Arxentina, dóenos 26/11/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Argentina es uno de esos enfermos
graves que ni se mueren ni se curan
y cuestan un dineral a la familia.
Nicolás Guillén

Arxentina doe. Dóenos! Os galegos non podemos sentirnos insensíbeis e indiferentes ante tanto desorde que predomina nese país, a cuxa capital chamámoslle a quinta provincia galega. En cada fogar galego hai unha historia e unha lembranza daqueles membros da familia que emigraron á procura de mellorar a súa existencia e atoparon na Arxentina o seu paraíso, agora perdido. Quen non ten no cemiterio da Chacarita un familiar enterrado? Son tantos os vencellos de unión que un non pode esquecer a ese país no que se creou unha das colectividades galegas mais importantes do mundo; onde a nosa emigración fixo patria e galeguidade inmorredoira. Quen senón realizou eses eventos culturais da época de posguerra mantendo viva a conciencia e as manifestacións culturais e políticas que na Galiza non permitiu o franquismo?

Naqueles anos de depresión e carencia, aqueles galegos enviaron miles de pesos ás súas familias sometidas na miseria, cando o peso tiña un valor superior á peseta. Todo aquelo cambiou. Hipotecouse. As demagoxias populistas e os golpes militares desencadearon a dilapidación dun país que tiña unha enorme capacidade de saír a diante coas súas materias primas.

A crises e a desesperación actual dos arxentinos non cabe buscalas nas relacións económicas e políticas actuais, veñen de atrás. Comezaron mesmo no acto de toma do poder por parte do xeneral Juan Domingo Perón, aquel 17 de outubro de 1945. Foi nesta data onde comeza a gran demagoxia, o fascismo revestido de populismo e de arengas a favor dos pobres. Mais o xeneral Perón, co seu Justicialismo, creou unha formula nova de predominar no poder a costa de atraer a unha das clases sociais mais deprimidas como era a clase obreira e campesiña; apoiándose nela creou unha serie de infraestruturas de poder absoluto. Aqueles anos que Perón estivo de encargado militar na embaixada de Arxentina na Italia fascista, tiña na súa mesa de noite unha fotografía do Duce, como símbolo de poder absoluto. Coñeceu puntualmente como Hitler conquistou o poder, apoiado nunha clase social que perdera o seu poder económico naquela depresión de entre guerras. Ou o caso de Mussolini, como chegou ao poder fascista apoiándose no descontento da clase media. Perón creou outra alternativa totalitaria e fascista integrando aos descamisados. Era a demagoxia críbel que na Arxentina funcionou durante aqueles anos da posguerra, cando Europa tiña necesidades concretas, sobre todo do sector cárnico e de cereais que Arxentina abasteceu. Toda unha filosofía fascista do poder.

A creación do mito Evita, facendo crer a alianza de dous poderes que Perón e a súa dona representaban por separado. Os mitos do peronismo estrangularon a pouca mobilidade democrática que tiña Arxentina. Os descamisados crearon e toleraron a oligarquía. Todo valía dentro dese contexto populista. O mito Gardel había que aproveitalo e extrapolalo á figura de Eva Duarte. A Evita a converteron nunha especie relixión e culto como o que se lle rende á Virxe María. Coa súa morte, o 26 de xullo de 1952, pronto comezou a decadencia peronista, protagonizada polos poderes fácticos da cúpula militar e da Igrexa, que alentados por aquela primeira depresión inflacionista, consumouse o golpe de Estado que pon no poder ao xeneral Aramburu, en 1955. Despois chegaron os xenerais Onganía e Lanuse, a secundar a desfeita.

Ante esta situación de deterioro social, económico e de depresión moral, os arxentinos non foron capaces de corrixirse ante esa carga enorme de integracionismo e de corrupción militarista. Neste sentido, acertou Jorge Luis Borges, ao dicir: “Los argentinos no son malos ni buenos, son incorregibles”. Velaquí a entrada nese túnel sen saída onde o peronismo e o militarismo tiveron mais encontros que desencontros. A ditadura do triunvirato militar encabezado por Videla xerou o maior xenocidio do golpismo militar en Arxentina. Despois chega Menen, en son de caudillo laico, facendo fortuna para el e a súa camada familiar. O mesmo aconteceu coas presidencias de Néstor Kirchner e da súa esposa, Cristina Fernández de Kirchner. Os dous, tan completos e áxiles en turbios problemas xudiciais por problemas de corrupción.

En todas estas maledicencias e derrotas que soporta a sociedade arxentina, nesas graves crisis económicas e existenciais, aparece un salva patrias, o redentorista Javier Milei (el loco Milei) coa a súa moto-serra como símbolo devastador do antigo orde peronista e doutros símiles ideolóxicos. Sen sorpresa aparece o ímpeto absoluto de Mi/lei, a rexenerar a patria grande que cabe no cranio-salvoconduto dos arxentinos. A movida esta servida; o comezo da súa presidencia non defrauda co anuncio da visita inmediata ao sátrapa Donald Trump e ao xenocida Benjamin Netanyahu. Mi/lei imponse, Arxentina, outra vez máis, continúa perdendo batallas sociais e democráticas. Arxentina, sensibilízanos a túa traxedia e a túa dor!