Liberdade de opinión e belixerancia en Barcelona -28/02/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

A realidade catalá vista desde os medios de opinión, interesados en dosificar noticias nesgadas e outras maquilladas con medias verdades e mediatizadas por monopolios informativos de localizada prensa madrileña, onde os problemas do Estado español son elevados á opinión pública, desde unha óptica interesada e minimalista para restar visibilidade a realidades que acontecen no panorama social e político de Cataluña, que continúa estando no punto de mira e do ataque duns adversarios contumaces cos periféricos, antes provincianos, como eles chamaban a esa outra España reivindicativa non dixerida desde os apousentos do poder mediático amparado nos tradicionais parámetros daquel casticismo casposo que aínda goza dunha nomenclatura segregacionista que tantas veces terxiversaron a realidade en función dos intereses que impoñen os donos deses medios. Nesta complexidade dos medios de información tamén observamos grupos interesantes desde Madrid, que amplían debate e confirman autenticidade a diversos sucesos que acontecen en Cataluña, mantendo un sentido crítico e relevante sobre os acontecementos destas semanas.

Polo que respecta aos conflitos que amosan belixerancia nas rúas de Barcelona en favor da liberdade de expresión, hai motivos suficientes para manifestarse contra unha lei de opinión caduca que goza dun totalitarismo antidemocrático, nada homologábel coas que están en uso nas democracias de Europa. Meter no cárcere a un rapeiro, a titiriteiros, a persoas que lle chaman ladrón a Juan Carlos I, fuxido e refuxiado nunha ditadura integrista árabe, por un asunto de corrupción e evasión de caudais públicos. A liberdade de opinión precisa de visibilidade e, nestas circunstancias, dun activo e rotundo SOS, por percibir que a liberdade de opinión está na uvi. Da a impresión que a democracia actual no estado español carece de soportes para facer cumprir as leis fundamentais, como a liberdade de opinión que está sendo agredida por extraordinarios poderes cun perfil de actuación que nos lembra a ditadura franquista.

As manifestacións de Barcelona, destes últimos días, claro que son lexítimas e responden a unha realidade que atinxe a unha das leis fundamentais. Nesta lexitimidade non é ético que un grupo considerábel de persoas queimen mobiliario público, semáforos, contedores de lixo e estraguen vidreiras de grandes e pequenos negocios. É incríbel esta desfeita é a pillaxe en tendas de roupa cara, que mercan ás clases burguesas. Isto non é expropiación -aquí non valen eufemismos-, claramente é un vil saqueo. Estes feitos traen á luz a mudanza de condutas xeracionais, con comportamentos lumpen. O problema non son os extremos verbais para combater as desigualdades, que moitos destes actuantes padecen constantemente a vexación social e laboral. E mais críbel a firmeza da palabra sen renunciar a concretos actos que desactiven a violencia do outro, dos que representan o poder.

Na historia da primeira industrialización de Barcelona e seu entorno, a principios do século XIX, xurdiu un proletariado activo e moi respectado pola cidadanía catalá, tan concluso como pragmático, que conseguiu diversos logros propostos, fronte a non poucas represións organizadas como na “Semana Tráxica”, na “Lei de Fugas” e a represión franquista contra as reivindicacións obreiras. E foi aquí, nesta Barcelona culta e proletaria, onde se fixeron grandes debates, asembleas clandestinas, loitas abertas que dignificaron un proletariado consciente e admirado que tantas veces tivo que repeler a violencia de Estado. Servidor algo sabe daquelas loitas nas que participei, na miña etapa de obreiro na empresa Seat, durante quince anos. Esta empresa automobilista tiña un cadro laboral de trinta e catro mil obreiros, repartidos en tres quendas. As nosas investidas cos grises éramos moi contundentes para repeler agresións violentas. A cidadanía de Barcelona sentiu simpatía, respecto e credibilidade polo formato de manifestacións que concorrían polas grandes avenidas sen rebentar o mobiliario público, isto atraía simpatía cidadán. Na época franquista había o seguinte dito popular: “Cando a Seat espirra, Barcelona está constipada”. Cando os chamados “seatos” reivindicábamos na rúa a propia policía tiña moitos temores de provocar un acto de violencia, pola cantidade de miles de traballadores que desbordaban a calquera dispositivo policial nunha confrontación aberta, sabían que o numero confirmaba o éxito. Estamos noutro estadio temporal, emocional e social, escasas veces entendíbel. Pese a todas estas adversidades, hai que defender as liberdades públicas que os poderes fácticos tratan de reducilas drasticamente e dunha maneira cautelosa. Hai que comprometerse coa situación deficitaria que soporta a mocidade marxinada, social e laboral e evitar incomposturas radicais, que Marx clasificou a este grupo social como lumpen proletariado.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar