Ramón Armada Teixeiro - 29/11/2020
logo nosjpg

Xosé Lois García

Nas miñas asistencias a Feira Internacional do Libro da Habana, reservaba unha desas longas mañás para visitar o cemiterio Colón. Esa enorme necrópole ben organizada e sinalizada un a percorre procurando sepulturas dos nosos emigrantes en Cuba. Un non deixaba de sentir sensíbeis emocións ao encontrarme cos enormes e individualizados panteóns colectivos onde están enterrados miles de emigrantes galegos. Todos teñen no seu frontal o nome do concello ou da comarca á que pertencen estes nosos defuntos. Nesas andadas e pousadas, un medita naqueles emigrantes que non tiveron porvir na súa propia terra. A gran maioría deles chegaron a Cuba, fuxindo do peso das sombras, abandonando o epicentro do seu mundo emocional e cultural. Eran os marxinados que soportaron pobreza e abandono das institucións españolas que planificaron desintegrar os ecos identitarios da sociedade galega. Mais os emigrantes galegos non consentiron rexeitar do seu propio país, nin das referencias vitais que nos identifica como exclusivos e diferentes a outros modelos de cultura e idiosincrasia.

Nese imprescindíbel silencio, entre o brillo das mármores funerarias, está un enorme e altivo edificio funerario, que parece un santuario, e no seu pórtico leemos: “Naturales de Ortigueira”, con capela e galerías de tres plantas soterradas, onde un decátase da enorme sangría que soportou o noso país, coas desfeitas emigratorias. Un é consciente que a ampla emigración formou parte dun enorme colectivo moi poderoso e vital que animou e protexeu a cultura galega en Cuba. Na parte exterior deste monumental panteón colectivo, unha lápida cunha lira gravada, leva o nome do bardo de Ortigueira: Ramón Armada Teixeiro (1858-1920). Esta última data posiciónanos no centenario da súa morte. Persoa e data bastante esquecidos nos medios culturais e de comunicación do noso país.

Armada Teixeiro foi unha persoa moi activa e resolutiva en dar eco á cultura galega en Cuba. Pertenceu a unha familia de médicos de Santa Marta de Ortigueira, emparentada coa familia de Camilo Díaz Baliño. Aos dezaseis anos emigra para América, eran os tempos das crisis agrarias na Galiza, que produciu fame e marxinación, tal como relatou Rosalía nos seus versos. Resulta impresionante a actitude de Armada Teixeiro, pertencendo a unha familia acomodada, decida ir a Cuba como emigrante, iso si, con estudos. Unha postura que contrasta coa a situación doutros emigrantes desposuídos de estudos e de recursos económicos. Logo participou nas actividades do poderoso Centro Galego da Habana, ocupando varios cargos na identidade, xunto con outros públicos. Como activista cultural creou xunto a Lugrís Freire unha das primeiras revistas exclusivamente en galego: “A Gaita Galega”. Participou como escritor e comentarista sobre a emigración galega e súas consecuencias, tanto na Galiza como na illa caribeña. A súa colaboración xornalística tivo impacto en emotivas publicacións emerxentes da emigración: “La Tierra Gallega”, “El Eco de Galicia”, “Pro-Galicia”, etc.

Ramón Armada Teixeiro oi un recoñecido dramaturgo, escribiu varias obras moi concentradas na problemática da emigración e seus efectos destrutores causados no noso país. A súa primeira obra teatral, titulouna: “Non máis emigración”. Un título que anunciaba activismo, repulsa e posicionamento contra a sangría da emigración galega. Tivo grande éxito e foi representada no Teatro Tacón, un dos mais importante da Habana. Como poeta publicou interesantes libros, de temática bucólica e costumista, coa intención de fomentar a denuncia e posicionando aos lectores emigrantes nas lexítimas vivencias fundamentadas no herdo cultural galego. No poemario: “Aturuxos”, Armada expón en sinxelas e sensíbeis primicias, potenciar memoria nuns poemas nada inxenuos. Convida a cultivar a memoria e o herdo do país que deixaron, en sinxelos versos: “Hermosas noites gallegas / de lindo e craro luar; / por non vervos teño a y-alma / sufrindo de soïdás”.

A publicación “Pro-Galicia” foi un medio de información onde Ramón Armada Teixeiro expuxo as súas belixerantes posicións contra o caciquismo practicado na Galiza. A súa amizade e adherencia con Curros Enríquez, en contestatarias prioridades solidarias, sociais e culturais deron resposta a diversos problemas nos que estaba sumido o noso pobo. As denuncias contra espectaculares ademáns protagonizados polo caciquismo, Armada e Curros estiveron moi presentes nos debates sobre estes comportamentos, influíndo en “Cova Céltiga” cubana, símil da que existía na Coruña, con firmes posicionamentos solidarios e, a máis, aportando ideas innovadoras que moitas delas tiveron eco na Galiza.

Ramón Armada Teixeiro, pola súa obra e andanzas, forma parte do perfil dos “bos e xenerosos”. Un nome, unha expresión, unha esixencia activa que merece lembralo, recoñecelo en todos as súas realizacións desde a emigración e desde a constancia de facer país, permanecendo na loita reivindicativa que proclamou dignidade e liberdade.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras