Antolín Faraldo, no seu bicentenario 19/06/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Maña luns día 20, cúmprese o 169 aniversario do pasamento de Antolín Faraldo Asorey (Betanzos, 2 de setembro de1822-Granada, 20 de xuño de 1853), lonxe da súa patria que procurou liberala dos apróbeos estatais. Para Murguía foi un precursor do rexurdimento político e para Benito Bicetto un emancipador da Galiza. Estes perfís biográficos valorizan o posicionamento ideolóxico de Faraldo -ese mozo que finou aos 31 anos- confirmado como unha das promesas certeiras de Galiza, que modulou esperanzas de porvir no seu teórico provincialismo e na súa practica revolucionaria, que tomou relevancia a súa participación na Revolución de 1846 na Galiza.

Abondan os destaques deste mozo, prócer do galeguismo e de súas respectivas evolucións: rexionalismo, nacionalismo e independentismo. Todo este contexto faraldoniano, ficou reflexado por historiadores, estudosos e biógrafos como Francisco Tettamancy, Francisco Vales Villamarín, Paco del Riego, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Justo Beramendi e tantos outros que se ocuparon sobre o proceso social e político no que estivo integrado Antolín Faraldo.

Os estudos sobre este ideólogo betanceiro, rehabilitan e engrandecen a súa figura en varios formatos de investigacións pragmáticas, como a que nos vén do filólogo e escritor, Xurxo Martínez González, investigador sobre varias figuras do Rexurdimento, que remata de sacar do prelo unha incuestionábel aportación sobre Antolín Faraldo, titulada: “Querida Liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento”, Editora Alvarellos (2022). As 192 páxinas iniciais que compendian a investigación na que Xurxo Martínez escudriña o pensamento e o activismo de Faraldo, do chamado provincialismo e do ideario liberal que se deu na Galiza posteriormente ao Trienio Liberal.

Xurxo Martínez González endereita varios apelos sobre o entorno familiar dos Faraldo, comezando polo seu proxenitor Feliciano Faraldo, de reaccionaria catadura realista: “Feliciano mobilizara as forzas realistas da contorna, patrullas milicianas e alarmas, para opoñerse ao chamamento constitucional lanzado por Porlier”. O pai de Antolín Faraldo foi un masacrador das liberdades que se impoñían fronte a ditadura borbónica de Fenando VII. Feliciano era o valedor das forzas represivas do rei felón en Betanzos, onde exerceu un poder omnímodo e desmesurado desde diversas administracións estatais. No Trienio Liberal foi deportado a Tenerife. Neste período naceu Antolín Faraldo, anos máis tarde Felicino e familia trasladáronse a Compostela.

Con seu irmao Tiburcio estudan medicina e incorpóranse ao liberalismo que campaba nas aulas universitarias. Tomou unha posición chocante e adversa aos comportamentos de se pai. Convén estar atentos á mobilidade e accións do mozo Antolín Faraldo, que Xurxo Martínez González deseñou na súa explícita e innovadora investigación, sobre a vida e a obra deste provincialista, que nos mostra desde a páxina 21 até a 194.

Da páxina 199 até 381, compéndiase unha antoloxía de textos que Antolín Faraldo escribiu en diversos xornais da Galiza e fora dela. Unha excelente ocasión para poder adentrarnos no ideario defensivo que nos legou o malogrado mozo betanceiro. Antolín foi un dos activistas liberais da Revolución de 1846, que proferiu a seguinte invocación: “El pueblo conquistará en esta revolución lo que le han arrebatado los cómicos de los pronunciamientos: pan y derechos. Galicia arrastrando hasta aquí una existencia aprobiosa, convertida en una verdadera colonia de la Corte, va a levantarse de su humillación y abatimiento”. Este texto, coloca a Antolín Faraldo como prócer revolucionario e digno intelectual do ideario provincialista, liberal e aínda republicano que abriu extraordinarios debates en pro dunha Galiza gobernada por si mesma.

Un dos grandes textos xornalísticos e ideolóxicos de Faraldo, que xustifican o avance revolucionario na que enmárcase na loita de clases: “Uno fue el grito de la esclavitud victoriosa, otra es la voz del desengaño que reflexiona. Así el siglo pasado dijo que la REVOLUCIÓN ES HIJA DEL CIELO. CASTIGAR A LOS REYES Y HONRAR A LA DIVINIDAD ES UNA MISMA COSA. Al contrario, el presente, más intelectual y moral, predicó a los hombres que DIOS QUERÍA LA JUSTICIA, QUE LA BASE DE LA FELICIDAD SOCIAL ERA EL AMOR”.

O fracaso do levantamento militar da Revolución galega de 1846, levou a Faraldo ao exilio en Portugal, falecendo en Granada. O eco fúnebre resoou na intelectualidade galega, que valorizou as achegas aportadas por Antolín Faraldo sobre provincialismo, progresismo e republicanismo. Sinalando: “No obstante, estos tres grandes movimientos en que se retemblo en antiguo edificio social, Galicia, a pesar de manifestarse muda y silenciosa, estudió y concibió la fórmula de su porvenir”. Antolín Faraldo Asorey, en seu bicentenario, continúa abrindo debates e descubertas, entorno do seu pensamento defensivo.
Nós
A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.
Xosé Lois García