A cultura fúnebre na Galiza 01/11/2020
logo nosjpg

Xosé Lois García

frecuentes apousentos e intensidades de variados formatos e testemuñas, non sempre estudadas en súas complexas manifestacións. En todo caso, a morte para os galegos impón respecto a mencionala. Sobre todo para os que contemplan a morte dun veciño, aínda que en vida fora inimigo de alguén, mais non se falaba do mal comportamento e das disidencias do morto, desculpábanse seus erros e sinalaban a malos conselleiros ou familiares de inducir ao falecido a concretos desaforos. Cando se falaba dunha persoa falecida que practicou errores e desavinzas, a conversa remataba coa petición de costume: “Que Deus lle perdoe e que o saque do purgatorio”. Este sentimento de humildade, sumido no rescate e no perdón do finado. Psicoloxicamente, pode explicar un transfundo anímico e transcendental dese comportamento que temos sobre a morte os galegos e portugueses. Digo portugueses porque as manifestacións e atributos que se lle dedica aos mortos nas rexións do Minho e Trás-os-Montes, coa Galiza, explican conxuntamente o misterio que encerran esas manifestacións comunais que transcenderon do priscilianismo e de certos vestixios que predominaron até hoxe. Pese ás prohibicións impostas por S. Martiño de Dume, acicate da colonización imposta, no territorio común, nos seus concilios bracarenses e no seu libro: “De Correctione Rusticorum”, no século VI. Corrixir aos rústicos foi unha empresa difícil, sobre todo en temas tan serios como é o tránsito da vida que a antropoloxía do óbito pode explicarnos algo moi interesante do que compartimos os galegos, minhotos e trasmontanos sobre o misterio tan intimo e particular que temos en común sobre a morte.

Estamos nos rigores de novembro, no mes da caída da folla e de numerosas vidas. Tamén chamado mes de santos e de defuntos. Encétase o mes cos dous primeiros días dedicados a tódolos santos e a tódolos defuntos, respectivamente. Dous días de ofrendas e visitas aos cemiterios, reabrindo esa particular tradición de conmemorar e testemuñar a vida na morte dos que partiron. Un acto de proximidade ás practicas mais sensíbeis e poderosas de reminiscencia pagá, que inzou manifestacións apóstatas que a oficialidade relixiosa non puido apagar. Como podemos ver na crónica do alemán, Xerome Münzer en súa visita a Galiza e Portugal en 1494-95. Estando en Compostela viu unha procesión fúnebre que se dirixía á catedral (quizais á Quintada dos mortos). Ao final da mesma ían dous cabalos cargados de viandas. Despois do funeral rodearon a sepultura e os familiares e veciños puxéronse a comer e beber como tributo dadivoso do que el deixara en bens a seus sucesores. O relato de Münzer corrobora esta tradición de comer sobre as tumbas o día do enterro e o dous de novembro día dos defuntos. Unha preocupación manifestada nos sínodos das dioceses galegas que os seus bispos, insistentemente, prohibiron estas ofrendas laicas durante os séculos XV e XVI. Sobre todo nos bispados de Mondoñedo, Ourense, Lugo e Tui, onde predominaba o costumeiro tradicional que nos leva a prácticas priscilianas.

Estas manifestacións, dedicadas aos defuntos, das chamadas comidas funerarias, lembro sendo eu neno, co gallo da morte dun curmán do meu pai, houbo un numeroso xantar de familia, bastante rigoroso nas formas e recatos tradicionais. Un sobriño do defunto entrou na sala de xantar cunha travesa de carne de porco onde lucía o loito nun lacón de porco negro. Erguémonos todos en respecto ao falecido e serviuse un suculento cocido, con chourizos de lutuosa, así lle chamaron pola súa cor. O sobriño, mandounos sentar e comer dos froitos que o parente traballara e deixara para degustar a irmandade familiar. Decateime -anos máis tarde- que este tipo de cerimonial era unha reminiscencia do indicado por Münzer e da prohibición de comer sobre as tumbas dos falecidos. Outro modelo mais íntimo e non mutilado pese aos decretos sinodais, era o restrinxido á intimidade familiar.

Cabe lembrar aquel xantar de dor e rigor que se fixo no pazo real de Lisboa, na morte do rei D. João II, todo un cerimonial de luxuriosos condimentos, con especies e mollos escollidos que tiñan un colorido sobrio que convidaban ao recollemento daquela prepotencia que manifestaba opulencia de loito oficializado nos funerais da realeza, nobreza e casta fidalga. Onde abondaban os discursos resaltando a figura do falecido. Tantas veces de contidos e agasallos impropios dedicados a unha vida de feroces e asoballantes comportamentos tráxicos e destrutivos, que soportaron os vasalos. Nestas ocasións facíanse homenaxes a arrogantes destripadores.

No imaxinario da nosa xente do rural e, en concreto, na Ribeira Sacra, continua estando presente o paganismo actuando na sacralización e no canon da Igrexa. Na época de recolección de produtos que fundamentan tradición, como é a castaña e o viño novo que se intercala na conmemoración dos defuntos, con súas cores de loito. Estes dous produtos labregos, tan activos e conmemorados na nosa sacra ribeira, nos suntuosos e colectivos magostos, onde as castañas fanse bullós nesa activa fogueira e saíndo dela ennegrecidas, tisnando as nosas maos que as debullan, co viño novo en seu tinto esplendor, distingue a sobriedade dunha homenaxe aos defuntos, sen que moitos decátense disto. Esas fogueiras de lapas vivas simbolizan a presenza da vida dos finados entre nós, dándonos mantenza neses castiñeiros e videiras que eles cultivaron. O magosto e o viño novo enxalzan o noso respecto e compromiso coa cultura tradicional que herdamos dos nosos devanceiros.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras