Ucraína: a espiral no labirinto (II) -13/03/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

 

A espiral liberadora de Ucraína continúa no labirinto dos que tentan destruír patrias consolidadas. Os ucraínos retoman a forza orixinal concretada na nación dos rutenos, que sempre se distinguen da chamada Gran Rusia, Rusia Branca (Belarús), pola diversidade marcante que teñen con estes. A antiga e medieval Rutenia fundamentou a actual Ucraína e destinguida dos mencionados veciños, non só polo idioma tamén polo seu carácter, tradicións, antropoloxía, costumes, cantos populares e indumentaria.

Ucraína foi apetecida e invadida pola chamada Gran Rusia e anexionada por Polonia, mais o seu carácter colectivo, manifestado neses atributos, lexitimaron a marcante individualidade nacional que sempre defenderon con constante tenacidade fronte aos polacos, dirixidos polo líder ucraíno no século XVII, Bogdan Khmelnitski, expoñendo ao rei polaco seus drásticos cinco puntos: a liberdade dos residentes ucraínos; a expulsión de xesuítas e xudeus de Ucraína; a renuncia do rei á unión relixiosa entre os rutenos e a Igrexa latina. O rei polaco desestimou estas formulacións e Khmelnitski entregou Ucraína ao zar Alexis (1653), alegando que o facía por cuestións de etnia e relixión. Mais a Galitzia que formaba parte da nación Ucraína ficou baixo o poder polonés. Polonia e a Gran Rusia non puideron liquidar a individualidade nacional cosaca dos rutenos. Os movementos nacionalistas ucraínos concertaron a proclamación da personalidade vital deses atributos que foron o motor da nacionalidade.

A finais do século XVIII e durante todo o XIX, os intelectuais ucraínos resolveron dar un enorme enxalzamento a eses atributos nacionais que se vían en perigo e confundidos ante as aspiracións egocentristas da Gran Rusia. O conflito entre rusos e ucraínos tivo data memorábel e esclarecemento en 1798, coa publicación da “Eneida Disfrazada” do escritor ucraíno, Kotliarewski, que proclamou un arroutado renacer da escrita do idioma popular. A recuperación do impulso desmemoriado, provocou unha solemne alarma ante os gobernantes rusos que o catalogaron como un movemento redentor e restaurador do separatismo de Ucraína, creando alarma atentatoria contra a unidade do Estado ruso. Foi tal o temor e a vixilancia ao movemento de intelectuais e ás adhesións populares que estes recollían. Os medos e as preocupacións do centralismo de Moscova, activaron unha minuciosa autodefensa que tivo diversas repercusións negativas contra os intelectuais de Ucraína, como foi no caso do destinguido escritor ucraíno, Nikolai Gogol, cando o goberno imperial zarista negoulle ocupar unha cátedra universitaria. Infundindo sospeitas separatista pola súa novela: “Tarás Bulba”, na que describe ao persoeiro do mesmo nome, un cosaco das estepas ucraínas que o coloca no século XVI. Unha novela en clave do movemento nacionalista ucraíno. Un dos grandes intelectuais rusos do século XIX, Nikolái Kostomárov (1817-1885), profesor da Universidade de Kiev, autor de “As dúas nacionalidades”, confirmou a existencia das nacións ben diferenciadas como son Ucraína e Rusia. Sinalando a diversidade idiomática, as costumes, insistindo no tema lingüístico: “Non hai soamente dúas linguas, senón dúas nacionalidades que se diferencian completamente unha da outra”.

Todo o século XIX e principios do XX, os escritores e intelectuais ucraínos rehabilitaron en súas creacións o idioma, as vivencias e os relatos de Ucraína, reivindicando os dereitos deste país a ser libre e independente. O nacionalismo emerxeu con forza, constituíndo dous partidos o moderado (autonomista) e o radical, este último inspirado nunha Ucraína independente. Promocionouse unha situación de álxida temperatura para o nacionalismo, onde a espiral ucranista vibrou con poderosa e envolvente actividade redentorista, creando conmoción e inestabilidade ao labirinto ruso. A Pequena Rusia (denominación pexorativa que os rusos deron a Ucraína), en confronto coa Gran Rusia, esta reaccionou con animoso carácter hostil, obstinada en non perder o seu statu quo e as belixerancias que predominaban sobre seus veciños. Pese á superioridade rusa, patrocinouse un protonacionalismo por parte daquelas entidades nacionalistas de diferente orixe e mestura, como indica E. J. Hobsbawm: “Moitos deles eran ucraínos, tártaros, polacos, lituanos, ademais de rusos da Gran Rusia. O que os unía non era o sangue, senón as crenzas”. A complexidade identitaria chegou a extremos antagónicos entre os que arboraban o “Nós” contra o “Eles”. A vocación imperialista da Gran Rusia, obstinada nesta definición, era bastante clara para resolver a cuestión da Ucraína favorábel aos rusos.

Os estragos cometidos contra a unidade ucraína e seus atributos nacionais, non viñeron só de Rusia, tamén Polonia interferiu e dirixiu seu poder de absorber a Galitzia, territorio e idioma que configurado na unidade nacional de Ucraína. Sendo absorbida polo imperio polonés. Merece capítulo aparte a cuestión galitziana en seus afáns redentoristas de integrarse á pertenza natural de Ucraína. A mobilidade de voltar á patria común non cesou desde Kracovia, capital da Galitzia. As autoridades polonesas trataron de xustificar esa anexión forzosa, de que os rutenos era un colectivo incivilizado e de raza inferior.

Na actual invasión rusa, podemos entender que os refuxiados ucraínos maioritariamente desprázanse a Polonia -segundo os medios informativos-. Non. Desprázanse a Galitzia, seu antigo territorio, onde teñen en común a idiosincrasia da verdadeira nación que os une, son recibidos en admirada irmandade. A espoliación organizada por parte de Rusia non cesou en diversos períodos da súa historia. Os asedios contra a Ucraína, durante a súa historia, tiveron diversas usurpacións territoriais, e a súa cultura foi negada violentamente polo stalinismo. Como é o caso dos kobzars, aqueles bardos itinerantes que tocaban o kobza, instrumento ucraíno (unha especie de laúde). Os kobzaris organizaron irmandades que cantaban ao son deste instrumento musical, cancións épicas exaltando a nación cosaca e contando historias sonorizadas e de exaltación da patria Ucraína. Estas irmandades foron perseguidas e destruídas na década famélica de 1930, coincidindo coa persecución dos campesiños ucraínos, considerado un dos xenocidios máis espantosos de Stalin, na que faleceron de catro a oito millóns de persoas. Esta é a historia tan mal contada ou interesadamente ignorada da sufrinte opresión de Ucraína. Putin continua a senda depredado dos grandes sátrapas stalinistas e zaristas.