Reafricanización en Amílcar Cabral - 24/01/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

O 20 de xaneiro de 1973 foi asasinado en Conakry un dos máis destacados ideólogos do anticolonialísimo africano e fundador dos estados de Guiné-Bissau e de Cabo Verde. Resulta difícil para un occidental recompor certas claves suxeridas por Amílcar Cabral (1924-1973), con respecto á descolonización e á liberación nacional dos países africanos baixo a colonización portuguesa. O ideario pragmático de Cabral ten a súa base nas relacións entre o proceso histórico e as realidades concretas que el analizou sobre estas colonias e a formación orixinaria de varios comportamentos políticos que o colonialismo puxo en práctica nos horizontes da opresión de Guine-Bissau e Cabo Verde.

Para Amílcar Cabral, o nacionalismo era a propulsión de mudanza para normalizar varias expresións populares reprimidas pola ocupación colonial. O nacionalismo foille unha causa xusta e fundamental no contexto da loita de liberación nacional e de clases, para manter o seu protagonismo como forza e garantía das liberdades nacionais e manter a solidariedade na loita internacionalista contra a dominación dunha nación por outra nación e dunha clase sobre a outra. O problema nacional, dentro da loita de liberación, representou para este ideólogo, comprender os principios dialécticos que asocia calquera proceso de descolonización, procurando respostas ideolóxicas para salvagardar a memoria identitaria nacional, accedendo sen renuncia ao acto de reafricanizar aos países oprimidos de África, que desvela o categórico principio de autodeterminación no pensamento de Cabral, como parte orientadoras que posibilite aos movementos anticolonialistas comprender que o nacionalismo é a expresión fundamental para ordenar innovadas estratexias e compromisos para avanzar e desenvolver o proceso dos movementos de liberación nacional, distinguindo os obxectivos de cambio social, e das prioridades esixentes en termo político e cultural.

A importancia que lle deu Amílcar ás diversas particularidades culturais de África revela a súa predisposición no cambio de relacións sociais que había que verificar através do sentimento popular e manifestado na cultura nacional. As referencias teóricas que el propuxo, podemos comprendelas dun claro concepto do que el propuxo conquistar e resolver através da cultura, como motor de cambio no proceso de liberación nacional. Nesta dirección, pode parecer, e de feito sucede, que a teoría de Marx e Engels está presente neste enfoque, mais o elemento substancioso de Cabral reside na clasificación e de esquemas sociais que sirvan a un modelo específico no proxecto de reafricanización. Para Cabral, a cultura como elemento transformador da sociedade, ao lado de outros axentes sociais que potencian a nación oprimida deben estar invertidos. A cultura en vías de normalización e ao lado doutras relacións sociais tiñan para este dirixente unha expresión de loita ininterrompida contra o colonialismo. O sistema de opresión colonial sempre tratou de ignorar e alterar a convivencia cultural e lingüística na nación sometida. As practicas desintegradoras utilizadas polo colonialismo nos países colonizados foi unha das premisas mais belixerantes para estrangular a economía e a cultura dos países sometido. Estas practicas tiveron un severo revés e retroceso cando elites organizadas e masas populares esgrimiron a súa cultura, como autodefensa de tódalas particularidades agredidas polo poder colonial produciuse unha mudanza cualitativa que non tivo retroceso. Isto deuse en Guiné-Bissau na guerra de guerrillas durante o proceso de liberación nacional, baixo a dirección de Amílcar Cabral que liberou e conquistou grande parte do país até a súa independencia (1974) que non chegou a ver talconquista.

As definicións de Amílcar Cabral sobre a función da cultura nos procesos “pre” e “post” independencia foron aportacións teóricas moi necesarias, aínda vixentes, para aqueles países que son agredidos abertamente ou de forma solapada, coa perversa intención de asimilalos. Nesta situación, o discurso deste dirixente nacionalista de Guine-Bissau e de Cabo Verde, con relación á cultura dos oprimidos e dos procesos reivindicativos que procuran a formación de forzas dinámicas que lexitimen a defensa da cultura e da lingua dos país colonizados. Cabral puxo énfase na mobilidade desa cultura xurdida das cinzas e convertida en residuo marxinal polo colonialismo. Mais xermolou con ímpeto, porque o pobo integrado no movemento de liberación, desterrou das cinzas a brasa da redención para acender o facho iluminador na noite tenebrosa de África. Este era o enfoque para rehabilitar, a diversos niveis, todo o que atinxe a cada categoría social e distinguir o conxunto de valores culturais do pobo, significando “o essencial e o secundário, o positivo e o negativo, o progresista e o reaccionário, as forças e as fraquezas, tudo isso en função das exigências da luta e para poder centrar a súa acção no esencial sem esquecer o secundário”.

O discurso de Amílcar Cabral pode que en certos puntos semelle ao de Franz Fanon, sobre o papel do intelectual colonizado cando asume a “verdade nacional”. O de Cabral marca certas diferenzas entre esa “verdade nacional” fanonista coa toma da conciencia nacional, como base indispensábel para conferirlle ao movemento nacionalista credibilidade e potencialo baixo un organigrama táctico que restitúa e sexa capaz de fortalecer a cultura como elemento básico para asumir a soberanía popular. Estas eran as directrices cabralistas.

Despois de corenta e oito anos do seu asasinato, o pensamento de Amilcar Cabral continúa activando e normalizando a reafricanización inconclusa. O líder guineense fica nos primordios e referencias de numerosos estudos e debates en foros e universidades de todo o mundo. El continua sendo a figura senlleira que ocupa o cume da liberdade, xunto aos grandes artífices da loita contra o colonialismo e pola independencia dos países africanos. Como Patrice Lumumba, Franz Fanon, Nelson Mandela, Kwame Nkrumh, Ahmed Sékou Touré, Agostinho Neto, Eduardo Mondlane e Marcelino dos Santos, entre tantos outros loitadores e pensadores que contribuíron á liberdade e a potenciar a cultura da negritude en África.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar