A casa do Seixo de António Nobre (I) 10/09/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

O 18 de marzo de 1900 finaba na Foz do Douro, vítima de tuberculose, o poeta portugués António Nobre. Autor dun só poemario, curiosamente titulado: “Só”. Cando vou a Vila Meã non deixo de visitar a casa do Seixo, que pertenceu ao antigo Concello de Santa Cruz de Riba Tâmega, da freguesía de S. Mamede de Recesinhos, actual Concello de Penafiel ao que pertence o lugar do Seixo, onde está a casa onde naceu a mai do poeta e na que el estivo en tantas ocasións. A última delas foi o 17 de marzo, un día antes do seu pasamento.

Cando vou a Vila Meã non deixo de visitar a casa do Seixo para percibir esa enorme paisaxe que aparece no “Só” e que aínda fica espallada polo val do río Odrés. Onde aparecen eses activos e insinuados espazos moldeados no son e no ritmo dos poemas de Nobre. A casa do Seixo é a morada transcendental das palabras codificadas no destino dunha terra pregada de poesía. Unha casa granítica: habitáculo circunstancial das doenzas de António Nobre. É certamente a morada silenciosa de seus poemas. É así como se erixen os perfís da floresta en seus poemas, mesmo nesa atalaia cargada de mensaxes e silencios líricos.

António Nobre foi un poeta que tivo diversas doenzas, entre elas a tristura, cando dixo en “Só”, en ditame de parábola: “Mas, tende cautela, não vos faça mal.../ Que é o livro mais triste que há em Portugal”. Este confesión de Nobre, incide na sensibilidade das palabras que erguen un monumento á tristura e ao silencio. No Seixo está ese silencio concentrado na voz dun neno. Os poetas son como nenos que descobren e describen tantos silencios que nos autorizan a peregrinar a monumentos poéticos. Nese espazo de plenitudes que nos ofrenda a casa do Seixo hai unha premonitoria imaxe na que ollamos a António Nobre en acción benévola para darnos sosego na paisaxe na que se espraiou.

A casa do Seixo erixida nesa simplicidade de liñas arquitectónicas que parecen melodías musicais, integradas nesa flora que a rodea e define como a morada do poeta inmorredoiro. Esta casa-poema magnifica ese microcosmos por onde o poema transitou. Por medio desa parra claustral que ascende con nós, ao son do ritmo da escaleira, cara o universo cósmico do poeta. Esa luz que entra polas fiestras do presaxio para iluminar as pedras que moito din das doenzas e das tristuras do poeta que circundan esta morada.

A casa do Seixo parece que dorme nos sonos de António Nobre, ou simplemente asexa os moradores que trasfegan por esas corredoiras en viravoltas, presaxiando mensaxe-paisaxe en todos os encontros de “Só”. Onde todo está ordenado nese verde que transmite folgo xerminal. E pode que aquí no Seixo, podamos adormecer con António Nobre un lúcido soño de crianzas. Como o poeta brasileiro, Manuel Bandeira, lle dedicou este verso a António Nobre: “Mas tu dormiste em paz como as crianzas”.