O cántico das florestas angolanas na poesía de Bendinho Freirtas - 13/08/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

No longo dos tempos, as florestas africanas nunca deixaron o seu predominio existencial na poesía e na narrativa angolana. A poesía ten eses respiros que frecuentemente desvelan as enormes matas forestais e engrandecen as diversas correntes dos versos dos grandes poetas angolanos, como os da “Geração de Mensagem”: Agostinho Neto e António Jacinto”, exploradores do máis íntimo que ofrecen as inmensas florestas angolanas capaces de emancipar e sublimar a palabra do verso máis activo.

Mesmo a “Geração dos 80” (designados como os “Novíssimos da poesía de Angola”), Ana Paula Tavares que evoca os froitos de diversas árbores tropicais e dunha maneira magnánima. Ou o profundo e metaísico João Maimona, poetizando a grandeza e a depredación do medio ambiente angolano. A voz de Maimona, enteira e pródiga, dimensiona seus ecos alertándonos sobre a desfeita dos bosque africanos.

É preciso inventariar o que actualmente acontece con determinados parámetros de degradación causada polos monopolios especulativos que destrúen as fecundas paisaxes de Angola, que tamén gritan co apelo de que as preservemos enteiras. Mesmo elas dan avisos continuos ao ser humano para que deixe de destruílas, para que sexa habitante repleto de dons neste planeta que el desafía e patentiza a súa destrución.

Neste escenario están as reivindicacións do poeta Bendinho Freitas, co seu intenso SOS poético, neses contundentes desafíos que el manifesta no seu poemario: “Silentes vozes d’arvores”, para tomar medidas urxentes tuteladas coa solemne advertencia de Friedrich Nietzsch: “Aseméllate de novo á túa estimada árvore, a de amplas ramalladas, que escoita silenciosas, suspensa sobre o mar”. Orientación que talvez angustie aos que mutilan as inmensas matas africanas, por intereses económicos e co beneplácito de gobernantes corruptos.

No poema “Rosto Maiombe”, Bendinho Freitas adéntrase con enorme sensibilidade nas longas florestas do Maiombe, ese pulmón medioambiental de Angola e de forte pulsar de África, naquel recanto de Cabinda, ao lado do río Zaire. A mensaxe emitida neste poema resúltanos impresionante, cando seus versos emiten esa grandeza benéfica das florestas do Maiombe, manifestadas por este poeta: “O Maiombe é un ninho / d’arvores gigantescas abraçadas. / Uma caravana de matas / d’olhos abertos. Eternas sentinelas”.

E continúa nesta advertencia, desafío ante tanto horror: “O Maiombe é un espólio / d’arvores espidas / por ventos malandros / que desarruman silêncios / levando consigo os gritos / de folhas cansadas”. Velaquí os fraudes consentidos que vulneran o vital da Mai África, dadora de froitos, de sentimentos e emocións, que fomentan esa cultura intemporal, dun continente en que se practica o saqueo das súas materias primas e de súas forzas vitais que representan a sostibilidade do continente negro.

Neste libro de Bendinho Freitas está o cántico épico das árbores dunha maneira perceptíbel e pedagóxica. Non hai barreiras para eses berros tan silenciados polos monopolios multinacionais. Freitas convídanos a unir e multiplicar as nosas voces en prol da defensa e protección dos grosos e altivos imbondeiros, mamoeiros, cajueiros, palmais, olivais, con todas as demais árbores que nos ofrendan suculentos froitos, igualmente os que teñen un valor inmenso nas tradicións da literatura oral e escrita de Angola, tan perpetuada na sacralización dos africanos.