Meirás! Meirás! - 20/12/2020
logo nosjpg

Xosé Lois García

A recuperación do pazo de Meirás é unha excelente e emotiva primicia de dignidade, que levaron acabo varios colectivos que loitaron pola recuperación do pazo e pola memoria, reducida e negada polo fascismo. Nesta reivindicación hai que destacar a coordinación e a perseveranza dos nacionalistas e de outros grupo adheridos en recuperar este espazo. O que era para moitos unha utopía acadou unha estelar visibilidade de que o suposto imposíbel sexa palpábel realidade, pola merecida conquista deste pazo que ditador arrebatou ás institucións representativas do pobo galego. Meirás volve a ser do seu auténtico dono, despois de oitenta e dous anos. Esta realidade non foi por obra e gracia dun milagre, soamente polo esforzo dos que perseveraron nunha loita decidida, extraordinariamente deseñada como escudo de dignidade e de xustiza comunal. Compre remarcar as consistentes prioridades que o movemento pola recuperación do pazo de Meirás veu traballando até concluír con éxito as súas propostas. A insistencia presencial con bandeiras nacionalistas, pancartas e mesmo coa toma simbólica deste inmoble non deron respiro aos Franco, a seus acólitos e aos que tratan de destruír o memorial das vítimas do franquismo, como é o caso do antigo campo de concentración no lazareto da illa de San Simón.

Os tribunais outorgáronlle ao Estado español a propiedade do pazo, isto crea unha nova situación, no sentido de que hai que contar estritamente cos que reivindicaron a restitución deste lugar para convertelo en memorial das vítimas galegas que o sanguinario sátrapa aniquilou. Estas vítimas merecen digno reparo e presenza nas instancias do pazo. No intre de ser estruturado os seus espazos, moitos dos obxectos que aínda teñen presenza é obrigado manter unha profunda mudanza. Como son esas salas con cabezas de veados disecadas e cranios de animais, como trofeo de caza que o ditador elixiu como o seu santuario, magnificando a súa perversidade de asasinar a seres que vivían en liberdade. Vista tanta estupidez, a un venlle esta ocorrencia: algunha vez pensou Franco engadir a esta colección cranios humanos dos que el mandou asasinar como trofeos da vergoñenta cacería que fixo durante corenta anos?

Resultaría interesante reconstruír o que en Meirás tense decidido politicamente, como a firma de sentencias e execucións de penas de morte. Durante a longa permanencia de verao de Franco e familia, que comezaba a finais de xuño e remataba a principios de setembro, durante corenta anos, onde el facía un consello de ministros anual e case todos eles dedicados a fomentar falsas estratexias de progreso para Galiza: papel mollado e viciosa propaganda que os xornais da época da ditadura difundían, por obrigado cumprimento. A grande mentira das grandes obras, remodelacións, mudanzas estruturais que non se realizaron na Galiza. Mais ocuparon destacada propaganda en tódolos medios de comunicación, sobre aqueles acordos fantasmas do consello de ministro. Cada ministerio lanzaba a súa trola en favor de Galiza que non eran máis que esperpentos e falsas vontades dun rosario de promesas non cumpridas.

Isto foi a historia viva destacada en letra morta que pertence ao Pazo de Meirás, que é digna de que ocupe un apartado visual sobre aquelas perniciosas trolas que esperan ser rescatadas das hemerotecas, onde figuran estes acordos do Consello de Ministros, publicadas en destaque xornalístico. Estes enganos escurantistas saían de Meirás e deben ocupar un lugar neste pazo para realizar unha lectura das indecencias e miserias difundidas desde este lugar. Esta información confirma o insulto desmedido con que a ditadura tratou a Galiza dunha maneira obsesivamente degradante.

É necesario que a memoria histórica fomente un reencontro coas vítimas contando cun amplo espazo sobre a verdade vulnerada e sometida ao silencio. Meirás merece ter un inédito resplandor da verdade. Expoñendo dunha maneira permanente as consabidas e inapelábeis subtraccións, da coñecida gatunaxe das esculturas do Mestre Mateo. A pía románica do mosteiro de Moraime (Muxía), e outras pezas que pertencen ao legado patrimonial galego. Debemos manter constancia destas temeridades amparadas por indiscretos poderes criminosos. E tantos outros comportamentos de rapina tan mencionados e sinalados sobre supostas falcatruadas de Carmen Polo de Franco, que demandaba obxectos en tendas da Coruña e non as pagaba. Estas historias maquinadas desde o pazo de Meirás, non deben ficar inocuas no escondedoiro represivo do fascismo. A nosa Galiza ten que restituír e visualizar a memoria das frustracións dos que foron fusilados na guerra civil e dos corenta anos de represión fascista. Nesta dirección é imposíbel a renuncia.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras