O protonacionalismo de Mário Pinto de Andrade 30/07/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Mário Pinto de Andrade, naceu no Golungo Alto (Angola) en 1928 e finou en Londres en 1990. Toda unha vida ateigada de proxectos dedicada a África. A África toda, no pensamento e na obra de Pinto de Andrade, conta con considerados apartados formativos na ideoloxía da negritude, cun estándar dimensional e diversificado no posíbel e no servíbel, dos diversos campos da ideoloxía, da cultura e da economía, entre outros apartados liberadores de todas as Áfricas en construción, como tarefa de superacións das atrofias alienantes dos séculos tenebrosos do colonialismo europeo en África.

Desde a súa adolescencia, como estudante de primaria e secundaria en Luanda, chegou á Universidade de Lisboa, onde estudiou Filoloxía Clásica. Pronto desenrolou as súas dotes intelectuais creando o Centro de Estudos Africanos, que aglutinou a varios intelectuais das cinco colonias portuguesas en África e serviu de base reivindicativa para encadrar as primeiras aspiracións independentistas de Angola. Mais tarde ingresou na Sorbonne de París, onde estudou socioloxía e foi un activo colaborador da revista “Présence Africaine”. Pertenceu á xeración de Agostinho Neto (Angola), Amílcar Cabral (Guiné-Bissau) e Marcelino dos Santos (Mozambique). Pinto de Andrade foi cofundador do MPLA (Movimento Pela Libertação de Angola).

Son testemuña desa paixón que suscitou a acción liberadora e a eficaz personalidade de Mário Pinto de Andrade en calquera dos foros, simposios e conferencias internacionais sobre diversas cuestións africanas ás que teño asistido. A súa dimensión intelectual suxire parcelar as súas actividades, no eido político, económico, social e literario. Xurde case sempre que se fala dos países africanos de lingua portuguesa, o nome de Pinto de Andrade como unha das voces xeradoras de tantas actividades e suxerintes descubertas, desas conxunturas e innovacións de África.

Durante demasiado tempo tempestuoso, pasou por intolerábeis dramas da política e tivo que ausentarse de Angola. Despois de descifrar varias claves do seu pensamento, podemos dicir que en moitos dos feitos acontecidos en Angola, el estaba no certo. Despois da súa morte foi rehabilitado á súa patria e, perfectamente, non deixa de ser estudiado e valorado nos diversos campos polos que el transcendeu e tentou emancipar a África toda, desde parámetros contestatarios de Angola.

Ultimamente non deixan de publicarse libros de ensaio sobre a dimensión orixinal de Mário Pinto de Andrade. Un dos formatos dos que teño sentido falar máis sobre o encadramento deste angolano no que toca a negritude e dentro do contexto africano de expresión portuguesa, son as potencialidades deste ideólogo, nos dous volumes de “O canto armado”.

Mais a súa primeira achega sobre a presenza dos novos poetas africanos en lingua portuguesa, comprometidos coa liberación de seus respectivos países, foi unha colectánea publicada en Lisboa en 1953, ordenada por Francisco José Tenreiro e Mário Pinto de Andrade, titulada: “Poesía Negra de expressão portuguesa” na que están as seis maiores voces de poetas africanos das colonias portuguesas que encarnaron a tendencia da chamada Negritude e integrados na seguinte: “Alda do Espírito Santo (São Tomé), Agostinho Neto (Angola), António Jacinto (Angola), Francisco José Tenreiro (São Tomé), Noémia de Sousa (Mozambique) e Viriato da Cruz (Angola). Nesta nómina falta o inmenso poeta José Craveiriña que a finais dos anos corenta do século XX, xa tiña publicado poemas que coincidían co movemento poético da Negritude.

A Mário Pinto de Andrade debémoslle un libro ideolóxico titulado: “Origens do Nacionalismo Africano”, que configura o cume do seu ideario ideolóxico e liberador. No que protagoniza, as correntes formativas no nacionalismo angolano, e a proposta central do protonacionalismo emerxente, verbo da acción política e da loita en seus variados escenarios partindo de obxectivos moi pragmáticos. A novidosa aportación que concorre nesta extensa exposición sobre o protonacionalismo, non deixa de ser unha das mais esclarecidas e firmes aportacións dialécticas do nacionalismo africano, que nos deixou como legado da loita de liberación nacional, o enorme Mário Pinto de Andrade.