A liturxia das choivas de abril - 04/04/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

O refrán agrario do rural galego: “En abril, augas mil”, tan sensíbel e perceptivo para os labregos, correspondente ao ciclo xerminal que determina a primavera en seu cántico xeneral, cando bate a choiva abrileira enchendo pozas, regatas e os sucos que agardan sementeira. A nocturna sinfonía perfecta das ras en súas pucharcas; os diversos arrechouchios da paxarada en conquista de aparellamento; o eco madrugador abrindo labra coa rutineira voz: “vaca veee, toura ao rego”, esas sonoras ladaíñas xa non son. O abandono do rural proclamou silencios onde houbo bucólicas alboradas. Abril continúa elevándonos a insaciábeis plenitudes como sinalan os tres iniciais versos do Cançoner de Ripoll (Carmina rivipvllensia), temática goliarda do século XII: “Aprilis témpore, quo nemos frondibus / et pratum roseis ornatur floribus, / iuuentos tenera feruet amoribus”. As calendas do frondoso e ornamentado abril, con rosas e flores nos prados, e de amorosa tenrura en ofrenda á mocidade. Tamén o subliña a herba verde que explosiona nos ermos, noutros tempos foron longos agros de abastecidas searas, onde o cuco cucou e os paspallás anunciaba froito espigado.

Sinto saudades do meu tempo infantil, fai máis de setenta anos, cando abril -o meu mes preferido- ofrendaba ese cántico espido, de mansa choiva, emitindo nos follatos de soutos e carballeiras o xermolar dunha renovada e frondosa paisaxe. As choivas de abril codificaron nas retinas marabillosas expresións naturais nas cores de toxo, de xesta e de mimosas. Nun chover miudiño rosaliano, de mainas pingas que baten tenuemente nese enorme bosque griálico e pétreo de Compostela. Onde os galegos afastamos as soidades invernais, fardados coas choivas pracenteiras que bañan os horizontes do Sar e Sarela nesa ofrenda. Ver o fluído despexado da auga abrileira saíndo en vertical das renacentistas gárgolas de San Martiño Pinario. As torres de Compostela implorando albores de luz e prodixio xerminal coas choivas de abril para mudar místicas tridentinas e rematar co que podrece. Nas rúas molladas de Compostela os pés demandan andaina metafísica e puntualísima dilixencia para chegar aos soportais da praza da Quintana, congratularse na lenta choiva de abril cando o mazo da Berenguela sonoriza as doce horas dun día de primavera, acordando á pedra cansada e baixo un manto de murcho mofo.

Nunca conseguín darme unha molla baixo un farturento trebón de choiva mansa de abril. Tiven varias tentacións cando os poros desexaban respirar os pingazos dunha nube competente. Confeso que son demasiado covarde para resistir os clamores da choiva sobre o meu corpo nu. Como se non procurase a inocencia de sentirme libre e salvaxe como un cervo. Aínda que só sexa para congratular as glándulas sudoríparas coas pingas abrileiras. Penso naquela treboada barullenta que acariñou a tantos corpos libertos, que coñecen a súa linguaxe e aman as súas liturxias iniciáticas. Así era aquela choiva de Kajimbo no barrio das Ingombotas de Luanda, que non me deixou indiferente cando o ceo esgazou en torrentes sen dar aviso do diluvio. Mais as crianzas saltaron núas e inocentes a expor a súa heterodoxia, sen finximentos e sen arrepíos que produce o saber espirse a tempo, cando a choiva protagoniza o fin das alienacións e dos mitos. As choivas xerminais de abril precisan ser ovacionadas por corpos nus e libertarios.

Venres 2910/2021, debate sobre 2 libros da miña autoría

Venres 29, debate sobre 2 libros da miña autoría, publicados no presente ano.
Promovidos pola Libraría da Proencia. Na igrexa de Pinol (Sober), ás 19 h.
a ìntura manierrista en solbar