ventos ábregos 14.04.2008
AVELINO ABUÍN DE TEMBRA
Os Pedróns 2008 (e II)
AVELINO ABUÍN DE TEMBRA
Demorou algúns anos en quedar establecido o Pedrón de Honra. As primeiras versións que se lle deron foron a de Pergameo de Honra e Loubanza e incluso se tentaron outras denominacións. Os primeiros recaeron en insignes homes de letras e de ciencias. Algúns deles de procedencia portuguesa, porque había un claro propósito en nos achegar ás escolas lusitanas que, como as galegas, se dedicaban á investigación do patrimonio popular folclórico, arquitectónico, paronomásico, musical, lingüístico e cultural e letras populares.

xornal

Os Pedróns 2008 (e II)
AVELINO ABUÍN DE TEMBRA

Demorou algúns anos en quedar establecido o Pedrón de Honra. As primeiras versións que se lle deron foron a de Pergameo de Honra e Loubanza e incluso se tentaron outras denominacións. Os primeiros recaeron en insignes homes de letras e de ciencias. Algúns deles de procedencia portuguesa, porque había un claro propósito en nos achegar ás escolas lusitanas que, como as galegas, se dedicaban á investigación do patrimonio popular folclórico, arquitectónico, paronomásico, musical, lingüístico e cultural e letras populares. Estes beneméritos portugueses, ausentes de Galicia os membros da Xeración Nós e doutros organismos semellantes, mantiveron incólume a amizade e a lembranza do labor común. Pero non só foron os portugueses namorados de Galicia. Tamén houbo estranxeiros procedentes de diferentes latitudes e, por suposto, fillos de Galicia que, polas circunstancias que fosen, debían de residir fóra do noso territorio. A primeira figura en recibir o Pedrón de Honra -Pergameo de Honra e Loubanza- foi o etnógrafo portugués, Fernando C. Pires de Lima e detrás del, no ano seguinte, Joaquím Rodríguez dos Santos Júnior. Dos estranxeiros, Hans Schneider, Cesare Giulio Borgna, a Universidade de Mayagüez (Porto Rico), Roxelio Rodríguez de Bretaña virían despois. Tamén figuran Alberto Balill, Antón Alonso Ríos, Rodolfo Prada Chamocín e Carlos Velo. No 1979 retorna outro portugués, Carlos Alberto Ferreira de Almeida. Non se chegou a un pacto para llo conceder a Rodrigues Lapa. Sorprende que non o recibira con agarimo Xosé Ramón e Fernández Oxea cando vivía permanentemente en Madrid. Algo que valorou como unha arbitrariedade porque se consideraba residente en Galicia . En 1982, o Pedrón de Honra foi para Borobó e no ano seguinte, para Basilio Losada.

Chegamos así á 44ª edición do Pedrón de Ouro e do Pedrón de Honra. O Pedrón de Honra recaeu este ano na persoa, na obra e no afán de Xosé Lois García, escritor e poeta chantadino residente en Cataluña. Advirten del que ten a súa vida en Cataluña -é arquiveiro do concello de Sant Andreu de la Barca-, pero a súa alma reside en Galicia e Portugal. Xosé Lois García escribe páxinas brillantes en GALICIA HOXE. Trátase dun home que colabora na prensa -Diario de Barcelona, Mundo Diario, Avui, así como na revista Canigo- e ten extraordinario valor a súa vontade de superación: obreiro metalúrxico, sociólogo e historiador. Creador da Irmandade Democrática Galega que tivo como voceiro a revista O Mallo dirixida por el. Vicepresidente de Amigos da ONU, levou a cabo diversas accións de concienciación sobre a problemática social do noso país. Dinamizador cultural, participante en congresos e simposios, organizou en Cataluña diferentes eventos sobre as letras galegas e portuguesas. É o impulsor dos parques Rosalía de Castro e Castelao en cerámica de Sargadelos feitos por Díaz Pardo, en Samt Andreu de la Barca, ao pé do río Llobregat. Unha sorpresa marabillosa.

Xosé Lois García é autor de numerosos libros. Unha obra cuantiosa que citaremos como de paso: Borralleira para sementar unha verba de 1974, Non teño outra cantiga, 1975, Memorias doutros corpos, 1079 etc. Poeta galardoado, a súa poesía foi traducida a diversos idiomas europeos. Importante ensaísta que incluso chegou a colaborar con José Agustín Goytisolo e antólogo da poesía dun poeta afro-portugués: Agostinho Neto. Como ensaísta ten publicado aínda Castelao i Catalunya 1970, Castelao desde Catalunya, Os trobadores das terras de Chantada, 2001, e varios máis.

Vémonos todos os días 18 de maio na Casa Museo de Rosalía.