No país da Morna (II) 27/08/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Dá a impresión que Cabo Verde nen é África nen tampouco Europa. A converxencia africana, europea e brasileira dinamizaron unha variada mestura identitaria que consolida a este arquipélago, como periferia deses continentes e centro de si mesmo. Lembro aquelas primeiras definicións en Praia, capital da nación, en 1996 cando asistín ao Coloquio Internacional: “Que Estados, que Nações em Construção?”, organizado pola “Fundação Amilcar Cabral”, celebrado na Assembleia Nacional.

Onde un atopouse con figuras senlleiras de África, como M’Bow A. Mahtar, ex-Director da UNESCO, con José Craveirinha, con Marcelino dos Santos, con Vasco Cabral e Ana Maria Cabral (viúva de Amilcar Cabral), que a estes dous coñecín en 1993 Guiné-Bissãu, no Congreso de literatura guineense. Entre moitos outros chegados de Europa e do Brasil. Despois destes encontros protocolarios un visita amigos, merca libros e música autóctona.

Quedando de cear no restaurante “O Poeta” a degustar do peixe típico das illas e falar de literatura, política e, tamén, do ben e do mal, con persoas claves de África, como Marcelino dos Santos, que seus compatriotas chamábanlle General-poeta e a min autorizoume a chamarlle camarada Marcelino. Na mesma mesa estaba Vasco Cabral, José Craveirinha, Noemia de Sousa, Juvenal Bucuane. Naquela mesa estaba a reporteira italiana, en tempos da guerra colonial, Augusta Conchiglia, Carlos Belli-Bello, embaixador de Angola, Filipe Correia de Sá, xornalista angolano e autor dun fermoso libro de historias, titulado: “Tala Mungongo”, entre tantas outras persoas naquel encontro e mesa de relax coloquial.

Despois de degustar da gastronomía caboverdiana e das pracenteiras conversas, o silencio dos comensais deu paso á música nacional: A morna. Variadas mornas saíron da voz dunha solista que manifestou a tristura da morna nos tons da musicalidade dun piano, guitarra e cabaquinho. Houbo tempo para falar da morna e da coladeira -outra das pezas musicais populares de Cabo Verde-. Na conversa mornista xurde o nome de Domingos Caldas Barbosa, aquel mestizo brasileiro que no século XVIII levou a Lisboa o lundum e a modinha, sendo as referencias máis activas do fado e da morna.

Curiosamente, a morna é unha palabra crioula equivalente a modinha. O dono do restaurante e seus empregados falaron dos grandes valores da morna e da coladeira. Falar da morna en Cabo Verde, case sempre destácase a nómina de autores e cantores. Comezando polo poeta nacional e grande mornista, Eugénio Tavares (1867-19309, á súa altura encontramos B. Leza (1905-1958). A eles seguen grandes intérpretes como Cesária Évora -que os caboverdianos chámanlle dona Cesária-. Seguida de Chico Serra, Manuel d’ Novas e Luís Morais que coñecín nunha noite de mornas no teatro Karl Marx de Luanda.

E xa fora de programa un viuse envolto na toma de posesión do presidente da República. Dr. António Mascarenhas Monteiro, na Assembleia Nacional, na que había un espazo reservado para os participantes do “Coloquio”. Para min foi un grande tormento ir fardado de traxe e garabata cos calores que sufocaban o respiro.

Mais o longo cerimonial mereceu a pena, grazas ao compañeiro de cadeira que me foi adiantando a ritualidade, o excepcional camarada Marcelino dos Santos, que fora presidente da Assembleia Nacional Popular e Mozambique. No longo discurso do presidente fixo destaque da problemática polo que pasaba Cabo Verde. Os congresistas do referido “Coloquio” fixemos rigorosa fileira para cumprimentar ao novo presidente.