Estamos cercados por corruptos? - 21/03/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

Non hai ningunha dúbida de que estamos cercados. Esta semana de expoñentes corruptelas, abriron insólitas incógnitas na política deste Estado que cada vez confúndenos menos. Unha semana enteiriña de completos e diversos afaires de corrupción ininterrompida e protagonizada por consabidos persoeiros de artimañados partidos políticos, tantas veces sinalados como organizacións mafiosas. Curiosamente, tres deputados tránsfugas de Ciudadanos, no parlamento de Murcia, que asignaron unha moción de censura ao goberno autonómico do PP, dous días máis tarde pasábanse a este partido. Volveu a soar o “tamayazo” e os subornos tan oficializados nas numerosas chabolas da corrupción. E mentres isto sucedía en Murcia, un exsenador e extesoreiro do PP, Luís Bárcenas, actualmente no cárcere está declarando nun longo xuízo sobre a Kitchen, do roubo e eliminación de documentos realizados polo propio Mariano Rajoy e seus íntimos. Isto non é novidade, para un PP que di superar o pasado, pero as mesmas practicas constatan que o peso das sombras pasadas continúan activadas nos albores de soberbias corrupcións, sinalando que están superadas.

Constantemente estamos cercados, ameazados por astutos e obsesivos monifates que se proclaman superhomes e teñen na indecencia o seu brasón de clase. E sabio que a moral e a ética non teñen cabida en seus deshonestos plans. Acomodan a cobiza e fan dela estratexia raposeira para triunfar. Non importan os excesos para conquerir o lucro fácil nos viciosos cortellos da política. Os corruptos non carecen de sensibilidade e afán de enriquecerse do erario público, porque as súas patoloxías polo indebido defenden súas ambicións. Espanta o grupo organizado de corruptos e, sobre todo, o perfil sinistro da maneira de acomodarse en tódalas apetencias e dominios do poder que manteñen dentro das institucións do Estado. En todos eses refuxios e viravoltas que ten o labirinto estatal, está presente unha exquisita pirámide xerárquica desa casta de corruptos, que moitos deles xa teñen monumento personalizado nas prazas e seus nomes en rúas, como honorábeis servidores do pobo.

Nesta situación, parece que estamos nun Estado de excepción sen que a cidadanía intente saber algo mais destas temeridades, tan avultadas e envolventes que se perpetúan no fraude e na rapina dos bens públicos. O poder omnímodo de corte medievalista amparando a unha corte principesca, que supera e confunde a democracia vixente, que me lembra os versos de Vítor Hugo, na súa obra: “Le Petit Roi de Galice”, nos que di: “ “No lugar desolado eles están triunfantes // Fero e tráxico grupo forman estes infantes. / Diante vai un clarín que a distancia acompaña / un fato carroñento, o mais negro de España” (tradución de Henrique Harguindey). Falo das elites dominantes e das investidas de infalíbeis privilexiados que a era de Rajoy está desvelando nos tribunais. Así de horizontal é o atino na desfeita da gobernabilidade pepeira.

Este nomenclátor de elevadas e grosas corrupcións lévanos a meditar na famosa frase aristotélica: “O home é un animal político”, na expresión grega significa “cívico”, que nos distingue dos demais animais de ter a exclusividade de definir o bo e o malo, o xusto e o inxusto. Aristóteles tamén reflectiu: “A política defínese no posíbel como a arte de gobernar”. Á luz destas frases do pensador e filósofo grego, convén reflexionar no desviacionismo dese animal cívico e da arte con que desgoberna, no que se comproba actualmente as infames corrupcións e vendetas que alimenta o transfuguismo.

Lendo unha obra utilmente didáctica e pedagóxica, en clave de humor, tan relevante para o pensamento actual, como é o libro: “Memorias dun amante sarnoso”, de Groucho Marx, no que di: “A política é a arte de buscar problemas, atopalos, facer un diagnóstico falso e aplicar os remedios equivocados”. Boa lección para descifrar o lastre dos falsos diagnósticos que a dereita actual neofacista pon en vixencia. Nesta situación de corrupcións e transfuguismos, reiteramos a pregunta inicial: Estamos cercados por corruptos? Talvez un libro como o de Groucho Marx defina unha situación de tanta transcendencia como a actual, moito máis que as que revelen as imaxes tan exclusivas, seleccionadas e concertadas na tv. Nun libro ou nun xornal de opinión podemos atopar o magnificat de numerosas claves solventes onde a palabra determine a información. Pois, non digan os contacontos “políticos” que unha imaxe vale máis que mil palabras.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar