Desbordante mentira 16/07/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Sorprende o intrépido arroxo da presidenta electa da comunidade de Estremadura, María Guardiola, cando arremete contra os abruptos de Vox, ao non admitir relacións coa extrema dereita, e non participar da merenda que eles propoñen, para evitar fatal indixestión. A resposta da presidenta foi puntualmente adxectivada, cunha negativa sarcasmos velenosos que lanzou ao partido negacionista. Parecía que se convertía en valedora dunha sociedade que aspira a normalizar e conquistar liberdades das que carece. Resultou críbel ese “pragmatismo” repulsivo que Guardiola lanzou contra concretos espazos negacionistas nos que Vox ostenta patentes ditatoriais. As palabras e os xestos da presidenta retumbaron en todo o orbe. Creando opinións e editoriais nos medios mediáticos de todo tipo; con esa firmeza de non gobernar coa extrema dereita. Total sorpresa para a cidadanía. Mais o dato aritmético era concluínte, sen os escanos de Vox Guardiola non pode gobernar. Pois, a infabilidade numérica descubría a descarada fanfarra dunha exaltada mentireira. Creando un clásico propagandístico e demagóxico da dereita proverbial. Co seu ego, tan personalizado e morboso, inventou o seu propio proverbio e desembocou nunha súbita metáfora en malo, que en política non deixa de ser unha ignominia inadmisíbel, que mete a un no descrédito más nefando. Estas deslealdades coa cidadanía democrática págase un alto prezo.

De tal modo que a señora Guardiola mediu moi mal os tempos e o seu propio espazo de confluencia, tomando a mentira como escudo. Ela subestimou a memoria -se é que a coñecía- daquelas eleccións do 14 de marzo de 2004, nas que Raxoi ía moi por diante de Zapatero nas encostas. Mais a enorme mentira do goberno Aznar, sinalando a ETA como autora dos atentados do 11 de marzo do mesmo ano, cando a policía e os servizos secretos sabían que aquel acto terrorista foi cometido por yijadistas. Esa enorme mentira oficial, a demais do descrédito, o PP perdeu o goberno. De tal maneira que o que ten de perversa a mentira, pode volverse xusticeira contra os que a usan en casos tan graves como é o terrorismo. Cantas veces a soberbia que exerce o poder é humillada dunha maneira vergoñenta e contundente. A dereita do Estado español o sabe dunha maneira contundente, pola alta factura que pode pagar por actos mentireiros, como o da señora Guardiola e aqueles que a sustentan na abominábel coartada.

As eleccións do pasado 28 de maio e as próximas do 23 de xullo, detectamos demasiadas contradicións na exaltación da mentira e na confabulación da dereita. A lectura que un elector normal pode facer desa escura dialéctica sometida a cambios bruscos: o que digo hoxe o desminto mañá. Exemplo: o señor Feixóo, insiste en derrogar o sanchismo, concretamente a reforma laboral, caso de que chegue ao goberno. Algún vento nefando bufoulle aos oídos, e rapidamente dixo que esa reforma laboral a vai manter vixente. Estratexia mentireira, cando o seu partido fixo os posíbeis de non aprobala e con indicios de suborno, por parte de dous deputados navarros que votaron en contra desa lei, hoxe están no PP. Coidadiño con engraxar mal a máquina electoral, mesturando mentira e contradición. O hibridismo pode resultar nocivo en materia política laboral.