Brasil, Brasil! No dominio dos latifundios - 13/11/2022
logo nosjpg

Xosé Lois García

Pasaron as eleccións presidenciais do Brasil. Pasaron só oito días, suficiente para que o mundo teña unha mínima reflexión sobre os avances do fascismo en todo lado. Un fascismo con pel de cordeiro, simple disfrace da fera terrorífica e destrutora do ben común. Sobre estas carnívoras feras advertiunos Bertolt Brecht, no que respecta aos perigos que nos rodean, cando un fica pasivo ante a grave situación que esclarece o avance fascista. Os fascistas refúxianse en mediocres simplezas emocionais de millóns de persoas, vítimas de doutrinarios demagogos que devoran a persoas simples e alienadas en perversas e expansivas diatribas. Somos verdadeiramente conscientes de vernos desnortados da realidade e estar asentados na mentireira e manipulados por intereses ditatoriais?

O meu querido Brasil zafouse dun mediocre e perverso totalitario, con catro anos no poder creou unha desfeita, que foi noticia e escándalo, no día a día, da información global. Sobre Bolsonaro debe caer o peso da xustiza universal, por ser un presidente nada precario na devastación de oitocentas mil persoas falecidas nestes dous anos de pandemia, negándolles a vacina. Aumentou a demografía da fame das clases populares e na desintegración social da xente mais desprotexida. Foi capaz da distribuír armas aos que coidan que o Brasil ten que ser gobernado manu militari, establecendo unha especie de reino de taifas en súa estrutura agresiva e castradora. A depredación forestal da Amazônia é un dos exemplos máis nefastos de Bolsonaro, sobre un dos espazos máis sensíbeis medioambientais deste planeta en vías de devastación programada. Este é o legado intransixente da destrución ecolóxica proclamado por Bolsonaro.

Unha das gravidades que soporta o Brasil é ese dominio minifundista do omnímodo poder relixioso e sectario que propagan os mal denominados “evanxelistas”. Centos de formatos de credos en igrexas, asembleas e santuarios relixiosos, cun perfil ditatorial e acaparador de grandes riquezas coas que chegaron a intervir institucións estatais, sobre todo, nestes momentos de convulsión política. Estes irreverentes pastores, de prédica fácil e de arrebatador enredo, son os protectores do analfabetismo e da crueldade que soportan os desposuídos sociais e culturais, proclamando incultura e conmovedor fanatismo. Destes desaforados e negativos pastores partiu o necesario apoio que cultivou e deu rango fascista a Bolsonaro: esa cousa carnosa que se move polo Brasil, exhibindo a súa perversidade ben estruturada e alimentando odio, racismo, inmoralidade e desprezo polos seres desposuídos. Velaquí o monstro que foi devorado por si mesmo. A poboación brasileira non admitiu indecencias, foi así como Lula ganou as eleccións presidenciais o pasado día 30 de outubro, cunha poboación articulada e defensiva contra o oprobio.
Luiz Lula da Silva, vén de longo percorrido social e de militancia redentora a favor dos desprotexidos. Xa foi presidente do país e non lle foi mal ao Brasil. Lula precisa de realizar un novo ordenamento democrático e social deste enorme país, para superar as esquizofrenias que o sátrapa Bolsonaro introduciu na convivencia cidadán. É verdade que estamos ante un gran país -eu diría que o Brasil é un continente-, con enormes riquezas naturais, mal repartidas e nada esclarecidas. É verdade que a clase opulenta que acapara esas riquezas xunto co enorme apoio ao latifundio de comunidades relixiosas e sectarias do protestantismo reforzaron posicionamentos fascistas e ao caudillo Bolsonaro. Neste eido tan repoboado de relixións, a Igrexa Católica brasileira, con boa parte da súa xerarquía, tomou unha actitude democrática e evanxélica, implorando liberdade, solidariedade e compartimento cos necesitados. Esta mensaxe non excluía as propostas electorais do programa de Lula. Foron moi contundentes centos de sacerdotes católicos que apostaron abertamente por Lula, e dunha maneira moi esclarecedora, expoñendo a doutrina evanxélica de Xesús Cristo con relación ás propostas electorais do novo presidente. Moitos dos pronunciamentos tiñan unha enorme dose na Teoloxía de Liberación, tan aflorada no Brasil.