Angola, restitúe e homenaxea ao poeta Viriato da Cruz 18/06/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Viriato da Cruz (Porto Amboim, Angola, 1928-Pequín, China, 1973) nunca deixou de ser noticia e referencia para os angolanos, nos eidos da poesía, da política pre independencia e do nacionalismo de liberación nacional. Homenaxear a un poeta tan expresivo e expansivo como Viriato da Cruz, mesmo na data do seu pasamento, 13 de xuño do mencionado ano, posibilita a blindaxe evocadora do pobo angolano ao redor dos excelentes dons de Viriato.

Un recoñecemento masivo que resulta necesario e vital para curar feridas do pasado, ocasionadas no plano ideolóxico e na guerra colonial. Estou a ver nos medios de comunicación de Angola, esa necesaria apetencia defensiva e reafirmación para conmemorar a eficacia poética redencional e de impacto nacionalista.

Tanto na escrita como na política, Viriato da Cruz resúltanos unha das voces superiores de Angola, con tantas resonancias en toda África. Nos últimos anos da década dos cincuenta en Angola, emerxen e configúranse varios grupos e tendencia anticolonialista, adictas a praxe marxista e nacionalista, con manifesto despexo no contexto da clandestinidade, con diversos conceptos e obxectivos de liberar Angola. Neste amplo panorama detectamos as siglas do PCA (Partido Comunista de Angola), no que están integrados figuras estelares do pensamento político e da acción literaria anticolonial, como Viriato da Cruz, António Jacinto, Mário António e outros. Mais a relevancia agardada por este partido non progresou, e seus adheridos tomaron posicións diversas integrándose no incipiente MPLA, que se agranda e perfila cunha serie de continxencias como foi a loita armada, encetada o 4 de febreiro de 1961.

Mais as disidencias viñan de moi atrás en que Viriato tiña pasado pola UPA (União dos Povos Angolanos). Realmente a súa dialéctica non encontrou oco para encubar o seu ideario e por incompatibilidade con esta instancia política. Pronto manifestou simpatías coa China e co pensamento maoísta. Pronto o réxime chinés promocionoulle un atractivo exilio. En Pequín estivo vinculado aos grandes líderes do maoísmo, tendo como mentor ao estático Chu En-Lai, primeiro ministro chinés, que concibiu unha estratexia para introducirse en África e competir cos EE.UU, valéndose do aporte intelectual de Viriato da Cruz, máis este non aceptou, explicando que a liberación de África a tiñan que facer os propios africanos sen mangoneo das grandes potencias. A partir de aquí cae en desgracia e pasa por unha situación asfixiante que o leva a un desespero que lle produce a morte, aos corenta e cinco anos de idade.

A pesar das contrariedades, tempestades e disidencias políticas, o enorme poeta, un dos pilares da “Negritude” dos poetas lusófonos africanos, xuntamente con Agostiño Neto, Francisco José Tenreiro, Noémia de Sousa e José Craveirinha. Viriato foi decisivo na creación do “Movimento dos Novos Intelectuais de Angola”, que tiñan como lema: “Vamos Descobrir Angola”, movemento que xurdiu a finais de 1948 e consolidouse na década de 1950. Embrión da revista “Mensagem”, na que resaltan como xeración de poetas mergullados na acción anticolonial, como Agostinho Neto, Viriato da Cruz, Antonio Jacinto e Alda Lara”. Sobre estes poetas, en particular Viriato, confirma a profesora Helena Costa Toipa: “O grupo da “Mensagem”, cujo demiurgo e teorizador é, para muitos, o próprio V. da C., propunha o combate ao respeito exagerado pelos valores culturais ocidentais; a redescoberta de Angola en todos os seus aspectos; a produção literária destinada ao povo”.

A poesía mensaxeira de Viriato da Cruz conta cun enorme potencial de testemuño e revolta que describe as miserias do pobo traballador colonizado. No poema “Makèzú”, desvela “O pregão da avó Ximinha”; o poema “Sô Santo”, esclarece o poder e a exhibición deste persoeiro adiñeirado: “Sò Santos.../ Banquetes p’ra gentes desconhecidas / Noivado da filha durante semanas”. Gradualmente fai un relato da situación colonial que enxire denuncia e revolución liberadora. Poemas moi concretos que enfatizan namoros nunha sociedade colonizada que busca seus puntos de fuga.

Todo un itinerario de desvelos e fervores por mudar a historia timorata dos apoucados. O valor cualitativo da poesía de Viriato pesa enormemente máis que o cuantitativo, non só polo referenciado senón polos parámetros dimensionais que nutren a súa poesía cimentada na “Negritude”, nese cántico de esperanza, como expresa no poema: “Mamã Negra”, que transcribimos a primeira parte:

“Túa presença, minha mãe drama vivo duma Raça

drama de carne e sangue

que a Vida escreveu com a pena de séculos.

Pela tua voz

Vozes vindas dos canaviais dos arrozais dos cafezais dos seringais dos algodoais....

Vozes das plantações da Virgínia

dos campos das Carolinas

Alabama

Cuba

Brasil....

Vozes dos engenhos dos banguês das tongas dos eitos das pampas das usinas

Vozes de Harlem District South

vozes das sanzalas

Vozes gemendo blues, subindo do Mississipi, ecoando dos vagões.

Vozes chorando na voz de Couuothers:

Lord God, what will have we done

Vozes de toda a América. Vozes de toda a África.

Vozes de todas as vozes, na voz altiva de Langston

na bela voz de Guillén”....