Proxección de fe na poesía de Guerra Junqueiro (No centenario da súa morte) 03/09/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

O último 7 de xullo, data da morte de Abílio Manuel Guerra Junqueiro, acontecida en 1923, Portugal homenaxeou un dos inmensos poetas republicanos, comprometido coa fe cristiá e notorio anticlerical. Particularmente interésame a fe e a fidelidade de Junqueiro e, tamén, ollala desde diversos procesos e parámetros existenciais. Interésame o seu espírito crítico como cristián entusiasmado en corrixir certos erros e torceduras que percibiu dentro da propia Igrexa. Isto tamén formaba parte dese espírito crítico que asistiu á xeración romántica e republicana portuguesa, sobre todo, naquel grupo de intelectuais coñecido como os “Vencidos da Vida”.

Un escritor partillado en puntuais temas que preocupaban á sociedade do seu tempo. Guerra Junqueiro foi un actor político que ollou para outras realidades que quixo transvasar ao seu país, sobre todo o que se producía en Francia. Esa nación con experiencias revolucionarias saídas da Comuna de París, tomando como referente idealizador a Victor Hugo e, tamén, retoma a constante influencia en varios de seus libros. Asumindo varias críticas relixiosas feitas por Proudhon e Renan, sendo administradas por varios escritores da súa xeración, como é o caso de Eça de Queirós. Por enriba de todas esas confluencias ideolóxicas, encontramos a un Junqueiro individualizado nunha crítica emanada da fe cristián, contra un comportamento relixioso que el non compartiu e que manifesta no seu libro: “A morte de D. João”, e sobre todo no que expón no poemario: “A Velhice do Padre Eterno”. Nestes dous libros vemos o verdadeiro perfil dun Junqueiro meticulosamente crente, aínda que dubidoso e capaz de suxerir que todo cristián que non faga unha crítica ao seu comportamento moral e relixioso, a súa fe e sumamente sospeitosa.

Unha crítica dirixida a unha Igrexa fría, cultivada por unha ampla beatería e por un dogma que segundo o poeta era un desafío constante contra a intelixencia e contra os principios evanxélicos. Critica a pasividade inoperante dos crentes; critica, en definitiva, un escurantismo que se practicaba en varias esferas do catolicismo que a el tocoulle vivir no período dos papas Pío IX e León XIII. Nestas particularidades da súa poesía hai unhas vibracións místicas que procuran a certeza de Xesús de Nazaret. E nela encontramos a poetas nesa fe negadora da efectividade das institucións relixiosas que promoven ritos e tradicións medievalistas, renunciando a unha actualización vivencial plenamente evanxélica.

Nesta dialéctica espiritual de Junqueiro, encontramos a un dos seus seguidores máis precoces: o noso Curros Enríquez. Que foi un excelente divulgador da poesía do poeta portugués que traduciu a literatura castelán. Na obra de Curros encontramos numerosas referencias a Junqueiro. Dous cristiáns, anticlericais e republicanos. Tamén coincidentes na data de nacemento: os dous naceron un 15 de setembro, Guerra Junqueiro no ano 1850 e Curros Enríquez no 1851. A similitude crítica a unha Igrexa fría, contida na “Velhice do padre eterno” (1885) de Junqueiro, e “O divino xainete” (1888) de Curros, concorren nunha extraordinaria crítica, endereitada contra o integrismo de León XIII.

Cando un le os poemas místicos de Abílio Manuel Guerra Junqueiro, notamos a alta consideración que el tiña por Xesús Cristo, introducíndose na máis alta transcendencia espiritual e verificar puntualmente o testemuño evanxélico. Mostrando estar moi por enriba de oficiosos pregadores e asimilados na oficial cultura relixiosa católica. Marabíllanos ese misterio do divino cando se refuxia reiteradamente en reivindicacións humanistas, como podemos contemplar no seu poemario: “Os simples”. Como se o poeta estivese adiantándonos unha profetización para corrixir prácticas negacionistas contra o Evanxeo.