O home e a data: Agostinho Neto e o 4 de febreiro 31/01/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

A interrelación entre o home e a data colle protagonismo cando verificamos eses movementos nacionalistas que configuraron a liberdade de Angola. Desde o momento que Agostinho Neto chega a Portugal en 1947, para estudar medicina en Coimbra. Na década dos cincuenta únese aos estudantes universitarios das cinco colonias portuguesas de África, residentes na Casa dos Estudantes do Império en Lisboa. Aquí emerxeu conciencia e debate sobre a loita contra o salazarismo, xurdindo os primeiros xermolos da planificación da independencia das cinco colonias. Nesta Casa floreceron e converxeron tres líderes nacionalistas e independentistas de esquerda: Agostinho Neto (Angola), Amílcar Cabral (Guiné-Bissau) e Marcelino dos Santos (Mozambique). Os tres foron os máis visíbeis estrategas e representantes da axitación popular e na toma de conciencia nacionalista. Estes foron os ideólogos que contaron os tempos e as posibilidades estratéxicas en función dos feitos transcendentes que determinaron a data do 4 de febreiro de 1961.

Agostiño Neto xa estaba no cárcere con outros estrategas pola liberación de Angola. Mais o que concorreu á data foron os feitos acontecidos en Portugal contra o fascismo. O ano pre-data foi 1960, constatado na rebelión dos presos políticos das cadeas de Luanda. As organizacións políticas na clandestinidade como a UPA, o MPLA e o PAIGC de Guiné-Bissau e Cabo Verde propuxeron ao goberno portugués concretar a autodeterminación dos países colonizados. A esta proposta respondeu Salazar cun discurso na Asembleia Nacional, titulado: “Portugal e a Campanha anti-colonialista”, reforzando a vixilancia militar con grandes efectivos represivos. Neste mesmo ano o PCP divulgou un documento chamando á rebelión dos pobos oprimidos contra o colonialismo. Neste asunto a ONU internacionaliza o conflito aprobando tres resolucións condenando a política colonial portuguesa. E o Alto Tribunal Internacional de Xustiza da Haia, convida a Portugal a facer un relatorio sobre as represións que acontecían nas súas colonias.

En Portugal hai un desencadeamento de protestas contra o poder fascista que acelera un novo proceso de feitos, como a fuga de dez militantes do PCP do Forte de Peniche, entre eles estaba Álvaro Cunhal. En Mozambique cífrase en quiñentos mortos a masacre de Mueda. O cinco de decembro de 1960, o dirixente nacionalista do MPLA, Mário de Andrade, realizou unha conferencia de prensa na Cámara dos Comúns, en Londres, na que anunciaba a urxencia da loita pola liberación nacional en Angola. Esta declaración coincide cos fortes disturbios en Portugal e nas colonias. Todo predicía a chegada da data.

En 1961 sorpréndese Portugal con dous relevantes sucesos de importancia mundial: as minúsculas colonias portuguesas de Goa, Damão e Diu son integradas á India pola forza, sen reacción militar por parte do réxime ditatorial portugués. O 21 de xaneiro deste mesmo ano, o capitán Henrique Galvão, xunto cos galegos Xosé Velo e Soutomaior, secuestraron o transatlántico portugués Santa María. Galvão, Velo e Soutomaior piden a liberdade dos presos portugueses e españois. Esta acción, sobre o barco Santa María, produce unha expectación mundial de descrédito contra a ditadura colonial. Nesta situación, o MPLA pasou á acción glorificando a data oculta e esperada: 4 de febreiro de 1961. Cun asalto ás prisións de Luanda, pagando un alto prezo os seus militantes. Esta foi a data da rebelión e loita armada cunha forte capacidade tanto na fronte política como militar por parte dunha guerrilla que foi consolidando simpatías de dignidade en todo o mundo en tódolos seus avances. Este levantamento repercutiu en Portugal con outras accións en favor da liberdade das colonias, como a de Palma Inácio, dirixente da LUAR que desviou un avión da TAP de Casabranca a Lisboa, lanzando sobre esta cidade, Faro e Beja un manifesto contra a ditadura. En Beja, o xeneral Humberto Delgado lidera un golpe de Estado que fracasa. Mais Humberto Delgado e Mário de Andrade deciden crear unha Fronte Unida contra Salazar.

O relatorio de acontecementos resulta bastante amplo polos sucesos dos anos de 1960 e 1961, conformando un período moi expresivo da loita africana contra o colonialismo, na que toma relevancia a poderosísima acción da heroica dignidade do pobo angolano o 4 de febreiro. Velaquí a data e o home. Agostinho Neto estaba confinado no campo de concentración do Tarrabal en Cabo Verde. Franqueado por axentes represivos da PIDE que dobraron a vixilancia para que el non tivera información sobre os acontecementos insurxentes do 4 de febreiro. Mais o home e a data estaban xa unidos por ese cordón umbilical chamado pobo angolano. O primeiro presidente de Angola, Agostinho Neto e o 4 de febreiro representan unha totalidade de valores, esforzos e coraxe que culminaron coa liberación e a independencia o 11 de novembro de 1974. O próximo día 4, Angola e o resto das excolonias portuguesas de África, conmemoran o sesenta aniversario da data dun fecundo inicio de sufrimento que os conduciu á certeza e a liberdade.