Palestina, salvavidas de Netanyahu - 25/05/2021
logo nosjpg

Xosé Lois García

O taboleiro de xadrez onde dous exércitos exercen o dereito de defender seus propios territorios e súas dinastías en contenda, cando as peonadas dun bando fican minguadas o de maior predominio vulnera e desactiva as normas que regulan un armisticio, para ficar con todo o taboleiro e liquidar as regras de xogo. Quizais ese taboleiro de xadrez é unha metáfora que nos ilustra do que pasa con Israel e Palestina, en seu longo conflito de mais de setenta anos de existencia expresados en permanentes axitacións bélicas; ocupación de terras reguladas pola rapina dos espoliadores. Mentres uns están á defensiva con simples pedras e foguetes artesanais de non moi longo alcance (que tamén matan), os outros responden con mísiles. A descompensación orquestrada e executada, de que un morto xudeu vale por dous centos musulmáns mortos. Esta monstruosidade supera a Lei de talión que recolle o Antigo Testamento é o Código de Hammurabi babilónico, na que se respectaba a reciprocidade do dano.

Os excesos bélicos que pon en practica o Primeiro Ministro de Israel, Benjamín Netanyahu, en varias ocasións do conflito e coincidentes cos diversos períodos dos seus gobernos, van alen do que é un conflito ao estilo clásico dun confronto. Eses excesos teñen a categoría de xenocidio, polas vítimas que produce nun espazo desprotexido, como é Gaza: ese enorme cárcere, a raso cha e ceo aberto, unha rateira perfecta para producir devastacións de centos de mortos indiscriminadamente de civís.

O valor da vida do diferente ten pouco significado moral e humano para Netanyahu. Este tráxico persoeiro sabe perfectamente o que significa un holocausto, por que procede dunha familia xudía de Varsovia, implicada no nacionalismo sionista. O seu avó foi o rabino Nothan Mileikwski, e seu pai Benzión Mileikwski (que mudou este apelido polo de Netanyahu. Foi editor da “Enciclopedia Hebrea”, historiador de renome, especializado na “Historia Medieval Sefardí”. Autor de “Los orígenes de la Inquisición en la España del siglo XV”, entre outros ensaios sobre a inquisición española e un dos máximos expertos en antisemitismo. Estas liñas sobre os proxenitores de Benjamín Netanyahu clarifican bastante a implicación do establecemento do Estado de Israel.

O actual Primeiro Ministro israelí pertenceu ás Forzas de Defensa de Israel, participou na guerra dos “Seis Días”, desde onde comezou a escalar nas peripecias bélicas, como xefe das forzas especiais “Sayeret Matkal”, intervindo na “Operación Inferno”, “Operación Isótopo”, Integrado na “Guerra de Desgaste”, e na de “Yom Kipur”. Con esta biografía militar e fundamentalista posiciónase Netanyahu como un militar ben breado e convencido de pertencer a esa poderosa máquina de guerra, da que el bota mao para destruír e, tamén, poñerse a salvo, da caída que ten ante o electorado e dos tribunais que o acusan de corrupción, dos que intenta salvarse coa inmunidade que o seu cargo o apraza.

Netanyahu utiliza aos palestinos como reféns e, mesmo, salvavidas de si mesmo, utilizando a guerra en nome da seguridade de Israel para aprazar a súa presenza ante os tribunais que tratan e xulgalo. O Primeiro Ministro israelí forma parte da estrema dereita máis activa e máis escura da escola de Trump. Este prestoulle un apoio incondicional en varios frontes e contra o pobo palestino. Trasladando a Embaixada USA a Xerusalén dunha maneira provocativa; retirou todos os apoios de recoñecemento á resistencia palestina; encouzou a Bolsonaro a ser un aliado forte e incondicional de Netanyahu. Así como outros temas moi nocivos que repercuten na opresión do pobo palestino, fomentados pola administración Trump. Dá a impresión que a administración Biden vai temperar unha liña moi contraria ao trumpismo e á que sostén Netanyahu, na nova política a realizar pola actual administración norteamericana con respecto a Oriente Medio.

Israel como estado independente e soberano ten dereito a defenderse de calquera agresión exterior, mais cando non o fai dunha maneira proporcional estará empregando unha extraordinaria agresión con forza destrutiva e exhibindo os seus dentes xenocidas. Máis non pode alegar que é atacado cando non respecta as fronteiras, repregando aos palestinos a unha reducida e marxinal existencia de gueto. Nesta última agresión, o cálculo aritmético é moi conciso e esclarecedor sobre os dous centos mortos de palestinos polos bombardeos israelís e dez xudeus. Estas cifras aterran, cando vemos a pasividade dos gobernos con máis influencias en facerse oír e non dobregarse ao recato. Ou organismos como a ONU, despacha este asunto enormemente grave cun comunicado de boa esperanza. O mesmo acontece coa Comunidade Europea demandando paz, desde o burladoiro da indiferencia.

A barbarie de Benjamín Netanyahu repítese con mortes e espolios contra o pobo palestino. Nestes excesos, posiblemente non coincida cunha maioría de xudeus que buscan entendemento e respecto polos Dereitos Humanos, tan ausentes na sensibilidade deste militar-político, que a tantos xudeus avergoña e a outros conmociona como ten manifestado o xudeu e compositor internacional Daniel Baremboim. O descontento contra estas políticas de mano militari, vén sendo contestada desde variados parámetros de influentes xudeus da vida pública e intelectual israelí, como é o caso de Israel Shahak (Varsovia, 1933-Xerusalén, 2001) que soportou o holocausto nazi no gueto xudeu de Varsovia, solemnizou estas rigorosas advertencias: “Os nazis fixéronme ter medo de ser xudeu e os israelitas fanme ter vergoña de ser xudeu”.