Espiritualidade e panteísmo en "Marános" de Teixeira de Pascoaes (I) 08/10/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Para un alego coma eu, tanto a persoa como a obra de Teixeira de Pascoaes resúltanme atraentes e suxestivas, por numerosos motivos. Un deles é o cariño e o recoñecemento que lle profeso ao seu libro poético “Marános”, que está dedicado a Galiza, nestes termos: “Galiza, terra irmã de Portugal, / Que a divina saudade transfigura, A tua alma é rosa matinal, / Onde uma lágrima de Deus fulgura. / Terra da nosa infância virginal, / Altar de Rosalía e da Ternura, / Dedico-te estes versos que uma vez, / Compuz, en alto cerro montanhês”.

Desta excepcional comprensión, podemos entrar nas diversas fases de estudo e interpretación deste poemario. Estamos ante uns versos telúricos, no ámbito máis dinámico e pasional que non minimiza sensibilidades do noso ser e estar. Pascoaes interiorizouse na nosa existencialidade desde varios parámetros, coa vocación e o afán de descubrirnos plenitudes esencias dunha terra con permanencia comunal. Nesa esencia, o poeta transfórmase no persoeiro central do libro “Marános”, cuxo protagonismo procede dunha experiencia da que chega a interpretarnos toda esa mobilidade espiritual e material de diversos ciclos, coa intención de introducir e protexer vivencias anímicas e espirituais, recollendo dese enorme espazo natural como é a serra do Marão. O poeta, posiciónanos ante unha enorme referencia natural e xeográfica; un enorme cume, que para alén da nosa temporalidade, procesa unha excepcional referencia nos diversos ciclos e procesos históricos: potenciando herdo existencial e comunitario entre portugueses e galegos.

O longo e alto espazo do Marão, ten para Teixeira de Pascoaes unha identidade física e, sobre todo, un símbolo vital que introduciu na súa lírica. O poeta, desde a súa xanela do pazo de Pascoaes, pudo observar cada unha das proxeccións daquel horizonte radiante e, tamén, sombrío e nebuloso que emerxe no alto cume. A emblemática paisaxe que entrou nos seus ollos, deixou un rastro profundo na súa alma de entrega polos roteiros iniciáticos que Pascoaes manifesta en “Marános”. E tamén como manifestou Raúl Brandão: “Mas aquí só o Marão existe e a própria vida é tão pequenina e tão ligada à presença da serra que ninguem dá por ela. Fiar estopa, tecer chapeus, tratar do gado, viver, morrer é transitorio; só a serra se impõe na sua eternidade de pedra”. O poeta galego, Uxío Novoneyra, exclamou nos altos cumes do Courel: “Courel dos tesos cumes, / aquí síntese o pouco que é un home”. Pascoaes tamén foi partícipe dese pensamento universal, que portugueses e galegos sentimos ese panteísmo que o poeta de Amarante manifestou nestes versos: “Maranos era a selva comovida / Do dramático idilio universal, Onde as trevas e a luz, a morte e a vida / Celebran seus amores de eternidade”.

Pascoaes concéntrase nese espazo mítico que o Marão ofrece e o mide polo comportamento que os habitantes desa serra teñen fronte a natureza. O poeta contempla a seus habitantes nese grandioso labirinto emocional, construíndo o seu propio universo que a natureza dese espazo lle dita. O ser humano, nese labirinto, non supera ultra pasar códigos estruturais que emanan da propia natureza. Neste libro poético compleméntase, tamén, o espazo simbólico que representa a mobilidade con que Pascoaes procura esa diversidade dinámica que o Marão oferta visualidades diversas que se impoñen no seu “Marános”. Tamén encontramos o espazo filosófico, no que se interpreta esa realidade orográfica, dunha maneira metafísica, interpoñendo esencias espirituais, converxendo no valor e na harmonía panteísta. Tamén explora o espazo máxico, tan expresivo e cargado de expresións oníricas. Onde Pascoaes tenta implicarnos noutro universo e integrarnos na sensibilidade do Ser eterno, próximo descoñecido, que só se percibe pola manifestación emanada nos diversos ciclos que nos ofrece o Marão.