A rebeldía posíbel na encomenda de Camus -05/11/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

No día de hoxe, daquel novembro de 1913, nacía en Arxelia, dunha familia de colonos franceses, Albert Camus. El veu a ser unha das inmensidades do pensamento contemporáneo. Neste tránsito de milenios, continúa alertándonos en seus concertos sobre a metafísica da rebeldía e saciando a sede dos que procuran plena liberdade. A oferta apoteótica que el legou á humanidade nunha das previsoras advertencias do libro: “O Home Rebelde”. Vertebrando achegas e actitudes de aspiración liberadora, de diversas prioridades revolucionarias e plans que atinxen á rebelión metafísica e aos movementos que a humanidade precisa para erguer conciencia e decisión contra sistemas totalitarios que, individualmente, significa aceptarse e adherirse a outras actitudes non excluíntes de liberación. Nesta correlación de ideas metafísicas, esplendor de rebeldías, aquece lembrar e homenaxear a quen non puxo lindes a un renovado pensamento revolucionario.

Mais como se encamiñan todos eses apelos e sensacións rebeldes, que emerxen das persoas que perciben o seu estado de opresión sen tomar decisións? Percibir xa é un ingrediente de valor inicial, activado por antecedentes causais. Preservar estes inicios para combater a mentira e a opresión, non deixa de ser un elemento de toma de conciencia para considerar conquistas e metas extraordinarias, abandonando concretas pasividades que non nos deixan despregar. A gran dubida, por non dicir drama, dos aspirantes ou expoñentes dunha persoal toma de actitude belixerante, rebeldía e emancipación, pode que se neguen a renunciar a súas propias posturas patrimoniais e a seus pensamentos deformes, contrarios a outros conceptos de liberdade que neguen o seu ego. Este pode ser o seu propio trebello egoísta de querer preservar seus conceptos e intereses, que o atan á sacrosanta alienación, que lle priva de ser o home novo rebelde e metafísico deixándoo a medio camiño de súas aspiracións liberadoras.

“O Home Rebelde” de Albert Camus, é un magnífico tratado de liberdade que expresa unha cronoloxía épica en que a rebeldía debe ser o epicentro de toda reivindicación xusta. Nos longos períodos de escravitude e servidume xurdiron tantos soños de liberdade non admitidos. Mais o home rebelde e conspirativo non brincou nin fixo asexos a temerarios dominios. Enfrontouse a eles en diversos estadios e frecuencias, con lealdade pedagóxica e xustiza social. Os rebeldes desdobrados, na comuñón íntima dos excluídos, fixeron posíbel a caída de tiranías sostidas por deuses, reis, xerarquías celestes e terreas, aínda con certo respecto deísta, pronunciaron con exaltación: “Deus aínda non morreu, mais está derrotado en nosas gadoupas”. Parece máis ben unha arenga romántica que unha virtude revolucionaria. Mais non deixa de ser un símbolo contra calquera sociedade farisaica de mercadores hipócritas. Esa liñaxe sen escrúpulos forneceu o seu poder a costas da explotación dos que producen plusvalía. A loita de clases estaba ostentosamente definida. Mais a definición de Camus, ía por outras dereituras de actualidade, ao sinalar: “A sociedade de comerciantes debe definirse como unha sociedade na que as cousas desaparecen en proveito simbólico. Cando unha clase dirixente mide as súas fortunas xa non pola hectárea de terreo nin por lingotes de ouro, senón polo número de cifras que corresponde idealmente a certo número de operacións. (...) Unha sociedade fundada sobre símbolos é, en súa esencia, unha sociedade artificial na que a verdade carnal atópase mistificada”. Por tanto, os pensares e os dicires e Albert Camus, resultan necesarios para o espertar do communis homo, realizándose en todos os combates e liberdades que protagonicen os homes rebeldes e innovados.