Xosé Lois García, unha fervenza en verso - 09/12/2012
-xornal
Isidro Novo

Eu a Xosé Lois coñecino persoalmente naquela fermosa festa que el montou no Faro chantadés para erguer nel por primeira vez, e de novo na nosa memoria, a figura de Xoán de Requeixo. Sen axuda oficial, aínda que coa da xente que aglutinou para o seu afán, hoxe e dende hai oito anos, están as cinco cantigas do trobador requeixao en senllos monólitos. E non conforme con este seu tributo a un poeta do seu eido máis próximo, aínda foi el o verdadeiro ariete para que o gran Novoneyra fose celebrado con puntualidade pola RAG logo de cumprido o prazo de rito dende o seu pasamento.

Pero incluso en Cataluña, terra onde traballou e á que segue tan vinculado, foi o impulsor da nosa cultura ata o punto de que na vila onde exerceu como director do Arxiu Històric Municipal, en Sant Andreu de la Barca, conseguiu que se construíse un fermoso parque dedicado a Rosalía e non deixou pasar moito tempo para convencer o municipio da construción dunha alameda en homenaxe a Castelao.

Sen dúbida serían estes, de home de prol, méritos suficientes para que Xosé Lois fose persoa de respecto na nosa cultura, pero hai máis, porque non podemos obviar a súa sabedoría sobre o románico, que o leva a publicar de cada pouco os seus serios estudos simbolóxicos sobre unha zona da nosa terra rica neste tipo de arquitectura, o seu coñecemento polo miúdo da cultura dos países africanos de fala portuguesa, do Brasil e de Cuba, que o converteron en antólogo de autores deses países e obvia é tamén a súa faceta de articulista, eido da escrita que cultiva con profusión. Mais tan profusa, aínda que non tan evidente por razóns de xénero, sexa a súa faceta como poeta.

Hai ben pouco tiven a sorte de participar na librería Sargadelos da presentación da súa Poesía Completa, editada por Toxosoutos en dous cumpridos tomos e prologada cun estudo exhaustivo por Camilo Gómez Torres. No primeiro un comeza lendo o Cancioneiro de Pero Bernal, do ano 1972, no que o poeta asume ese heterónimo e as súas consecuencias, trobando ao modo medieval a súa terra, sen deixar por iso de facelo en cantiga de amigo e de escarnio de claro matiz social. Da remate este tomo coa edición aumentada en 2005 da súa obra Do Faro ao Miño, cuxa primeira vira a luz en 1978, prologada por Celso Emilio Ferreiro, e onde cada recanto da xeografía indicada no título, aparece poboado polas xentes, os seus oficios e os seus lugares de rito, pero tamén pola súa flora e a súa fauna. Polo medio outras publicacións como Borralleira para sementar unha verba, no que se reflicten os seus primeiros pasos fóra do aquí que irán moito máis lonxe 

en Non teño outra cantiga e seguidamente Aquarium, un lugar dende o que mana o verso de amor prolongado na Materia Corporal que prologa Uxío Novoneyra. Polo medio tamén están Os indicios do Sol, escrito en lingua portuguesa e mesmo unha colectánea de poemarios inéditos reunida baixo o título Tempo precario, onde hai lugar para homenaxes a poetas como Celso Emilio, Seoane, Agostinho Neto..., para as adiviñas, para a esperanza noutra primavera, para procurar a memoria das pedras e dos lugares, para salmodialos e chegar ata o Labirinto incendiado, onde o poeta canta o Portugal Norte na súa propia fala. Tamén ten versos para xunguir artes, como en Paixón e rito ou para cantar Lugo (que foi o lugar accidental do seu nacemento) en Círculo de Luz e xisto ou para reflexionar sobre a morte, como fai en Rostro incompleto, ou mesmo para que os nenos se acheguen, como n’A figueira lingoreteira. En Mornas, canta Xosé Lois a Cabo Verde no idioma de alá, no de aquí ao viño do Ribeiro en Falo de Baco e outra vez no idioma de Camões aos azulexos de Caminha n’O son das águas lentas, lingua tamén para Angola en Sambizanga.

No segundo tomo da súa poesía completa recóllense as últimas aventuras poéticas deste versificador imparábel. Presentado baixo o nome de No sangue dos bardos, este libro contén o sorprendente Kalendas, un ousado itinerario polo día a día en 2003, coa memoria como eixo, e tamén dá acollemento a África em sinfonía solar, na que o poeta fai unha fermosa homenaxe ás mulleres de alí. Non podía faltar tampouco un título no que non fose explícita a súa gratitude á terra e ao lugar onde viviu tantos anos e por iso no idioma de Espriu aparecen neste libro as Cruïlles de Santa Andreu de la Barca. Logo aínda o lector poderá ler os seus Abrilsonetos ata meterse No imo do tempo, cheo de lembranzas de persoas e persoeiros, algúns próximos, e outros remotos no tempo, ata chegar aos Pórticos do gozo. Poemas a Pantón no que fai unha evocación de toda a zona comezando polos seus ríos. Da versatilidade en verso de Xosé Lois fala nidio que a obra que fecha o segundo tomo sexan os Poemas pornofálicos, unha aventura verdadeiramente gozosa pois:... Entre o pudor e o poema/os ais sobre os pubes/deixan de ser lentos/na precoz harmonía dos ecos.

Paga a pena ollar esta fervenza de tan diversa caída.
Isidro Novo