Paco del Riego, mentor e difusor do Día das Letras Galegas 14/06/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Na véspera da festa nacional da nosa literatura, apetece glosar o traballo vital de Francisco Fernández del Riego (1913-2010), das diversas etapas e entregas daqueles tempos difíciles da II República e durante a etapa franquista, da que Paco del Riego foi vítima do cárcere e das persecucións da ditadura. Resúltanos incalculábel a eficacia de Fernandez del Riego invertida na etapa republicana e de implicada militancia no Partido Galeguista, como deseñador dun innovado perfil dialéctico e implicado no proceso ideolóxico deste partido, encarando con visibilidade os conceptos programáticos nacionalistas, que xa tiña transcendencia na década de 1920, na teoría nacionalista de Vicente Risco. No período republicano colle auxe nos escritos periodísticos do mozo Paco del Riego, só con vinte anos confirma a súa autoridade na reivindicación nacionalista como expoñente necesario de crear condicións cara un novo proceso que propiciase un innovado estadio de exaltación nacionalista.

Del Riego estivo moi atento ao que se podía realizar na República, con respecto a un amplo despregue nacionalista como fase superior ao galeguismo clásico. Na recente publicación, titulada: “Loitando pola Galicia que non foi”, na que se recollen diversos artigos e conferencias, publicados en distintos xornais, que encerran o período 1932-1936. Neles encontramos esclarecedoras liñas de actuación sobre o desenvolvemento económico, social e cultural. O citado libro de del Riego esclarece, afortunadamente, o tesón e a delicadeza pragmática de aquel mozo que tiña moi claro as prioridades dunha mudanza drástica na Galiza.

A teimosía de Francisco Fernández del Riego e de tantos outros vellos galeguistas, socorridos pola ambición de burlar a sanguinaria ditadura, procuraron moviolas para avanzar no si liberador, fronte o non da cruel negación franquista. Aqueles homes do Partido Galeguista souberon entender a vella consigna: “Un paso atrás e dous adiante”. E así foron posíbeis excelentes mobilidades fronte a represión durante o posfranquismo. E logros que burlaron o réxime, como a creación da Editorial Galaxia e que tantas dádivas aportou á cultura galega e sobresaíntes éxitos á nosa literatura, na que estivo moi presente del Riego.

Xa como académico da Real Academia Galega, en súas primeiras andadas, propuxo crear, celebrar e solemnizar o Día das Letras Galegas unha vez ao ano, en homenaxe dun escritor en lingua galega, falecido. Propuxo o 17 de maio, data en que Rosalía publicou en 1863 “Cantares Galegos”. A proposta levada por del Riego á Academia, sorprendeu a moitos corporativos e moitos deles foron escépticos, naquel 20 de marzo de 1963 (ano do centenario dos cantares rosalianos).

Mais na xunta xeral ordinaria do 28 de abril dese ano, resolve por unanimidade a proposta de Francisco Fernández del Riego, declarando o Día das Letras Galegas o 17 de maio de 1963, homenaxeando a Rosalía de Castro. Desde esta primeira efeméride até o presente ano foron homenaxeados sesenta escritores que escribiron no noso idioma. No ano actual o homenaxeado é o propio mentor, o próximo mércores 17 de maio, Francisco Fernández del Riego.

Con este xesto de del Riego, o Día das Letras Galegas, creou enorme forza de celebración declarándose día festivo e, ademais, separouse do dia do libro nacional que os españois celebran a Cervantes o 23 de abril. Nós temos idioma propio e escritores de noso, para crear e resistir na autenticidade da palabra nosa. Paco del Riego escribiu sobre esta data que el creou, o seguinte: “O monolingüísmo cobraba vida nas sesións corporativas. O galego era até entón instrumento de uso episódico. Falábase agora como único medio de expresión nos actos académicos internos e públicos”.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270