As desventuras de Antón Tovar - 02/04/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Sexa o tempo o conceda razóns para que o silenciado poeta e humanista Antón Tovar Bobillo fique na fiestra das boas observancias para avistalo como un escritor que non debemos esquecer. Tovar está, probablemente, no punto inflexíbel que adoita a RAG, en mostrarse indiferente en concederlle o Día das Letras Galegas ao escritor da Limia. A pesar dos silencios impostos, as reivindicacións en favor da concesión da homenaxe ao distinguido escritor das nosas letras, inxustamente postergado pola autoridade da realísima academia que é a que decide a elección da escritora ou escritor a quen se lle outorga o privilexio de celebralo.

No presente ano, a Editorial Xerais clásicos remata de publicar “Antoloxía poética” da autoría de Antón Tovar, coordinada por Delfín Caseiro e con limiar de Xesús Alonso Montero, promovida polo Museo da Limia, con sede residencial en Vilar de Santos, e impulsada polo mencionado Delfín e por Antón Jardón. A lucidez de Alonso Montero, móstrase no seu meticuloso limiar no que nos adianta: “A excelsa e atormentada poesía de Antón Tovar (1921-2004) encontra o seu antólogo, Delfín Caseiro (cunhas observacións sobre a relación do poeta co idioma galego)”. Tanto o limiar de Alonso Montero, como a excelente escolla de Delfín Caseiro, promoven unha antoloxía para durar na memoria dos lectores.

En 2004, falecen tres poetas importantes e merecentes desta homenaxe das letras. En marzo falece Luísa Villalta, en xuño Antón Tovar e en setembro Manuel María. Este último recibiu o Día das Letras Galegas en 2016. A Luísa Villalta estamos moi preto de celebrala, polas reivindicacións que apelan a ese recoñecemento e polos movementos de identidades culturais que emerxen na Coruña e non só, reivindicando para ela o día das nosas letras. Villalta non tardará en ser recoñecida coa meritoria homenaxe, felizmente.

Mentres Antón Tovar fica somerxido en cativos silencios, até que tomemos conta de seu labor de escritor e compromiso social que aportou á palabra poética, tan intensa en dimensións e permanencias. Tovar acreditou na fala que falamos, súa e nosa, que enxalza os atributos da nosa cultura. Precisamos ter firmeza nas propostas e reivindicacións en recoñecer a singularidade creadora do poeta Antón Tovar para gozar un ano enteiro da escrita e do seu talante de escritor e como cidadán e axente social de recoñecida valía.

Doe pensar nos sufrimentos e traxedias polas que pasou o noso poeta, maltratado por miserábeis monifates que lle crearon un estado de ansiedade e depresión, alterando a súa existencialidade e reducíndoo e unha atormentada vida, que o Tovar manifesta na súa poesía de plenitudes. Temos o deber de conservar o seu legado literario e non deixar que o reduzan a silencios.

Nesa “autenticidade atormentada”, que cita Delfín, escollendo o poema “Eu”, para encetar esta antoloxía, que mostra a auto disposición que nos narra o propio Tovar, no citado poema: “Eu son un home triste, / eu son un neno canso / e teño unha voz murcha, / como unha mau de néboa / rubindo cara o sol; / unha mau a buscar / a Túa mau infinita”.

Convén transcribir o poema: “Biografía”, dedicado a seu monifate-represor e autor da desfeita que Antón Tovar resumiu neste soneto, coa seguinte dedicatoria: “A don José María Laborda, / Delegado da Facenda Pública”. Para comezar: “Eu tiña a miña mesa, o meu traballo / agardando por min a que sandara, / e ti dono ruín botaches cara / a rúa o meu corpo de espantallo. // Eu era un home enfermo, un refugallo / e cumpría unha mao que me amparara / mais ti cristián hipócrita de amara / crueldá só viche en min un arrangallo. // Fuches cruel, ruín e máis malvado. / Ti, opulento, a un Deus de palla rezas / e eu pola vida vou pobre e roubado. // Eu tiña a miña mesa e o meu pan. / ¡Malia o teu Deus de xélidas beatezas / que me botou á rúa como un can!

A un can el se comparaba, polos oprobios e desordes que o Delegado de Facenda Pública de Ourense produciu na triste vida de Antón Tovar. Este manifestou as súas precariedades no poema, “Oración ó meu can Líster”: “Can humilde e escuro, / can que ladras e lambes / a mao triste do home / crendo que é algo grande, / si viras qué cativos, / qué tristes, que ouveantes / somos, cómo envexamos / o teu gozo sin cárceres”.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270