa comentados nos capiteis das fiestras dos laterais exteriores deste mosteiro.
© Reservados todos os dereitos desta publicación / Simboloxía do Románico de Chantada 2010
C

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras