Loita e dignidade feminista nos PALOP - 07/03/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

A loita e a dignidade feminista nos Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa (PALOP), suxiren reencontrarnos coa vitalidade épica, enormemente visualizada na poesía feminista de Angola, Cabo Verde, Giné-Bissau, Mozambique e São Tomé e Príncipe, que encarna a activa e xenerosa belixerancia das mulleres nativas destas cinco excolonias portuguesas en África, contra o poder colonial. O compromiso e o hábito constante das mulleres en crear condicións de loita contra o agresor acelerou o proceso de descolonización. As mulleres africanas asentadas en seus propios dramas, silencios e inquedanzas foron capaces de rachar o cerco da explotación. A poesía feminina foi un dos soportes máis perceptíbeis no contexto publicitario e intervencionista das mulleres en loita contra a ditadura colonial. Transitando diversos e interesantes ámbitos solidarios e transmitindo vivencias frustrantes cións que atinxiron especialmente ás mulleres. Simples e entendíbeis poemas entraban en escena mobilizadora, como este da poeta angolana, Alda Lara (1930-1962): “Pela estrada desce a noite... / Mãe-Negra, desce com ela”.

A poeta e combatente angolana, Deolinda Rodrigues (1942-1987), disparou refachos de versos e interveu na loita armada de liberación, foi asasina por colonos. Fundadora da OMA (Organização da Mulher Angolana, e dirixente doutras mulleres con servizos á guerrilla. Deixou esta testemuña poética: “Hoje sou mulher / não sei já se mulher se velhina / mas é a ti que venho / África / Mamã África”. O nome de Deolinda, considerada heroína nacional, fica nunha das grandes avenidas de Luanda, tamén figura no monumento ás mulleres combatentes, moi preto da Avda. Ho Chi Minh.

A poesía existencialista angolana na que as poetas feministas tiveron e teñen un enorme eco que contrasta cos silencios que predominaron nunha xeración de mulleres sometidas ao peso da sombra colonial. Notábeis testemuñas poéticas manifestan o interese solidario das poetas que revelaron significativos apuntes sobre as carencias afectivas que tiveron baixo un omnímodo poder machista. Neste interese de difusión poética encontramos á avogada, Isabel Ferreira (1958), clarificando o desorde devastador, neste poema: “Os teus olhos embaciados / espelho opaco imundíce da vida // A fome transparente nos teus lábios / não deixa o sorriso brotar”. Nesta dirección apunta a poeta Ana Branco (1967), que nos remite á tenebrosa noite colonial das incontinencias da guerra civil. Velaquí a sentida manifestación desta poeta: “É noite. / Noite tão escura, / en que nada, / se destingue, / senão miña alma perdida, / no negro breu. / Sem, que ninguém / me veja”.

A desesperanza feminina na poesía africana en lingua portuguesa, marca unha carga dolorosa que podemos clasificar nese laio común que comparte o desespero de todas as Áfricas posíbeis baixo os tentáculos do polbo colonialista. A poeta caboverdiana, Ana Xúlia (1947), funcionaria pública, captou un sentimento de desprezo que recolleu de repregados ambientes de pobreza, articulada na axenda colonial. Aquela violencia devastadora contra as mulleres que esta poeta transmite o que moitas delas lamentaban: “Eu sou nada. / Sou passaporte duma morta / Voz estrangulada dum Deus / Sou interrogação da noite / chama apagada duma ilusão”.

Cabo Verde conta con unha inmensa voz poética e feminista, a de Vera Duarte Pina (1952), foi unha das dirixentes da dinámica Organização das Mulheres de Cabo Verde. Maxistrada do Tribunal Supremo de Cabo Verde, activista do feminismo do seu país en cohesión con outros países africanos. Vera Duarte é unha das inmensas poetas da lusofonía. O seu fascinante inventario liberador, sobre o universo da muller africana, concrétase no seguinte poema que revela a incontinencia do seu berro ante a liberdade negada: “Não mais estradas percorridas / em longos caminhos sofridos / De olhos vendados indo / Pela mao de cegos guiados // Não mais vozes gritantes / Em lentas torturas caladas / No silêncio infernal das celas // Porque os olhos se quiseram abrir”.

A poeta e filóloga de Guiné-Bissau, Domingas Samy (1955), autora dun lamento fúnebre que lembra o asasinato do dirixente independentista do seu país, Amílcar Cabral. Nesta mensaxe poética á súa mai, sinala: “-Querida minha! // Os Imperialistas mataram teu irmão mais velho. // Tudo se escureceu / e no meio dessa escuridão / e silêncio, / soaram como que vozes infantis”. Seguindo coa poesía guineense encontramos outra das grandes voces deste país, Maria Odete da Costa Semedo (1959), preséntanos outra versión intimista das mulleres africanas, dadoras de suculentos respiros ante dolorosos acontecementos nas escuras e descompensadas noites do colonialismo: “Teus olhos... / Perdidos no horizonte / Espelhan a dor / De um sonho incerto / Teus olhos... tristes / Quase inocentes / Buscan a ração / Do incerto”.

A oferta poética feminista de Mozambique, no período colonial, contou con poetas como Glória de Sant’Anna (1925-2009). Esta poeta portuguesa, que viviu longos anos en Mozambique, estivo implicada na denuncia e na coraxe contra a opresión feminina. Como indica nestes versos: “Mãe negra está dentro da súa machanba, / seu dorso brillando por cima das plantas, / seus pés emergindo da terra vermelha”. Outra das grandes voces feminina de Mozambique foi a de Noémia de Sousa (1926-2003), moi participativa en todo o proceso de liberación nacional. A súa poesía mantén un emocionante reencontro coa Mãe África, onde as mulleres maltratadas polo colonialismo recoñecíanse nesta exclamación severa e divulgadora: “Ó minha África misteriosa e natural, / minha virgem violentada, / minha Mãe!” As mulleres mozambicanas participaron en igualdade cos homes nas guerrillas anticoloniais, como Josina Machel (1945-1971), esposa do guerrilleiro e primeiro presidente de Mozambique, Samora Machel. O 7 de abril, data da súa morte, foi instituído como o día da muller mozambicana. Foi unha poeta de acción revolucionaria, con poemas certamente panfletarios que chegaban ás sufridoras mulleres populares: “É neste momento / que devemos ter en mente / e comprender a causa da nossa luta”. No ámbito feminista e revolucionario, na liña de Josina, encontramos a Joana Machaque, Maria Emília Roby e Rosalia Tembe.

As mulleres do arquipélago de São Tomé e Príncipe, un país tan reducido, no aspecto xeográfico e demográfico, fomentaron unha serie de plataformas culturais, de intervención política e orientadas cara a liberación nacional. O compromiso desa pléiade de poetas comprometidas coa liberación da muller e do país, creando organizacións feministas, en boa parte, débense á dirixente e poeta revolucionaria, Alda do Espírito Santo (1926-2010). Profesora, ministra e presidenta da Assembleia Nacional Popular de São Tomé e autora do himno nacional sãotomense. No seguinte poema, procurou o reencontro feminista coas mulleres vergadas pola miseria e a explotación, como manifesta no poema titulado: “As mulheres da minha terra”: “Irmãs, do meu torrão pequeno / que pasais pola estrada do meu país de África / É para vós irmãs, a miña alma toda inteira / -há em mim uma lacuna amarga- / Eu queria falar convosco no nosso crioulo cantante / Quería levar até vós, a mensagem das nossas vidas / Na língua maternal, bebida com o leite dos nosos primeiros dias”. A poeta e xornalista, Conceição Lima (1962), comprometida coas mulleres do seu país, este seu canto liberador: “Emergiremos do canto / como do chão emerge o milho jovem / e nun, inteiros recuperaremos / a transparência do tempo inicial / Puros reabitaremos o poema e a claridade / para que a palavra amanheça e o sonho não se perca”.

Estas poetas, entre outras máis, fixeron posíbel a loita pola liberación plena e independente das mulleres e de seus respectivos países dos PALOP. Naquelas circunstancias, as poetas estiveron mais preocupadas por unha exposición ética que estética, co fin de sustentar un foro aberto na que participaran tantas mulleres que non sabían ler e a poesía participaba no eco das mulleres das súas danzas e batucadas. Nesta festa universal do 8 de marzo, a loita das feministas de África continúa conquistando a igualdade de xénero, e tantas outras liberdade das que carecen as mulleres. Homenaxe á poesía feminista de intervención e coraxe, sustentando á Mãe África.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar