Antonio Nogre a Galiza (II) 17/02/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

A relación dos galegos coa poesía de António Nobre non foi demasiado explícita. Mais temos coñecemento de certo impacto que a súa poesía tivo na Galiza. En 1927, tardiamente, Álvaro de las Casas pronunciou unha conferencia no Centro de Intercambio Germano-Español, da que a revista “Nós” refírese á mesma no seu número 48, onde de las Casas ve a António Nobre como un romántico, intimamente portugués, que encarna a tristura nacional. O mellor da conferencia é, sen dúbida, o estudo que fixo da arte poética do seu libro “Só”, no que pasa revista a extraordinarias imaxes, metáforas e adversidades que transcenderon na vida de Nobre, o xeito de incrustar un poema noutro con esa sonoridade de contra canto. As influencias de Heine e os decadentes franceses do fin do século XIX. Estas referencias chégannos dun dos intelectuais máis lúcidos do galeguismo e da Xeración Nós, como foi Álvaro de las Casas, aínda que fixera mención equivocada de que Nobre era un romántico literario. Este poeta foi un dos creadores máis notábeis do simbolismo europeo.

A conferencia de las Casas ten unha enorme importancia nun período en que os poetas portugueses máis debatidos e apreciados na Galiza, era Guerra Junqueiro (tan divulgado e traducido ao castelán por Curros Enríquez) e Teixeira de Pscoaes relacionado e asumido pola Xeración Nós. Non deixan de ser significativas as achegas de Álvaro de las Casas sobre António Nobre.

É comprensíbel que António Nobre non fose un descoñecido en certos medios elitistas da literatura galega e, sobre todo, naqueles que tiñan unha relación permanente con escritores portugueses como era o caso de Antonio Noriega Varela, que mantiña unha relación moi estreita con Teixeira de Pascoaes, converténdose nun leal receptor da poesía portuguesa e especialmente en autores como o propio Pascoaes, Antero de Quental, Guerra Junqueiro e, en menor medida, António Nobre. Mais este poeta estaba presente en varios temarios da poesía de Noriega, que teñen un apurado reflexo dos parnasianos e simbolistas portugueses. Aínda que Noriega por ser máis sintético e menos discursivo que Nobre, no xeito de conmoverse ante a relevancia de certas cousas, mostrando certa vitalidade simbolista sen que por iso o fose. En todo isto podemos ollar certos esquemas sobre a visión que tiña Noriega, sobre a paisaxe e seus primordios do ruralismo galego, configurándose como un dos mellores intérpretes de conectar co microcosmos que expresa António Nobre na súa poesía.

Se falamos doutros poetas que seguiron de preto a obra de Noriega, atopamos a Nobre nesa configuración metafórica que nos deixan poetas como Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Crecente Vega, Díaz Castro (en menor intensidade) e aínda podemos engadir a Manuel María, afervoado lector de Noriega, nos seus anos mozos, e un bocado de lonxe a Uxío Novoneyra que sen sabelo -quizais- notamos certos respiros da poesía do poeta portugués no sosego de certos poemas do poeta courelao. Neste sentido, António Nobre foi un poeta fundamental en construír esa ponte que nos permite regresar a Camões e á poesía vital quiñentista, que tantos ecos comúns compartimos galegos e portugueses.