Espiritualidade e panteísmo en "Marános" de Teixeira de Pascoaes (II) 15/10/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

O espazo natural do Marão, observado e dixerido por Teixeira de Pascoaes, implica unha visualización totalizadora sobre a identidade das musas que el procurou ao redor deste alto cume. Pascoaes personificouse nunha especie de bardo celta, que nesa superficie ofrendábase a Deus e ás deidades como xa o fixera Amergin, o poeta dos celtas irlandeses, anterior a Cristo, que se presentou como axente iluminador destes altos montes.

Considerándose intérprete dos ciclos cósmicos e dos símbolos celestes. Pascoaes procurou eses símbolos ancestrais do sagrado, integrados no seu idilio terrenal, cando di: “Esta fecunda terra consagrada / Esta amorosa terra maternal, / Depois da sua mística descida / E do repouso idílico no vale, / Tomando novas forças, se alevanta, / Em pequeninas ondas, que se vão, / Turvando, pouco a pouco, e sobrepondo, / Até os altos cerros do Marão”.

Espléndida manifestación visual e plástica, compendia estes versos de Pascoaes, ao relacionar as forzas telúricas e panteístas coas celestes. Convén explicar as relacións existentes na poesía portuguesa, que promoveron o telurismo que Pascoaes recolle neste libro, idealizando e simbolizando a natureza que flúe no Marão; en cada formato do seu libro. Con anterioridade ao poeta de Amarante, como é o caso aproximativo a Pero Meogo, Martín Códax João Zorro, Don Dinís e tantos outros membros da escola trobadoresca medieval galaico-portuguesa.

E até aquí pasando por Camões, naturalmente, a quen Pascoaes transcendeu na saudade e na paisaxe, con nobres doses panteístas e recorrencias no soneto 189 de Camões: “A fermosura desta fresca serra / E a sombra dos verdes castañeiros, / O manso camiñar destes ribeiros, / Donde toda a tristeza se desterra”.

Nesta lúcida e saudosa mágoa camoniana aséntase Pascoaes, en neurálxico centro contemplativo, observando o Marão, mesmo a identidade da patria, ou mellor a Matria portuguesa que se manifesta no alto cume, guarnecido polos cantares acuáticos do Támega, río que nace nas altas montañas galegas de Laza, que entra e fenece en Portugal. Vencello e símbolo de unidade da nación sueva, compartida por galegos e portugueses: firme reseña da identidade nacional, como sinala o poeta de Amarante: “Bendita sejas tu, ó sempiterna, / Ben amada paisagem! Pátrio ninho! / Serrano coração de Portugal, / Velha procíncia de entre douro e Minho! / Bendita sejas tu, por todo e sempre, / E o teu ventre, que un novo Deus encerra, / Ó mística paisagem, onde o céu / Se xasa intimamente com a terra”.

Que visión máis nítida e transparente, case de urxencia, desa unión entre o ceo e a terra, que o poeta experimenta na cimeira do Marão. Nese cordón umbilical que aproxima as criaturas á Matria celestial. Pascoaes, ademais de afirmarse na identidade matricial confirma o poder espiritual do Marão, esa serra mística chea de poderes altivos na transformación naturalista da paisaxe, onde o fulgor panteísta proclama activos nacionais e espirituais.

Isto non deixa de ser unha fórmula imperativa de certos poetas portugueses, como é o caso doutro poeta con cántico panteísta, como é o caso de Rodrigues Lobo, nas súas “Églogas” afirma: “Logo ali vi do céo grandes segredos, / E vi vestir-se o campo doutras cores, / Vestidos doutra folha os arvoredos, / E o prado marchetado doutras flores. / Outras ágoas, outra herva, outros penedos, / Outro Amor, outra vida, outros pastores”,. Rodrigues Lobo, iniciador do barroco literario portugués, foi un poeta panteísta coa sublimidade da saudade de Camões e doutros poetas quiñentistas, da época deste épico. Rodriges Lobo serviu de ponte entre Camões e Teixeira de Pascoaes. Os tres esclareceron o naturalismo, panteísmo e saudosismo e fornecen a mellor contribución de posicionarse no centro común da Matria, procesada na identidade máis antiga do herdo comunal entre galegos e portugueses.