O humor e o sentimento crítico dos galegos - 11/09/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Ou talvez a concordancia das cousas rexistradas con humor e que sen el pouco delo poderíamos discrepar ou minimamente concordar. Mais o cotián hai que contemplalo con ironía aínda que sexa dunha maneira cínica, que tantas veces resulta o máis entendíbel. O humor precisa dunha dose de sutileza para que non fique ao amparo de simples. Hai que esmiuzar o encanto que teñen as cousas e os dons que percibimos delas aínda que nos resulten ridículas, mesmo as que nos asisten. Persoalmente estou por aceptar o humor filosófico e pudoroso máis que outros artificios de simples risadas e faltos de contido pedagóxico.

Son unha persoa opaca e incapaz de acertar coas clarividencias, destinos, certezas e segredos que aporta o sentimento humorístico e satírico galego. De grande proxecto e escolas, con distintos atinos creativos que van alén da tradición oral da que se nutriron diversas particularidades do humor popular galego. Sempre lembrarei aquel meu veciño que en ton de humor frívolo convocoume impacientemente a observar como cuspia unha vez no chan e tres na punta do zapato, conformando un triángulo trinitario, no cal apagaba o cigarro. Deste avatar confirmaba que estaba no inicio do humor tráxico grego, no cal podía aparecer Perseo animando crime con figuriñas na punta do zapato. Gusto do humor frío e intolerante, sempre que con el podamos chegar á ironía metafísica da que tantos estremeiros carecen. Supoño que o verdadeiro humor vén dunha forza explosiva: como un orgasmo que tes cunha persoa pensando noutra. O efémero non deixa de ser un raquítico milagre, así vemos como a ironía non é unha graza consentida polos deuses, soamente un eufemismo.

Coido que nós os galegos temos un sentimento crítico de crear un humor nutrido de sabedoría que alimenta o noso espírito matricial, que vai alén do que entendemos por comicidade. O humor actual que aparece nas viñetas dos xornais, suxírennos unha particularidade existencialista nutrida de denuncias sociais, que manteñen unha excelente crítica ao valorar diversos escenarios onde o humor convértese en protector social das liberdades e das denuncias dirixidas aos poderes administrativos que defraudan á sociedade. Aquí, en maior ou menor medida, o humor de tradición critico popular, de persoas case analfabetas, crearon unha denuncia moi suave, inxenua -parece- e moi entendíbel nas súas diminutas, contra os poderes fácticos. Sírvanos o seguinte exemplo popular: “Kyrie eleison, Kristie eleisón; cartos para o meu bolsón”. Unha denuncia satírica e “vulgar” que nos ilustra de ver a teitume das ambicións dos poderosos desde un ángulo crítico e merecente de salva vidas.

O sentimento crítico do noso humor posúe ese poder de manifestar as raíces da nosa cultura e contraernos no pensamento dos nosos humoristas de antano como Enrique Labarta Pose (1863-1925), que fixo escola humorística en Barcelona, cos seus amplos matices galegos. Castelao que revelou os segredos da sociedade galega e as súas reivindicacións sen complexos. O grande mestre abriu esa fenda de porvires humorísticos. Actualmente contamos con relevantes humoristas gráficos que interveñen asiduamente nos medios de comunicación, dunha maneira expresiva e defensiva. Este é o caso de Xaquín Marín Formoso, tan ateigado de saberes e lealdades co seu país, que personifica en Isolino.

A sapiencia popular, adquirida polas experiencias cotiáns das nosas xentes e dos nosos problemas, dunha maneira contundente onde non é posíbel o refuxio para as maldades. Velaquí a crítica social e política, ben abastada de horizontes humorísticos que flaxela a todos eses persoeiros que aparecen na vida normal da cidadanía, proferindo anormalidades. Apetece ir ao encontro das viñetas de Xaquín Marín cada maña, onde o douto e normalizado Isolino, coa súa indumentaria ruralista, expón indeterminadas censuras que nos fan pensar en lealdades e asumir accións contra eses crueis comportamentos de seus persoeiros que, sen saír do rectángulo da viñeta, agranda a nosa conciencia para dialogar en silencio metafísico con nós. Persoeiros de relevancia que pertencen ao ben e a mal. Que tantas veces nos fan cambiar de ánimo, co riso en flor e tamén coa bágoa requentada. O humor non é só o que nos fai rir, é importante o que nos fai chorar, o que penetra nos arroutos da conciencia para sentir as cousas ven diferentes a como a ven as retinas. Entre as miñas obrigas de albor é procurar cada mañá as novidades humorísticas que nos traen os xuízos transcendentes e transversais, en “La Voz de Galicia”, xornal que nunca leo a non ser as sentencias de Xaquín Marín e de Isolino.