Derrube da A-6, símbolo dun sistema corrupto - 26/06/22
logo nosjpg

Xosé Lois García

“España va bien”, consigna aznariana que mostra as grandes parcelas da corrupción e demais enredos dos oito anos de desgoberno de Aznar, proliferou unha rede de fraudulentos desmáns que continúan desvelándose, como é o caso do derrube de dous vanos do viaduto do Castro, de cincocentos metros de longo. Qué tipo de infraestruturas e instalacións viarias do Estado, con menos de vinte e cinco anos de construción derrúbanse na A-6? Raquel Sánchez, ministra de Transportes e Mobilidade, manifestou: “O problema oculto da A-6, no quilómetro 43, non se detectou cando decidiuse cometer as obras”. A gravidade do problema quizais teña a súa orixe na falta de retrospección do terreo, nesas pendentes do relevo orográfico do macizo galaico na banda do Cebreiro, cun tecido de montañas moi determinadas e para ter en conta o desafío que se impón na construción dunha das vértebras de comunicación viaria que penetra na Galiza desde a meseta, unha das mais fluídas do noso norte profundo. Dá a impresión que unha vez inaugurada con toda pompa, esquecéronse de observar tecnicamente as estruturas e o mantemento desta complicada rede viaria da A-6. Neste ático repregue, esqueceron os requirimentos específicos que a Comunidade Europea encomenda para a rede viaria dos países membros, en súas referencias asistenciais e de inspeccións ordinarias dos materias que sustentan estas autovías.

Parece que a ministra Sánchez oculta na súa contraída opinión algo moi importante que a cidadanía debe saber. Minimizar este sinistro equivale a reducir o problema só nesa ponte do Castro derrubada. Cando este suceso pode ser o inicio doutros máis que poden resultar mais serios e con lamentábeis perdas de vidas e de intereses públicos. Fáixenos sospeitoso e, mesmo pavoroso, para quen circule pola A-6, polos tramos do Cebreiro e continuos, sen dubidar desa estrutura de piares, vigas, cables e calzada. Nesta enorme confusión e pánico de circular por unha autovía na que comezan as asomadas de abandono, incumbe aos usuarios -que somos todos- para presionar e demandar responsabilidades penais.

Sabemos que o tramo derrubado, de Pedrafita a Veiga de Valcarce, foi adxudicado a Fomento de Construcciones y Contratas (FCC), da poderosísima Esther Koplowitz, tan ligada ás adxudicacións que o goberno de José María Aznar tiña con FCC, como é o caso deste tramo. A poucos medios de información se lles escapa este dato. A obviedade despexa que a compañía da Koplowitz mantivo activas dotacións monetarias co PP, como se reflexan nos chamados “Papeis de Bárcenas”. Velaquí os feudos da corrupción entre administracións e o poderoso trust empresarial que conviven, transgriden e transvasan intereses monetarios do erario público. Así é de serio este país que tolera tantos desaguisados deste animalario raspuñeiro entre gobernantes e construtores. O tramo da A-6, no Castro, posiblemente descubra outras construcións de dubidosa calidade, froito dos pérfidos e poderosos gobernantes e financeiros, sempre custodiados pola impunidade.