Espiritualidade e panteísmos en 'Marános', de Teixeira de Pascoaes (e IV) 29/10/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Con respecto ao panteísmo que aflora nos versos de “Marános”, de Teixeira de Pascoes, hai insinuacións que cohexionan con moitas formulacións panteístas que se manifestan en diversas visións culturais, relixiosas e, tamén no que se pescuda en varias coordenadas filosóficas e metafísicas. Pascoaes, ante esta variedade de interpretacións, opta por unha vía universalista que ten correspondencia coas crenzas e idearios das relixións monoteístas e, tamén, politeístas. Aínda que emerxen manifestacións do panteísmo orientalista que se esclarecen na Upanishad hindú; no Tao The King de Lao Tse; na poesía panteísta do tibetano Milarepa. Nesta dirección, Pascoaes non está exento desa idea panteísta neoplatónica e averroísta. Tamén do pensamento relixioso medievalista de Nicolau de Cusa; do idealismo filosófico de Spinoza e do panteísmo hindú mais recente que proclamou Tagore.

Hai algo innegábel na procura que realiza Pascoaes con relación a isto que subliñou Spinoza, ao sinalar: “Temos que coñecer exactamente a nosa natureza, que desexamos corrixir e perfeccionar e, ao mesmo tempo, coñecer a natureza das cousas na máis necesaria intimidade”. Coñecer a natureza do noso microcosmos e cada particularidade natural que dela emana, en cada un dos parámetros que lindan co misterio. Isto para Pascoaes foi unha procura moi concreta e manifestada nas correntes do pensamento que Spinoza expuso dunha maneira explícita: “A natureza en De. Aínda que en Spinozaus; ese chamado algo nun todo. E ese algo é o Logos, consustanciado e manifestado na natureza”. Neste sentido, Pascoaes tamén bebe das augas da tradición filosófica e teolóxica da antigüidade cristiá e desa afirmación intimista de que Deus é todo en tódalas cousas. Aínda que en Spinoza tiña suprimido a diferenza entre Deus e o cosmos. En Pascoaesa esencia do Ser, nacreación e permanencia física do cosmos, o expresa dun xeito panteísta e, tamén, dunha maneira espiritual vitalista. Nesta expresión: “Eu creio en ti; perdôa, Nesta crença / É que eu ressurjo e espero. E o negro mundo / Diante de ti rasgando a névoa densa, / Desvenda a intimidade misteriosa”.

Os seguintes e enfáticos versos que transcribimos, son a maior relación panteísta deste xénero que asume este poeta portugués: “Ouço rezar, em mim, a voz do mar, / Ó lua aparecida! E como eu sinto, / Sob a influência astral do teu olhar / Vibrar meu ser oceánico e profundo”.

Todas estas percepcións panteístas introducidas con esa carga cristiá integrada nos seguintes versos de Pascoaes: “E já no mundo, / se percute seu verbo, iluminado / Duma nova esperança e novo amor, / Seu verbo iluminado em que ressurge / Aquele estranho espírito saudoso / Deste povo nascido na montanha”. Esta referencia ao Marão, prototipo e imaxe de Belén e do Calvario, lugares onde naceu e morreu Xesús. O poeta reivindica do Marão esa tradición druídica dos celtas que permaneceu nos altos montes galaicos-lusitanos, lugar de ofrenda ás divindades concentradas no Marão e circundado por altos montes míticos que Pascoaes nomea como morada de deuses. Estes son os montes do Gerês, Suajo, Estrêla, Caramulo, Grelheira e as Fragas da Hermida. Destes montes e serras, o poeta, fai unha apoloxía espiritual e panteísta na perpetuación dunha cultura étnica e relixiosa, personalizando a nosa vella estirpe que deu identidade á nación portuguesa, cun enorme ardor espiritual e liberador, dun poeta “renacido na resurrección de Xesús Cristo” e, no que Teixeira de Pascoaes enfatizou nestes seus versos: “Por mim, e, em mim, ressucitou Jesús, / Porque Jesús é irmão dos arvoredos”.