Crónica e crítica de arte de Castelao no centenario do seu 'Diario de 1921'-25/04/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

A valiosa testemuña que transmitiu Castelao no seu dietario, titulado: “Diario 1921 (Francia, Bélxica, Alemaña)”, na altura en que percorreu estes tres países. Comezou a súa crónica o 26 de xaneiro de 1921, coa súa chegada a París, describindo puntualmente os seus itinerarios artísticos e culturais até o remate da súa longa estadía por estes países en Munich, o 10 de outubro do mencionado ano. Os percorridos de Castelao, durante máis de nove meses, en procurou da universalidade artística do que estaba sucedendo en Francia e Alemaña, dous países belixerantes na primeira guerra mundial, recen rematada, penetrou neses enormes fortíns artísticos que aglutinaban os grandes e variados museos e galerías, proxectados por artistas en súas aspiracións e traxectorias que estes tres países souberon soster un enorme patrimonio artístico. Aí chegou Castelao procurando recursos estilísticos e activando as súas aspiracións e mantendo un dialogado co verbo dos grandes mestres das artes plásticas nos museos franceses, belgas e alemáns, onde o rianxeiro extraeu dinámicos recursos creativos.

O encontro de Castelao co potencial pictórico e coas expresións máis vangardistas da época contribuíron a ampliar seus estudos críticos, co fin de dinamizar a arte galega en seus propios valores e autenticidades, esclarecendo os problemas da Galiza, nun renovado potencial para visibilizar e expresar ese tempo parado no que estaban ancoradas as artes na nosa Terra. Neste ámbito había que fundamentarse nunha transcendente mudanza capaz de crear pulo e abastecerse de novas experiencias e utilidades cun fin didáctico e pedagóxico dirixido aos máis excluídos das artes plásticas, e posibilitarlles ver o seu propio universo creativo e a súa propia liberación, dunha maneira pragmática e en clave artística.

Neste longo período de observación e estudo que nos explica Castelao, nesta axenda, foi capaz de repercutir en varios ámbitos culturais, espallando as experiencias contraídas nese tempo e espazo. Castelao introduciu no noso país publicacións, catálogos de pintura e pronunciou conferencias sobre arte que agromaban en Europa despois da grande guerra. Sobre este tema, escribiu Vicente Risco no seu libro: “Mitteleuropa” (1934): “Cando Castelao andou por estas terras, levou de aquí entre outros libros, Der Espressionismus de Paul Fechter, que lemos todos. Eu conservo unha versión galega daquel libro feita por Ramón Otero Pedrayo, e que morrerá inédita”.

A calidade crítica e poliédrica que ofrece no seu “Diario 1921”, trasponnos cara as súas observacións de centos de obras, que el cita minuciosamente, ciclos artísticos e persoeiros claves na pintura universal. En París visita unha exposición cubista de Picasso, que Castelao esmiuza con precisión e dela escrebe: “Os cadros cubistas de Picasso son para volver tolo a calquera americano do sur; pero unha persoa ben organizada espiritualmente e cunha tradición pesando enriba da súa raza, non pode tomalos en serio anque vexa que isa clás de pintura non sexa enteiramente útil”. Castelao pensa na utilidade artística que ten que programar e crear conciencia por medio do realismo social e didáctico, que é o que el postulaba naquela época de novas alertas que comezaran coas “Irmandades da Fala”; coa incursión de Vicente Risco sobre varios traballos teóricos e libros sobre o nacionalismo galego e na explosión da “Xeración Nós”, que abriron tantas fiestras para osixenar o lar patrio, que Castelao confirma co seu “Álbun Nós”, concluído en 1918, de estampas cromáticas, expostas en numerosas vilas e cidades galegas, en Barcelona e Madrid, Aquelas exposicións itinerantes, desvelaron a necesidade e a precisión de que Galiza precisaba dunha arte propia que desvelase os problemas que estiveron na axenda da “Xeración Nós” que recollían as denuncias que inxeriu Castelao no seu álbum dun cambio cualitativo que se estaba producindo. Era obvio que para a intelectualidade comprometida coas mudanzas na Galiza, había que rescatar as esencias creativas da arte autóctona para darlle funcionalidade centrada no contexto de Galiza. Volvendo á crítica sobre o cubismo de Picasso, foi moito máis dura a opinión de Risco, no seu libro: “Satanás, História do Diabo”, ao subliñar: “Esta é a ração porque, no Cubismo, e en todo o que se segue ou o acompanhou, a figura de Arlequim aparece uma e outra vez. O Diabo quis deixar a sua assinatura” (versión portuguesa). Esta idea excéntrica de Risco, expón a presencia das malfeitorías dos que estaban posuídos polo demo, como era o caso de Picasso e outros. Claro, isto era entendíbel por Castelao e Risco, que sentían a necesidade de crear unha arte de remisión galega.

O “Diario 1921”, non deixa de ser o grande libro de Castelao, despois do “Sempre en Galiza”. No que se diversifican variados relatos artísticos, súas preferencias polo teatro e o cinema, os seus paseos polos grandes xardíns e avenidas das grandes cidades onde estivo; preferencias gastronómicas, seus parladoiros, seus ires á misa de domingo. A súa presencia en tódalas exposicións de arte, non deixa de impactarnos. A súas preferencias por pintores que escolle e escudriña están presentes nesta axenda-crónica. Sen a lectura pormenorizada deste diario, continuaremos sen saber os perfís humanos, artísticos e compromisos co esencial da liberdade e coa defensa da Galiza que el estimulou. Castelao, Observando unha exposición París, de arte tibetana, manifestou: “Eu coido que todo artista pra faguer algo bo ten de ser fillo de algunha terra”.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar