En Vilar de Santos, ao redor de Antón Tovar- 29/10/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

O derradeiro 16 de outubro, no centenario do poeta limiao Antón Tovar (1921-2004), axuntámonos numerosas persoas para evocar memoria e sentimento arredor dun dos actores máis lexíbeis da poesía galega da segunda metade do século XX. En Vilar de Santos concretouse o evento memorial no amplo Museo Etnolóxico da Limia, situado na antiga casa reitoral que mais ben parece un pazo episcopal. Como participante na palestra evocativa, tiven unha grata impresión da ampla e nutrida participación de limiaos que ateigaron este edificio, nun día chuvioso non propicio para acadar éxitos, mais culminouse esa presenza. Quere dicir que na comarca da Limia Tovar ten un especial recoñecemento a súa poesía e prosa, entre outras achegas literarias e humanistas, cara o seu ilustre fillo prodigo que en tódolos encontros o atopamos nesta sobria e destinguida terra de nacenza, onde frutificou distingo e admiración por parte de seus conveciños limiaos.

A capital de Concello de Vilar de Santos é unha extraordinaria vila que concorda co espírito labrego da ampla Limia, na que se expresa antonomasia das consistentes procuras que propiciaron sentimentos identitarios na poesía de Tovar. Unha igrexa románica, o enorme pazo do Museo Etnolóxico, as rúas e casas labregas tan pertinentes que esclarecen pasado e memoria, converxendo nunha das vilas mais auténticas do conxunto rural ourensán. Falamos só dunha poboación que se articula con tantas expresións que configuran a diversidade dese organigrama urbano e arquitectónico da ampla Limia. No entorno vilego de Vilar de Santos, destacou e resplandeceu o referido acto en honor e homenaxe a Antón Tovar, organizado por Delfín Caseiro Nogueiras, de Rairiz da Veiga (Concello do que era natural Tovar), catedrático de Lingua Galega e Literatura e autor de varios libros e presidente do Museo da Limia. E polo coordinador de dito Museo, Xosé Antón Jardón Dacal, de Vilar de Santos. Estudou Dereito, secretario-interventor de administración local, deputado provincial e outros cargos co goberno bipartito da Xunta. Alcalde de Vilar de Santos, durante vinte anos (1985-2005) polo BNG. Estamos falando de dous activistas culturais na súa terra nativa que compendian saberes e esclarecen descubertas de referencia para a comarca da Limia.

Presentou o acto, Xosé Antón Jardón que incidiu en varias dereituras e pegadas que Antón Tovar deixo na súa escrita sobre as terras da Limia e outras particularidades. As tres intervencións que personificaron a persoa e a obra de Antón Tovar correron a cargo, na seguinte orde: Delfín Caseiro, Xosé Lois García e Xesús Alonso Montero. Nestas palestras, fiquei impresionado pola maneira en que a multitude entrou en cada un dos formatos que se foron expoñendo e desvendando sobre este enorme poeta da Galiza. Unha sosegada e silenciosa expectación atendeu ao que s escudriñaba neste acto. Claro que as presenzas do poeta de Reiriz da Veiga non deixa a ninguén indiferente. Tovar está moi presente neste Museo Etnolóxico da Limia, de moitas maneiras e circunstancias. Mantéñense expostas tódalas edición da súa extensa obra literaria, carteis de diversos actos e presenzas, fotografías, esculturas a el dedicadas, utensilios de seu uso persoal. Este memorando suxírennos entrar no fértil e útil inventario de Antón Tovar, para reivindicalo e facer posíbel que se lle dedique o Día das Letras Galegas, que a tanto tarda tal homenaxe.