Pedro Luces e o gaiteiro -13/12/2020
logo nosjpg

Xosé Lois García

Xoán Manuel Pintos Villar (Pontevedra, 1811-Vigo, 1876), escribiu en 1853, “Foliadas do gaiteiro”, un diálogo en verso entre o gaiteiro e o rapaz do tamboril, Pedro Luces, que falaba a súa lingua de orixe, o castelán. Unha Obra que nos posiciona nos fecundos anos da literatura pre-rosaliana e con influxo teísta, que respondía a devoción de Pintos que el adquiriu nos dominicos da Coruña. Mais hai unha percepción humanista exaltando as esencias populares. A imaxe non pode ser máis estelar e reveladora do que aínda perdura vixente do pasado, para presenciar na actualidade, tal existencialismo no diálogo narrativo da poética de “Foliadas do Gaiteiro”.

Sons da gaita que o ar espalla como un don epifánico, estimulando a presenza das adherencias que con tanto desvarío profánase hoxe. Non gusto desa estridencia tímbrica da gaita, que os meus xordos tímpanos non aceitan tais estrondos. Mais trato de vencer os desacougos que me producen seus tons agudos, porque o a gaita é o noso símbolo bucólico que os pastores fixeron vibrar en súas emocións pastorais e panteístas. Tan presente en convivios e orfandades. Emocionando romaxes, convocando ledicia nos fiandóns e acompañando a segadores nas searas de Castela. Aínda hoxe fai presenza en xuntoiros populares, convocatorias cívicas e permanecer no herdo que amplía as nosas singularidades e amplíanos porvires na nosa identidade nacional.

O ímpeto con que abordou Xoán Manuel Pintos o intre histórico que lle tocou vivir, abriu unha tendencia liberadora ante a prostración do pobo galego polas famélicas crisis agrícolas que tiveron que soportar os nosos labregos. Este home de letras, nada rudimentario nas súas andanzas pola xurisprudencia, como avogado, xuíz, fiscal e rexistrador da propiedade. Unha profesión non moi doada a comprender os desafíos que padecían as clases desposuídas e mesmo os campesiños. Curiosamente o ano de 1853, escribe “Foliadas do Gaiteiro”, coincidindo coa terrorífica crisis de fame na Galiza. Desta mesma data, Murguía recolle no seu libro: “Los precursores”, a testemuña que Rosalía de Castro relatoulle, sobre os sucesos do “tristísimo inverno de 1853 en Santiago”, cando ela tiña dezaseis anos, presenciou a un neno labrego pedindo esmola polas rúas composteláns e que ela lle deu abeiro e que Murguía menciona co nome de Ignotus. Compre situarnos neste capítulo de Murguía para comprender a depresión daqueles anos de fame que escorrentou á xente de súas aldeas.

Pintos comprendeu o momento daquelas miserias intolerábeis e escribiu unha obra que dignifica o noso país. Moi concretas correspondencias cívicas, de denuncia e lexitimando a lingua galega. Estas foron as súas preferencias literarias. Ten razón Ricardo Carvalho Calero, cando esclarece: “Non debemos xulgar a súa obra con criterio puramente estético. Non se propuña Pintos, en xeral, facer unha obra artística, senón propaganda galeguista”. O poema: “Deitouse a fame”, esclarece a pegada social con que Pintos fornece a súa intervención nunha especie de crónica poética, do que realmente acontecía naquelas circunstancias. Este é o relato: “Antes que o pé da negra fame ver / chegar á porta e ir coa fraca man / palpando á xente que xa está a morrer / por non ter pan!”. E tamén a súa entendíbel denuncia de dependencia: “OU GALICIA, Galicia boi de palla / cánta lástima ten de ti o Gaiteiro! / O aguillón que che meten é de aceiro / e con el moita forza te asoballa”.

Pedro Luces, o tamborileiro de “Foliadas do Gaiteiro”, é outro Ignotus que chega a Galiza fuxindo das fames de Castela, acolléndose á proposta do gaiteiro: vivir na relixión cristiá, ser un mozo útil batendo o pandeiro, e aprendendo a falar galego. Pedro Luces era un invadido pola miseria, sen ser atendido polos seus concidadáns. Sabedor de que na Galiza coidaban dos estranxeiros a ela foi acolléndose ás encomendas do gaiteiro, que foron cumpridas polo adiantado tamborileiro, que ademais de falar galego facía composicións musicais escritas en galego.

Neste contexto é preciso unha reflexión sobre os emigrantes de moitos países que traballan dignamente na Galiza, e falan en castelán, precisan de apoio institucional a tódolos niveis para que teñan acceso a un completo coñecemento do noso país e do noso idioma. Isto só é posíbel dando soporte, en comprensión e liberdade, aos emigrantes que lexitimamente procuran traballo e convivencia na nosa terra. Este tema pode resultar incomprensíbel para moitos dos nosos naturais, mais debemos interesarnos polos emigrantes na Galiza para non incorrer en contradicións sobre o noso longo éxodo que durante centos de anos dispersou a Galiza por diversos continentes. Claro que hai que acoller a emigrantes, por razóns obvias, cos mesmos dereitos e obrigacións que ten un galego. Mais tamén é bo que asuman que están nun país con lingua propia, con historia de si e con estímulos psicolóxicos diferentes. Nesta convivencia entre emigrantes e galegos; dos dous lados temos que asumir que tanto uns e outros non somos nin mellores nin peores, somos distintos.

O enfoque pedagóxico que mostrou Xoán Manuel Pintos Villar na súa época, no relato do gaiteiro e de Pedro Luces, é moi interesante a referencia de autoestima que non podemos eludir. Este didactismo ético é un punto de partida para unha comprensión necesaria cara un comportamento de adaptación, que non quere dicir integración, asimilación ou renunciar á súa propia cultura que fundamentou a súa personalidade. Pedro Luces, desde a súa situación precaria, foi un adaptado que soubo comprender que desde a súa humilde situación de emigrante e tamborileiro, seu primeiro oficio, deulle acceso a comprender o pais, falar galego e seguir amando a súa terra de orixe.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras