Tempos novos e desexados 31/12/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

A aritmética das encostas e outros cálculos adheridos ás próximas eleccións autonómicas que Galiza celebrará en 2024, sen dúbida, teñen un carácter transcendental na vida política galega. Un cambio desexábel para uns, e para outros continuar coa normativa dun poder omnímodo que apela a representar á maioría de votantes galegos, con devoción e ilusión, en que nada de mova do que controlan. Din que hai demasiados movementos sísmicos para que veña un de carácter político a alterar a norma, o sosego, alteración conciencias mornas e provocar mudanzas non desexadas. Para estes que dominan a periferia, a molestia debe ser enorme cando outros galegos da zona “b” ou “z”, un bo porcentaxe de galegos cargados de optimismo, poden esfarelar vontades anquilosadas en vetustas normativas e procederes, que ergan a voz da Irmandade, renoven o pregón ferido da antiga estirpe: “Como en Irlanda, érguete e anda”.

Dicía o escritor irlandés, Óscar Wilde: “O descontento é o primeiro paso para progresar un home ou unha nación”. Isto o saben os que desgobernan e, tamén, os que aspiran a gobernar. E isto o debía saber a grande masa de votantes. Sabemos que para moitos medo pétalles na porta, en vivo e in situ. Mentres a oposición, durante moitos anos, aprendeu a utilizar un talante democrático e a esclarecer o que outros non destapan. Pode que nas próximas eleccións galegas haxa sorpresas que poden provocar un sismo.

Galiza non pode seguir sendo vista de esguello, con desconfianza polos que observan o seu estado estático. As políticas que se fixeron ata agora tiveron un carácter de permanencia inmobilista e sempre encunchadas no mesmo mascarón. Na Galiza emerxen graves problemas que dificultan un proceso de cohesión, no que máis atinxe aos galegos no campo das infraestruturas, na sanidade, no emprego e un longo etc. Cando outras comunidades autónomas, con menor inercia e materias primas, teñen despegado e superado a súa prostración. E por moito que proclamen bonanzas, a treboada non deixa de ser devastadora. Cun panorama así, “Nada vai ben nun sistema político no que as palabras contradín os feitos” (Napoleón, dixit.

Parece que estamos no fin dunha xeración de compracidos polo codelo pan e outras migallas, que permiten non esixir determinados bens que nos pertencen. Parece que agora os tempos dos favores persoais teñen que trocarse en dereitos colectivos. Superando, así, eses favores por obrigacións indebidas coas administracións e cun caciquismo que maquilla descunfigura a realidade social e existencial. Posibelmente nas próximas eleccións a sociedade galega, polo que estamos decatando, é que esas inútiles efixies con dominios a perpetuidade non son eternas. A súa erosión anuncia decadencia, felizmente.

Un admirado evento desprega esperanza, en azul e branco. A Galiza de Faraldo, de Añón, de Rosalía, de Curros, de Murguía, de Pondal, de Vilar Ponte, de Castelao e de Cabanillas, e tantos outros defensores da nosa identidade e do noso progreso, que confirmaron a vontade popular aspirando a ser libres e soberanos. A nova estirpe dos “bos e xenerosos” saberá desatrancar camiños para dar pasos seguros. Nestes momentos é preciso abrir as portas da xenerosidade para superar contradicións imperantes.