António Nobre e Rosalía (e III) 23/09/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

A presenza de “Cantares Gallegos” e “Follas Novas” de Rosalía, na poesía de António Nobre, encontramos unha serie de concertos que debemos tomar en consideración, sobre todo, nesas imaxes simbolistas que presentan estes dous poetas. A reflexión poética que encontramos tanto en Rosalía como en Nobre, sobre o universo telúrico e cósmico, emitindo tantos relampos sobre a paisaxe galega e de Entre Douro e Minho, abastecendo esas particularidades poéticas tan emancipadoras, cargadas de universalidade popular e dunha carga saudosista que souberon destinguir estes dous poetas, asumindo esas referencias que manifestan seus respectivo microcosmos e de onde xurde esa evocación existencial (asumindo a alma popular), que fixa esa comuñón na que se concretan os atributos que consolidan e custodian a nosa idiosincrasia e a nosa personalidade social e cultural, de galegos-portugueses, con tantas particularidades na poética de Rosalía e de Antonio Nobre.

Neste contexto hai unha serie de configuracións converxentes, na que se acolle esa metafísica do esencial e do existencial. Se se quer, nese misterio tan cargado de panteísmo e configurado en toda a fachada atlántica, na que se alude á tráxica ancestralidade, onde a “terra acava e o mar começa”, como dixo Camões. Pois nesa expresiva traxedia popular están Rosalía e António Nobre. Mesmo nesa dor transcendente de labregos e mariñeiros de Galiza e Portugal, do que verificaron e asumiron estes dous poetas, tanto no eco do berro como na espida denuncia. Os dous foron vítimas dun exceso de saudade e de amor pola terra e polo mar, onde o cancro de Rosalía e a tuberculose de Nobre, doenzas que segaron as súas vidas con corenta e oito anos e con corenta e tres, sucesivamente.

En que medida se confirma a presenza de Rosalía no “Só” de António Nobre? Sobre todo nese presentimento de anguria que tantas veces lles serviu para auto proclamar un profundo e intransferíbel amor pola terra onde o ser humano, constata e proclama as súas raíces, naturalizando ese enorme tesouro que é o hábitat sedentario, que por moi pobre e desamparado que este estea hai un profundo amor por el, como manifesta Rosalía nestes versos: “Volvín á miña casiña / alumada do luar; / rexistrei cada buraco / para ver de algo atopar; / atopei fariña muda, / un puñiño a todo dar. / Vino no fondo da artesa. / Púxenme a Dios alabar. / Quixen alcender o lume; / non tiña pau que queimar”. Este poema remata cunha evocación popular á casa: “Miña casiña, meu lar / cantas onciñas de ouro me vals”.

En António Nobre encontramos a seguinte correspondencia con Rosalía, con relación ao temario do hábitat: “Morar, mui simples, nalguma casa / Toda caiada, de fronte do mar; No lume, ao mesmo, ter unha brasa / E uma sardiña para nela assar ... // Não ter fortuna, não ter dinheiro, / Papeis no banco, nada a rendar; / Garda, podendo, num mealheiro / Economía para o que vier”.

A saudade ten dous apelos comúns que confirman a presenza das persoas emancipadas, nun entorno vivencial de contradicións e subsistencias. Neste sentido, a poeta galega confirma: “Aquel rumor de cantigas e risas, / ir, vir, algarear / aquel falar de cousas que pasaron”. En António Nobre atopamos a mesma idea: “Ó fogueiras, ó cantigas, / Saudades! recordações! / Bailai, bailai, raparigas, corações”. Nun poema de Rosalía, anterior ao de Nobre, perpetúase esa saudade ao dicir: “Miña terra, miña terra, / terra donde eu me criei, / hortiña que quero tanto / figueiriñas que prantei”. Este poema podemos connotalo en varias das suxerencias que atopamos no “Só” de Nobre. Polo menos encontramos a mesma idea saudosa, cando lembra: “Moinhos ao vento? Eiras! Solares? Antepasados! / Rios! Luares! / Todo isso eu guardo, aquí ficou: / Ó paisagem etérea e doce, / depois do ventre que me trouxe, / A ti devo eu tudo que sou!” Hai outras converxencias, cando estes dous poetas tratan de temas e de obxectos sonoros, moi visíbeis como é o poema de Rosalía: “Campanas de Bastabales”. Este poema transferiu connotación ao de António Nobre: “Os Sinos”.