O impacto innovador de don Ricardo - 08/11/2020
logo nosjpg

Xosé Lois García

Pese a persistente contundencia de reclusión imposta pola Covid-19, que alterou a homenaxe do Día das Letras Galegas 2020, dedicada ao insigne intelectual galego, don Ricardo Carvalho Calero, mais non puido eclipsar a intransferíbel personalidade de D. Ricardo e a súa obra. Soamente conseguiu aprazar certos actos -que xa non é pouco- ante as perspectivas que estaban deseñadas para conmemorar a un dos grandes pensadores e renovadores da nosa literatura, inxustamente desprazado con pretensión de ser esquecido, por parte da Real Academia Galega que, durante vinte anos, tratou de ignorar a enorme actividade intelectual deste mestre, centrado en tantas direccións creativas. Este ano estivo alterado por furibundos desordes pola insistencia pandémica. Aínda así a presencia de Carvalho Calero foi permanente, a pesares de non permitirse significativos actos de homenaxe e honra deste excelente filólogo. A presenza de numerosísimas publicacións que nos asistiron en descubrir a unha persoa con lealdade, dignidade e loita que superou atrancos e barreiras que soporta o noso idioma, ante permanentes obstáculos de desleais galegos da burocracia administrativa centralista teiman desordenar a nosa identidade.

A constancia galeguista do mozo Carvalho Calero e partícipe daqueles movementos como “Nós”, “Irmandades da Fala”, “Seminario de Estudos Galegos”, Partido Galeguista” e tantas outras asociacións culturais e patrióticas, só esta participación danos a medida do talento e da coraxe dunha persoa implicada en ceibar Galiza dos atrancos inmerecidos aos que foi sometida. Publicacións e investigacións ampliaron pormenorizaron a vida e a obra dun intelectual que abriu múltiples canles que rexurdiron naquelas circunstanciais que lle tocou vivir a Carvalho, en medio de tantas precariedades, nunha Galiza cercada por concretos conflitos e decadencias. Remato de ler os rexistros biográficos dun excelente e intenso libro, do escritor e profesor, Henrique Rabuñal, titulado: “Ricardo Carvalho Calero O anxo da terra”, Editorial Galaxia. Que nos trae os desvelos e as inquedanzas do vello profesor, que propuxo cambios e debates para pór ao día a unha Galiza resucitada que comezou a tomar osíxeno ante aquel Estado xenocida, onde predominaba o medo e a impotencia de sentirse un ninguén. Carvalho Calero foi unha persoa que activou numerosos recursos para que a nosa identidade e a nosa lingua remontase tantas decadencias infames, especialmente organizadas por omnímodos sátrapas que intentaron liquidar a nosa presenza como identidade cultural e lingüística. O eficaz Carvalho Calero, rehabilitado de tantas desconxunturas, soubo determinar e organizar elementos suficientes para fortalecer proxectos colectivos dos que estamos beneficiándonos, e dos que xa non hai volta atrás. As súas exposicións, en diversos e permanentes ámbitos, fican ben esclarecidas por Henrique Rabuñal en súa testemuñal investigación sobre Carvalho Calero.

As concrecións e suxerencias innovadoras de don Ricardo, sobre diversas temáticas que interesan ao noso país, están explicitamente explicadas no ámbito de profundos estudos e recursos científicos e bibliográficos, intensamente metódicos e suxestivos, que agrandan a calidade pragmática do noso homenaxeado, que nos chega da vontade da profesora da Universidade da Coruña, María Pilar García Negro. O seu xa clásico estudo sobre o vello profesor alértanos en varias direccións no seu libro: “Ricardo Carvalho Calero: A Ciencia ao Servizo da Nación”. Editorial Laiovento (dúas edicións, 2010 e 2019), converten á profesora García Negro, na preclara especialista da intensa obra de Carvalho Calero. Mencionemos outra aportación necesaria de Pilar, de recente estrea: “Ricardo Carvalho Calero. Escritor e profesor, galego cabal”. Todas estas primicias de estudo da nosa escritora e profesora, facilítanos entrar na dimensión intelectual e protagonista de tantos estímulos que Carvalho inverteu para consolidar nación. A súa obra continúo medrando da mao de numerosos discípulos e seguidores en temas tan actualizados como son a lusofonía e o reintegracionismo. Destas e doutras significativas aportacións de D. Ricardo Carvalho Calero, a conciencia patriótica continúa seu curso engrandecendo a unha Galiza innovadora. Así a contemplamos nas lecturas destes libros da autoría de María Pilar García Negro e de Henrique Rabuñal.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras