Harmonía mística e ecolóxica en Victorino Pérez Prieto - 30/10/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Velaquí unha obra bastante pouco usual e de suculenta proxección e solvencia, naturalizada na ciencia, na física, na filosofía, na teoloxía e na ecoloxía. Todo un conxunto de temarios que faltaban por explorar na literatura galega, titulada: “A Unidade e a Harmonía da realidade (Complexidade e Ecoloxía)”, que nos ben da autoría de Victorino Pérez Prieto, doutor en teoloxía e filosofía, docente en varias universidades de Galiza e do estranxeiro. Codificador de minuciosas descubertas, no que respecta a Prisciliano, con diversos estudos sobre a doutrina ascética que protagonizou este bispo galaico-romano. Victorino propicio profundas investigacións e ensaios sobre Raimon Panikkar, unha delas foi a tese sobre a teoloxía interrelixiosa e intercultural do propio Panikkar. Así como diversos estudos sobre a Xeración Nós e severas investigacións no noso idioma que o fornecen como un dos mais destacados escritores en lingua galega.

“A Unidade e a Harmonía da Realidade” (Editorial Galaxia, 2022), constata unha edición necesaria para comprender a realidade tan complexa na que estamos situados; unha verificación desde o lado teolóxico, filosófico e, sobre todo, polo gran tema que nos esperta tantas curiosidades e manifestas sorpresas, como son as enormes aventuras ecolóxicas nas que estamos situados e de cuxas propostas podemos facer un enorme inventario en defensa da ecoloxía, unida a distinguidas concepcións e transcendencias cósmicas ás que estamos suxeitos e a concretas eventualidades, do aquí e do alén, no concepto teísta, no que Pérez Prieto afonda nun temario que responde a esa unidade harmónica da realidade, tan exaltadora nos sete grades apartados que definen a esta obra, como son: “I. Unidade, harmonía, complexidade e ecoloxía. II. A complexidade na ciencia e na filosofía. III. O pensamento complexo e a interrelacionalidade de todo a realidade de Edgar Morin e Raimon Panikkar. IV. Ecloxismo e interrelacionalidade nas relixións de Oriente e das culturas primitivas. O desafío actual do ecoloxismo. V. A Biblia e a ecoloxía: contemplación da harmonía do universo e denuncia polo pecado contra a natureza. VI. A fe cristiá Verde traizoada. A teoloxía cristiá e as igrexas ante o desafío ecolóxico. O papa Francisco e a incíclica Laudato Si. VII. Cara unha ecoteoloxía e unha ecoespiritualidade”.

Neste último apartado, Victorino Pérez Prieto, mobilízanos cara “unha maneira de concibir a Deus e a nosa relación con El e a natureza”. Este filósofo e teólogo, apela e evoca ao que el considera os tres grandes místicos e mestres ecoloxistas: “S. Francisco de Asís, Juan de La Cruz e ao e Pierre Teilhard de Chardin, o chamado místico da materia”. Establecendo unha ponte precisa para entender as decisións do papa Francisco, o primeiro pontífice que escribe unha encíclica científica como é a “Laudato si”. O gran monumento ecoloxista, tecido por Bergoglio e por diversos colaboradores dentro da curia, como Gianfranco Ravasi (o cardeal que remata de publicar: “Il grande libro del Creato: Bibbia ed ecologia”), xunto a outros científicos experimentados que formaron parte da equipa que o papa Francisco estimou e estimulou, aínda fora da Igrexa, con científicos mediáticos e preocupados polo cambio climático, na articulación de “Laudato Si”, que veu a proclamar a primavera florida, promesa de abastecidos froitos comunitarios do papa Francisco. Primavera que veu a superar a longa e fría invernía dos papas Xoán Paulo II e Bieito XVI. O interese de Victorino en afondar en Francisco á procura das harmonías que nos ofrenda a natureza, aínda no acollemento e liberación dos desposuídos das riquezas que nos ofrece este planeta en vías de descomposición.

O franciscanismo de Pérez Prieto revélanos o seu posicionamento radical, dado o seu compromiso de loita contra a desigualdade. Neste ámbito, converxen diversos compromisos en favor da igualdade, como son os movementos feministas, as loitas contra a pobreza e en favor das identidades culturais e nacionais que definen a personalidade de seus membros comunitarios. Este libro do noso teólogo e filósofo, promove as grandes coordenadas ecuménicas e a sustentabilidade ambiental, nos rigores e conceptos que Victorino Pérez Prieto mantén en súas destinguidas sensibilidades, que contextualizan diversos atributos da nosa identidade, onde emerxe a súa lealdade na defensa da nosa lingua, cultura e tradición, como na procura de encontrarnos con Prisciliano. En definitiva: estamos ante un libro de enorme soporte que nos vén dun crente interdisciplinar que afonda nos problemas que ten este planeta e dos seres que o habitamos, dunha maneira contundente, sabia e metafísica desde o lado teologal.