Ton Van Vliet e a ermida do Faro - 28/12/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

TON VAN VLIET E A HERMIDA DO FARO

faro romaria 1Pouco sabemos do cómo e do porqué da chegada dun viaxeiro tan especial como o fotógrafo holandés, Ton van Vliet, no día de romaría grande de Santa María do monte do Faro, mesmo a cimeira dos 1181 metros de altitude.

Coidamos que a impresión para este fotógrafo deveu ser impresionante e ter sentido ao captar esas fotografías de relixiosidade e convivio, tan pouco frecuentes na cultura popular holandesa, desde o lado católico. Así que se impregnou desa vasta manifestación de peregrinos, que ao Faro puxan e deleitan a calquera forasteiro con esa carga de ancestralidade onde o paganismo, a idolatría e a espiritualidade se mesturan e incensan ás ánimas cativas na inocencia dunha precaria fe.

A reportaxe fotográfica que nos ofrece Ton van Vliet é impagábel, tanto polo modelo de foto en branco e negro, nunha época en que estaba tocando a seu final, e pola percepción de captar escenas que marcan e enmarcan a unha sociedade, como a que se asenta no lonxincuo perímetro do monte do Faro.

Esas escenas dos ofrecidos tan curiosas como negativas de ir de xeonllos para pagar débedas á Nosa Señora do Faro. Unha práctica bastante pagá e abastecida de contradicións con respecto ao tema da fe e das obras, que tanto preocuparon a Paulo de Tarso (San Paulo). O énfase que el fixo na Epístola aos Romanos 5, 1-2, desvela o imperativo da fe sobre a xustificación por obras ou por autolesións corporais, cando di: “Xustificados, logo, pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por el temos tamén entrada a esta gracia na que nos mantemos; e estamos orgullosos coa esperanza de logra-la gloria de Deus”.

faro romaria 2Na doutrina epistolar paulista aínda persisten outras consideracións sobre a adversidade de querer xustificarse por obras e pagando con esmola ou ir de xeonllos ou outras prácticas semellantes. San Paulo expresábase así en Efesios 1, 8-9: “Porque vos salvaron por gracia, mediante a fe; e isto non ven de vós: é don de Deus; e non vén das obras, para que ninguén se dea méritos”. Pois logo, no Faro e en tantos santuarios de Galiza, co que di San Paulo, non valen as prácticas interesadas de pagar prebendas, e ao que se fundamenta na doutrina cristiá do Novo Testamento.

En todo isto, o fotógrafo holandés revisa unha serie de actos que unifican esas diversas expresións que conforman un longo catálogo do que acontece na festa grande do 8 de setembro ao redor da capela de Nosa Señora do Faro. Neste mesmo día de 1977, Ton van Vliet percorreu voa parte das terras de Agolada, Lalín, Rodeiro até subir ao Faro de Requeixo e de todo Chantada, para ollar o sufrimento físico nun escenario tétrico que non concorda co pensamento da patrística cristián, nin coa dialéctica metafísica que desbota os erros interesados dunha tradición popular feita á medida de intereses privados.

As fotografías de Ton van Vliet introdúcennos tanto no pensamento como no dialogar para esclarecer esas asperezas que as imaxes testemuñan o ir e vir dos devotos da Virxe do Faro, en súas mais precarias emerxencias do que se debate entre fe e obra, na xustificación de dar grazas as divindades que fan favores. Todo ese proceso de actos e composturas que se ofrendan na ermida do Faro e que este fotógrafo nos ofrece, podemos connotar certas particularidades usuais do universo druídico, onde aquel facho de luz radiante iluminou, desde o Faro chantadés, toda esa longura de terras do centro de Galiza, e que o mesmo Frei Martín Sarmiento menciona aquelas practicas pagás do precristianismo que se efectuaban neste alto cume.

As peregrinacións a este ático centro cultual ten elevada información nas cinco cantigas do trobador de finais do século XIII, Xohán de Requeixo, que nos confirma varios nexos que esa festa de amor porfiado e confiado estrelecíase ao redor da antiga ermida, no remoto eido litúrxico e cultual onde a devoción e a proclama de fe era ben distinto á prédica e as composturas devocionais de hoxe, tal como se manifestan neste álbum fotográfico de Ton van Vliet.

Unha colección de fotografías sobre a romaría grande de Nosa Señora do Faro; un excelente inventario de imaxes que confirman os segredos dunha diversidade de concorrencias identitarias. Todo un universo codificado nesas fotografías, que non só marcan a lexitimidade festeira e festiva do Faro, ademais é un útil e un soporte no campo da antropoloxía social e cultural. En todo isto non podemos esquecer o portento recorrente das fotografías máxicas de Ton van Vliet.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras