As paisaxes desnaturalizadas da Galiza 02/07/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

A Galiza afronta un enorme caos ante a desnaturalización das súas paisaxes e dos seus espacios naturais. Mentres continúe persistindo unha política contraria a normalizar, coidar e soster eses enormes espazos que sustentan a nosa xeografía natural e ecolóxica, carentes de recursos e inversións administrativas. É verdade que a paisaxe está sometida a mudanzas, e tantas delas pola acción depredadora do ser humano e pola falta de planificación da propia Xunta. A imaxe máis evidente é a dos chamados “muíños” eólicos que proliferan en espazos naturais da Galiza, co permitismo do goberno autonómico en favor do núcleo duro das eléctricas e das grandes financeiras, tan dadas a non señorear escrúpulos.

A paisaxe depredada, en súas diversidades, non deixa de ser a grande aliada dos que tentamos preservala e estabilizala en seus naturais microcosmos. Protexéndoa en súas diversas correspondencias de sostibilidade espacial. Na Galiza están desnaturalizando agresivamente o seu medio natural, pola falta dunha política planificada por técnicos e científicos, capaces de verificar todas estas alteracións vindas dos plans da santa compaña política-financeira.

O cambio climático e o transvase de poboación rural cara o medio urbano perfilan o abandono deses espazos naturais que veñen alterando a nosa paisaxe tradicional que tanta personalidade identitaria infundiu na Galiza. Este abandono foi un dos primeiros pasos en constatar os voraces incendios, que através dos anos tomaron unha insoportábel devastación do noso medio ambiental. Moitos dos intereses creados e das especulacións, convertidas en permanente degradación, responde ao lastre mais nocivo da desaparición das paisaxes naturais. Evidentemente, para ter uns espazos normalizados e sostíbeis é preciso inverter e mudar de políticas . Neste caso, apostar por un presente esperanzador e cargado de futuro, aínda como utopía.

Grandes espacios como os do Courel, o dos Ancares, o frontal marítimo e outros tan peculiares como a Ribeira Sacra, en terra a dentro, que moitos deles foron declarados de interese e pouco mais, sen aplicarlles unha política capaz de frear a súa degradación, de manter espacios alternativos e de recompor a naturalidade dun medio ambiente sostíbel. Tal finalidade debe ter como concurso a declaración de emerxencia na gran maioría da nosa xeografía, partindo de datos científicos e tomando como referencia a organismos internacionais que está traballando sobre o cambio climático e asentarnos nas referencias reivindicativas dos entes ecoloxistas que coñecen o medio e os métodos de poder frear innegábel desfeita.

Cando escribo esta columna, ollo o monte do Faro cargado de aparellos eólicos creando enerxía para os grandes monopolios hidroeléctricos, e esa rotación lenta que teñen as enormes aspas, que xa non nos confunden como as que perturbaron a D. Quíxote. Agora esas aspas son os verdadeiros xigantes que crean riquezas para uns e vilezas para outros. É verdade que a enerxía ten que se crear dalgún xeito e coido que a pesar de que agora a serra do Faro foi alterada con eses monstruosos aparellos que están parcelando as nosas paisaxes naturais. Cando dicimos paisaxe equivale a dicir riqueza, utilidade comunal e preservación natural. Mais os monopolios, en súas perversas insensibilidades esnaquizan os nosos fértiles espacios naturais. Ante esta permanente ameaza é posíbel planificar e reivindicar unha política medioambiental e ecolóxica aínda sen concretar.