Depredación do planeta 17/12/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

A Conferencia das Nacións Unidas sobre Cambio Climático, celebrado fai poucos días en Dubái, tamén coñecido como o COP28, sabemos que a credibilidade exposta polos participantes salvouse por mínimos, poñendo remendos pouco críbeis, por parte das grandes potencias estatais, financeiras, especulativas, petroleiras e enerxéticas que controlan o mundo. Feudos que constantemente depredan o universo natural que a humanidade máis fráxil socialmente esta soportando a destrución do Medio Ambiente.

Dito este lixeiro preludio, quero aludir a aqueles clásicos naturalistas, cultivadores de abordaxes que activaron un discurso defensivo sobre a conservación activa da Natureza, na cal respiramos e contemplamos tanta beleza. Como manifestou o dramaturgo renacentista inglés, Ben Jonson: “Mesmo no ben está a beleza!” Redundando naquel concepto que tiñan os gregos sobre a beleza e outros matices sobre a perfección das cousas que baixo a óptica naturalista idealizábase todo o que irradiaba beleza. A esta famosa frase de Ben Jonson, Henry David Thoreau, iluminouna así: “Qué preto do ben está o salvaxe!” Coido que o home actual tense distanciado destas dúas concepcións que mantiñan Jonson e Thoreau. Porque o noso propio hábitat natural foinos usurpado por diversos tránsitos demográficos e por múltiples desequilibrios en favor de interesadas e permisivas especulacións.

Nestes desfases, o ser humano foi desposuído da súa relación co seu microcosmos, perdendo todas as posibilidades que podía ter sobre a conservación dos espazos naturais. Mais trocounos por habitáculos de formigón, perdendo así todos os atributos que a Natureza lle conferiu antes de renunciar a esa unión e unción que hai entre o home e o seu medio. Verdadeiramente, somos conscientes de que estamos divorciados dos dons con que a Natureza nos mantiña en perfecto equilibrio? Por suposto, estamos distanciados dos beneficios que esta xera. Dada esta constatación, estaremos contribuíndo a unha enorme desfeita planetaria?

As grandes urbes tenden a despersonalizarnos e a individualizarnos para que entremos no contraditorio mundo da idea única consumista. A tendencia polo homoxéneo perpetúase fronte a diversidade. O desafío é enormemente perigoso ante os que optamos por un equilibrio planetario, cada vez mais disociado dun ambiente pregado de anomalías. Non se trata de regresar aos tempos naturalistas idealizados por Homero ou por Confucio, que por suposto foron mellores que os que hoxe contemplamos, trátase de conservar o noso medio e o noso itinerario, tan persoal como inaudito.

Se regresamos na memoria só cincuenta anos atrás e valoramos a inmensa perda de tantos espazos naturais, de tantas poboacións rurais desaparecidas, da inmensa flora e fauna que nos asistía desapareceu. Somos conscientes que esa devastación débese a intereses especulativos? Por tanto, temos que recuperar ese primitivismo cultural e naturalista fronte aos monopolios que converten a este planeta en todo, menos habitábel. Aínda estamos a tempo de cultivar as proezas naturais que nos transmitiu aquela cultura de vocación comunitaria e diversa.

As alarmas téñense disparado, considerablemente, sobre a grande desfeita na que estamos submisos. Os estudosos que teñen abordado estes problemas remítennos á fiabilidade das estatísticas sobre a descomposición dun mundo que tivo posibilidades de ser habitábel e normalizado. Por tanto, estanse transgredindo tódalas esferas mais elementais para realizar un mundo sostíbel, sobre do que xa se ten depauperado. O protocolo de Kioto non deixou de ser un referente para modificar e corrixir aquelas anomalías nas que se está incorrendo desmesuradamente.

Estas enormes anomalías xa as detectaba Thoreau, que no comezo do seu libro, “Pasear”, di: “Quixera falar en favor da Natureza, da liberdade absoluta do agreste, en contraposición á liberdade a cultura estritamente civil, considerar ao ser humano como un habitante, ou unha parte integral da Natureza, mais que como membro da sociedade”. Á medida que nos introducimos na lectura deste libro descubrimos unha serie de advertencias que Thoreau nos describe, como esta: “Temos unha mai inmensa, salvaxe e ruidosa, a Natureza, que se estende ao noso redor con tal beleza e tal cariño por seus fillos como o leopardo; en troques, separámonos demasiado pronto de seu seno para pasar á sociedade, a esa cultura que é exclusivamente unha interacción do home con seus semellantes, unha especie de crianza endogámica que produce, como moito, unha nobreza inglesa, unha civilización destinada a chegar á súa fin rapidamente”. Esa grande Mai, que os africanos chámanlle Mai Terra, sempre salvaxe e xerminal para quen a traballou e viviu dela, que soubo sostela e respectala en seu propio equilibrio. Vista toda esta crueldade, un aspira a volver ao estado salvaxe mais puro e mais inocente. Mesmo ao cántico universal da Mai Terra.