Acredito que vou vello 14/03/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

Marco Tulio Cicerón escribiu un manual, titulado: “Sobre a vellez”. Un compendio para os que entramos en folganza perpetua, facéndonos servir deses copiosos consellos para auxiliar as nosas penurias e contemplar a nosa soidade con ledicia. Estamos nun tempo de agravios contra os folgados, polo tempero depredador que os gobernos de quenda esgrimen contra o noso xubileo, na estafa das pensións e noutras prestacións e servizos sanitarios e existenciais. A cobiza dos corruptos aférrase en rebaixar o ben sabido subsidio que nós mantivemos coas consabidas cotizacións á Seguridade Social, enchendo e abastecendo esas arcas que consabidos políticos corruptos, din que son nosas, mais eles teñas a chave para baleiralas. Parece que o noso único sustento de manternos en pé é o caxato: amparo da plebe que produce plusvalía. As palabras de Cicerón teñen nestes tempos constante vixencia: “O froito da vellez é, como a miúdo veño dicindo son os bens acadados e gardados con anterioridade”. Mais os dilapidadores continúan remando a seu favor. Nefasta singradura para chegar a calmado desembarco.

Os que tratan de burlar a orde biolóxica da metamorfose, empuñando as artimañas e artificios para ignorala, no que respecta a tentar unha demora na mudanza que os ciclos da idade manifestan. Non hai eximente, a recta metamorfose que nos depara en súas puntualizadas leis que nos subordinan a seus ditados, posibelmente sexa un amparo na contundente que representa o Alfa e o Omega da nosa existencia, principio e fin de todas as cousas. Moitos non aceptan o presaxio, o anunciado dunha idade que ten que transcender a outra, negándonos a aceptar inapelábeis leis e disfrazándonos de fórmulas enganosas e revestíndonos de disfraces e ditos como o deste adaxio popular: “Alma nova a corpo vello redime”. Pretensións, sutilezas, marañas, todo para non aceptar a constante mudanza que nos levan a tantas lecturas que se mostran na nosa decadencia física e mental. Moitos adultos manifestan pavor pensando na vellez e rexeitando sordidamente s aceptar a realidade. Até o punto de evitar chamarse así a inventar un apelo e desfigurar a vellez, aplacándoa con esta definición: “terceira idade”. Son como crianzas, cando teñen nas súas maos un monicreque que o manipulan, coidando que é de verdade e, mesmo, obedece a súas inseguridades. En África pasa o contrario do que acontece en Occidente, todos queren ser vellos, para eles é un eloxio que lles chamen vellos, no sentido de individualizalos como persoas que merecen respecto por acumular sabedoría, tradición e memoria de cousas sublimes da sociedade na que viven.

A vellez, en seus síntomas que non enganan cando acapara cousas simples e inservíbeis, das que non precisamos, acredito que vou vello. Nese afán de coleccionar bolígrafos, plumas e canetas, das que nunca vou utilizar; zapatos dos que tantos teño e todos eles máncanme no mesmo pé, como presaxio de bater na miña conciencia. Paraugas e caxatos que ninguén entende os meus caprichos de vello porque aínda non os dobrego. Agora dáseme polas bufandas e polas navallas. É un problema de herdo, os xenes do meu proxenitor tiran de min. Coido que vou vello, mais non intento disimulalo. Isto de coleccionar encantos para os ollos, son teimas de supervivencia. Un aglutina cousas esporadicamente cativas para sobrevivir a supostas catástrofes. Iso de ir de vello pola vida en decadencia, para recibir respectos cun trato xeneroso, disimulando ser vítima dos anos, para conseguir ir sentado no metro ou no autobús, que lle concedan cruzar a porta o primeiro, non deixa de ser unha usurpación indebida. Cando non hai unha xustificación para provocar estes extremos. Para quen me vexa vou vello, máis intento non usurpar xenerosidades.