Esfinxes - 12/03/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

O lastre que deixan as esfinxes reclama odio e renuncia a ser veneradas e menos a conservar e memorizar esas momias. Son as esfinxes que modulan os nosos ritmos súbitos, que asumen as súas perversidades, que tanta alienación nos impoñen. Non falo das famosas e erosionadas esfinxes de Gizeh, de Kefrén e de Katnak. Falo doutras máis poderosas e carraxentas. Falo das esfinxes que ocupan parlamentos, ministerios, administracións públicas.

Esas esfinxes fardadas de toga, levita, púrpura, mitra e todos os uniformes que maltratan a nosa liberdade. Que as vemos a diario con seus rostros opulentos e burocráticos, como deidades saídas do inframundo, ao que non pertencemos. Son as esfinxes que maltratan a nosa humildade e as nosas angurias. As esfinxes ben saben como acomodarnos hábitos alienábeis para manternos ben emparedados e soportar seus fétidos excrementos, dese excelentísimo animalario que contamina algo tan simple como ter ideas e abdicar a seus portentos. As esfinxes precisan dunha dose de odio que excite turbulencia, co aviso dunha conspiración pertinente vinda dos simples.

Moito coidado cas esfinxes viventes e, sobre todo, coas súas mobilizadas correrías: por terra, mar e ar. Disfrazadas de “pudorosas” mañas, onde o engano decántase máis fero e mortífero que o dunha bandada de sanguentas harpías. Velaquí o instinto, carraxento e depredador, conformando fórmulas opresivas para acumular máis poder, con artimañas e finximentos. Moito coidado con esas argucias destrutivas que provocan a nivel político, social, económico e bélico. Nestes intres en que as malditas esfinxes teñen como prioridade o confronto transversal de provocar apocalípticas desfeitas.

Que complicado é pensar na desobediencia civil, para saír de tantas contradicións e poder superar metafísicos desamaños que producen castración, dirixida e ordenada por potentadas esfinxes. As masas produtivas continúan envoltas nese manto de escurantismo, con todas as adversidades e oprobios que padecen e asumen. Nesta situación é moi difícil integrarnos en fraterna unión fronte a escuras opresións.

Aínda así, cabe pensar na desobediencia civil como opción de liberdade, fronte ás miserias implantadas polo sistema totalitario capitalista das esfinxes. Elas ben saben que a pobreza económica afecta ao empobrecemento intelectual. Co baremo cultural da clase oprimida é fácil manternos no oco escuro e noxento de templos mercantilistas.

Nesta situación faixe lonxincua a desobediencia civil. As masas precisan dun desapego cas miudanzas mercantilistas e coas mensaxes egocentristas que amordazan a nosa sensibilidade. A desobediencia civil, como hipótese, é preciso alentala como conduta social e, aínda máis, como rebeldía emancipadora dun ambiente que propicie desobedecer aos diversos e excesivos poderes que a sociedade actual está soportando o peso esmagador que se protexe con insidia contra os que producen plusvalía.

Desobediencia civil, cando chegará como desquite? Pois, cando pensemos na utilidade empírica contextualizada nas seguintes palabras de Henry David Thoreau: “Négome a colaborar cun Estado que mantén un réxime de escravitude”.

Mais as palabras continúan en suspenso, como dicía o poeta Eugénio de Andrade: “As palavras estão gastas. Ou como di o poeta e profesor brasileiro de Filosofía do Dereito, Andityas Soares de Moura, no poemario “Rebelião”: “que pode a palavra? significar? agora / quando tudo é roto, fugidio? diante dos / filósofos, dos profesores engravatados, / dos prêmios, que calibre tem uma / palavra nua, socinha, meio abobalhada? / ela, quase adolescente, que ainda se / lambe, que cuida de suas manadas, quê / que ela quer? a palavra que não celebra, / que não está nos discursos, que nem / rebelde é. palavra que sequer chega a ser”. Sendo así, non teñan medo as esfinxes a erosionarse.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270