Pola xeografía dos nomes e dos trazos 19/11/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

A riqueza dos nomes espallados por todas as xeografías de Galiza, están presentes na capacidade de observar as características da terra e axeitar nomes adecuados a tantos misterios. Sabemos ben o que encarnan os nomes na nosa toponímica para aqueles que habitaron e cultivaron a terra e a escudriñaron, falando conscientemente con ela, a un ritmo de descuberta de cada accidente: montañas, ríos, vales etc., con tanta oferta de intriga. Así xurdiron os nomes propiciados por un colectivo humano que tomaba posesión desta terra matricial. Os nomes ornamentan concorrencias na transcendencia dese "fogo que arde sen se ver". O misterio das cousas que se foi entrañando tanta sabedoría e vehemencia de infinita pescuda. Os que estruturaron e procuraron o porque de cada nome; o nome certo e determinativo que foron particularizando definicións dunha maneira case sacralizada ante infinitas mudanzas. A nosa toponímica esclarécenos e presérvanos na identidade e na concesión de tantas dádivas.

Mais a Nosa Terra está ampliada nos trazos dos nosos agrimensores e no que nos deixaron os nosos pintores, neses relatos visuais, como é o caso de Carlos Maside, que nos deixou gratos matices sobre unha Galiza vital e dimensional humanista: patria verdadeira e duradeira de nosas ambicións. Temos a certeza no que espreitamos sobre tan dilatadas vidas dedicadas ao traballo labrego, da xente que prodigou redención. Maside en seu alter ego en todo o que nos coñecemos del, recoñecéndonos nesta terra espida e de cor de orxo. Tan matizada nesas esperas de longas miserias que tanto Maside como Castelao e outros pintores nosos, resaltan eses matices xeográficos humanizados, de tantos traballos e de tantas miserias que aínda nos intimidan.

A precisión do pintor de Pontecesures, acentuou o dramatismo do pobo galego nesa inmensa superficie traballada e con nomes propios. Carlos Maside non falsificou as iniciais do que xa non é contraste de tantas realizacións asumidas nesta xeografía con nomes propios e ampliada polo colectivo popular, que manifestou a súa propia temporalidade, tan presente no selo identitario do que fomos e aínda seremos nos trasfegos dos traballos, que Maside integra neses espazos humanizando xeografías ocupadas por colectivos vitais que producen progreso e nos convida a facelo, nesas pinturas de mulleres labregas, peixeiras, panadeiras, leiteiras, e de tantas outras que percorren esa xeografía con nomes, polas rúas das vilas co berro ergueito da liberdade e polas feiras. Estas figuras cromáticas de Maside falan e visualizan protesta. Estas pinturas relatan o que acontece nas nosas xeografías que unifican nación e resplandecen en libre pensamento. Velaquí a decencia dos nomes.