A Ribadavia de Xosé Luis Chao Rey -14/04/2015
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Coñecín a Xosé Luís Chao Rey (1942) no verao de 1994, cando me propuxen visitar o románico do Ribeiro. El foi o meu guía polos vastos e pródigos monumentos románicos, deste xeito, puiden inventariar as vinte e oito igrexas e mosteiros que dan prestixio monumental e artístico a Galiza.

xose luís chao reyXosé Luís Chao é unha persoa que con frecuencia desxea o seu bloque de timidez para afondar con seguridade en temas que a ninguén deixan indiferente. É unha persoa de longo recorrido, adaptado á normalidade, silencioso e sempre trebellando en crear elementos básicos de convivencia e xenerosidade, que en seus ámbitos de relación se lle recoñece.

Chao é un activista e humanista que non proclama o seus bos e amplos faceres pola súa Ribadavia. El sabe como erixila en apousentos de gloria sen retumbes nin cinzarras. É unha persoa que por veces parece un freire de monacato, mastigando sabenza, que escoita moito e fala puntualmente o necesario para ser entendido. Perseverante en saber de moitas cousas que moitos non sabemos e que son necesarias que se saiban, para non escurecer a verdade nin dar azos as contundencias da argallada. O que di e o que pensa é matemática pura da súa verdade nunca absoluta.

Xosé Luís Chao sabe moitas cousas da historia das mulleres e dos homes de Galiza, mesmo sorprende o seu arquivo ben ordenado no seu cerebro. Impresiona! De palabra certa para non extinguirse en incertezas nin en indiferenzas. Ao lado del un vai volvendo ao rego do que nos fica por descubrir do Ribeiro. Claro que el estivo en tantos proxectos de pegada propia, que case todos teñen a seu selo no increchendo dun memorando inaudito, que non abreviará a luz sobre Ribadavia.

Fai poucas semanas que estiven na súa casa de Ribadavia e a dar voltas polas rúas retortas e empinadas da vila do Avia, a revivir as parcelas pétreas que aínda teñen voz na de Chao e que esnaquiza tódolos silencios posíbeis. O matiz da verba o asistiu para dar resposta a meus interrogantes.

 

OS ABRENTES TEATRAIS DE RIBADAVIA

XLG, PREGUNTA. De tanto que ti e mais eu temos falado de Ribadavia hai unha serie de temas que me gustaría saber certas puntualidades e matices. Un deles é sobre a creación de Abrente que desde Ribadavia promoveu o noso teatro, nun tempo escuro de censuras e persecucións. Coido que ti fuches un dos precursores desa idea. Como naceu e con que xente?

xose luís chao reyXLCh, RESPOSTA. Para falar de Abrente hai que ir aos inicios, anteriores a novembro de 1969, ano da súa fundación. Nesa época viñeron tres cregos novos e feitos á medida do Concilio Vaticano II e con ideas renovadas chegaron a Ribadavia. Eu era moi novo e educado nunha familia moi católica, así que me integrei naquel ambiente de cregos progres que non cobraban seus oficios e falaban galego. Tiñan un talante de achegamento á xente nova que foron aglutinando nun cine club. Aquí comezamos a constituír un grupo de teatro e unha coral que cantaba en galego, Aínda que non se falaba de política todos intuíamos un ar renovado nas conferencias que se daban. Nestes anos hai unha denuncia de reaccionarios anónimos e o bispo Temiño os leva de Ribadavia. En certa ocasión estaba a garda civil esperándoos dado que neses días pasou un coche tirando otavelas pola vila contra o réxime franquista e votóuselle a eles a culpa. Houbo manifestacións e enfrontamentos en favor dos tres cregos. Trátase da primeira manifestación que se fixo en Ribadavia contra o franquismo. Temiño os levou para outras parroquias e esta expulsión uniunos moito mais que nos levou á fundación de Abrente. Por tanto era un nome moi apropiado para abrir un novo amencer, na que a cultura e o idioma galego tiveron un firme protagonismo.

PREGUNTA. O protagonismo teatral de Abrente dura anos e tivo un enorme impacto, non só na Galiza senón internacionalmente. Ti fuches un dos creadores, mais tamén se fala de Xesús Sánchez, Chucho, fálanos deste home?

RESPOSTA. Abrente supera as conferencias que serviron para aglutinarnos. Mais chegamos a un punto que tratamos de orientar a Abrente como plataforma e tratamos de facer unha mostra de teatro galego, dado que as artes escénicas en Galiza estaban bastante afastadas da nosa cultura e tratamos de fornecer algo que non había. Entón desde Ribadavia tratamos de facer algo a nivel de Galiza. Neste eido o Chucho foi unha persoa moi puntual e con gran visión orientadora. Naquela época apenas había grupos de representación, exceptuando o de Manuel Lorenzo na Coruña. Nesta primeira andaina fomos por varios pobos recrutando persoas para iniciar a primeira Mostra de Teatro Galego, aquí en Ribadavia. Así comezou e nas oito mostras que fixemos representáronse unhas cento cincuenta obras e mais de cen textos presentados a concursos. Moitos deles de escritores de prestixio como Manuel Maria e Manuel Lourenzo.

PREGUNTA. Tiñades infraestruturas para representar esas obras?

RESPOSTA. Ningunha. E moi poucos apoios.

PREGUNTA. Vexo que tedes un teatro tipo grego, ao ar libre. Existía esta plataforma ou foi posterior á creación de Abrente?

RESPOSTA. Foi construído a consecuencia do protagonismo que tivo Abrente.

PREGUNTA. Eu lembro na igrexa da Magdalena exposicións sobre teatro, fixéronse representacións teatrais nese espazo?

RESPOSTA. Na época de Abrente non existía o teatro do Castelo, que ti mencionas, ou se facía ao ar libre, no entorno da igrexa de Santo Domingo, ou nun local que alugábamos. Dado que o local de Abrente era moi reducido e só facíamos representacións de teatro infantil. Certo, utilizamos a igrexa da Magdalena para representacións, dado que estaba exenta de culto. Era un recinto pechado e moi idóneo para facer teatro.

 

O CENTRO DE ESTUDOS MEDIEVAIS DE RIBADAVIA

PREGUNTA. Ti, ademais do teatro Abrente, fuches o promotor de crear o Centro de Estudos Medievais de Ribadavia, que ten unha prolongada actividade na descuberta da historia local, sobre todo no que respecta á presenza dos xudeus de Ribadavia. Como xurdiu o renacer e a recomposición da memoria sefardita De Ribadavia?

RESPOSTA. Este Centro, do que fas mención, cumpriu vinte e cinco anos o pasado novembro. Os fundadores procediamos de Abrente e pensamos en crear unha Asociación que divulgara o patrimonio histórico local e, ao mesmo tempo, potenciara a recuperación da memoria histórica e, tamén, velar polo patrimonio material e inmaterial, dado que aquí había unha mentalidade bastante destrutiva en aceptar de que houbese xudeus. Aquí houbo unha época que se destruíron casas antigas que eran emblemáticas, chamadas vellas e pensábase en destruír o castelo, no centro da vila. Nesta recuperación da memoria démonos conta que había un tema moi importante que era a presenza xudía en Ribadavia, sendo un tema moi esquecido en toda Galiza.

PREGUNTA. Nun dos libros do Padre Eiján, fálase dos xudeus ribadavienses. Vós afondastes no tema?

RESPOSTA. É verdade, pero o Padre Eiján fala moi pouco. Por iso, un ano antes (1991) da conmemoración do cinco cento aniversario da expulsión dos xudeus (1492), fixemos un Congreso Internacional, co nome: “Xudeus e Conversos na Historia”, nesta ocasión viñeron uns trescentos poñentes e especialistas de todo o mundo, sendo inaugurado por Jacques Le Goff, que era o director da École des Hautes Etudes de Sciences Socieales de París. A raíña Sofía aceptou a presidencia de honor do Congreso. Este foi un espertar para Ribadavia, sobre a súa historia e de toda a Galiza, en tomar conciencia dos nosos xudeus.

PREGUNTA. Ese Congreso tiña un matiz especial sobre a reivindicación da presenza xudía de Ribadavia ou engadía a aos sefarditas de toda a península Ibérica?

RESPOSTA. Non se concretaba a Ribadavia, nin sequera a Galiza. Partía de aquí e fóronse ampliando os temas. Posteriormente publicamos as actas en dous volumes que foron espallados por todo o mundo. A consecuencia disto, Ribadavia que non era coñecida en Israel nin no mundo sefardita a súa identidade xudía tivo transcendencia, ao crear aquí en Ribadavia o Museo Sefardí e formar parte da rede das xuderías de España. En 1994 organizamos outra actividade importante que levamos a varias cidades galegas, que foi o Festival de Música Sefardí.

 

A IMPORTACIÓN DA FESTA DA ISTORIA XUDÍA DESDE CATALUÑA

PREGUNTA. En todas estas actividades amplíase ese renacer memorial, créase a Tafona (forno) da Herminia, localízase o suposto gueto e o espazo da sinagoga e outras presenzas silenciadas pola Inquisición. En todo isto hai outro tema personalizado en ti, como é a creación da Festa da Istoria de Ribadavia que fuches o iniciador da mesma, nunha visita a Girona recolles no Call (xudería) algo que os gironinos estaban facendo e é algo que ti trasladaches a Ribadavia. Como sucedeu este transplante?

RESPOSTA. Debido a eu estar casado cunha catalá frecuento Barcelona e, por unha casualidade, coñezo a un señor chamado Josep Tarré, que en Girona facía unha festa floral moi coñecida no Call, dado que el dirixe a Asociación Isaac el Cec, filósofo xudeu catalán do século XII, da que é propietario dese gueto. El mentalizoume sobre esta festa e animoume a importar ese patrón. Do que el me comentou, a miña muller, Xosé Ramón Estévez e mais eu estruturamos esta Festa da Istoria. Mais tivemos en conta certas historias que o Padre Eiján nos conta de Ribadavia, cando no século XVI se facía unha representación bíblica, pensamos en facer esa festa cos elementos extraídos de Cataluña con certos matices descritivos do Padre Eiján.

PREGUNTA. Nesta festa utilizades unha indumentaria chamada medieval, en qué consiste e de onde procede?

RESPOSTA. Aproveitando que a miña muller traballaba nunha escola taller que había en Ribadavia, houbo a posibilidade de que os alumnos participaran e buscaran a indumentaria medieval e tendo como referencia a festa do Call de Girona.

PREGUNTA. Hai un punto fundamental na Festa da Istoria que modifica bastante o tema central da mesma, como é a incorporación á mesma e que ten unha atracción popular moi destinguida como é a voda xudía, na que todos os participantes van vestidos con prendas de orientación medieval. Quen fai estas prendas?

RESPOSTA. A primeira primicia deste festa deuse no Castelo medieval, o primeiro ano fíxose cunha representación teatral, baseada nun texto histórico que aconteceu en Ribadavia, entre 1606 e 1610, cando a Inquisición acusa de xudaizantes a tres veciños que os condena. A escena da voda faise pola mañá como inicio da xornada festeira. Mais na véspera da festa facemos unha representación que a xente lle chama a procesión verde, que sae da antiga casa da Inquisición, presidida polo tribunal inquisitorial que desfila polas rúas ao son dun tambor que van chamando á porta de cada un dos perseguidos e procesados, os levan ao Castelo e alí se fai unha representación da condena.

PREGUNTA. Non deixa de ser un acto tétrico e medorento, para concertar unha festa, con ese rigor terrorista inquisitorial, como responden as persoas que presencian esta escena?

RESPOSTA. As persoas responden ben. Saben que están nunha festa histórica e restaurar a memoria silenciada aporta unha reflexión do que realmente aconteceu e do que non se pode permitir mais agresións contra o ser humano. Estes cadros escénicos non deixan de ser unha lección para respectar ao outro, ao diferente e dunha maneira democrática e humanista.

 

PERSISTIR CONTRA A DROGA NO RIBEIRO

PREGUNTA. No teu papel de activista cultural, hai outro que destaca como é o humanista. Fai pouco que creaches a Asociación Contra a Droga do Ribeiro, para isto hai que ser moi valente e asumir o traxecto con certos riscos pero seguir adiante, xa sabes o que lle aconteceu a Alfonso Blanco Torrado, crego de Guitiriz estes días, na súa loita pola rehabilitación de toxicómanos. Por qué e que función ocupa a vosa Asociación?

RESPOSTA. Lamento o que lle ten acontecido a Blanco Torrado un verdadeiro humanista cuxo traballo é honorábel. Esta Asociación creouse porque aconteceu algo grave. Fai dous anos, unha rapaciña de vinte e dous anos de aquí de Ribadavia, viaxou a Colombia convidada polo seu noivo que estaba metido no contrabando da droga, mais que no consumo. O día que regresaba ameazárona de sacarlle o pasaporte se non traía unha pequena bolsa de droga. Optou por traer a droga. A detiveron e está na prisión de Barranquilla, condenada a oito anos de cárcere e nunha situación infrahumana. Para axudala e tomar conciencia da situación creamos esta Asociación e, desde a mesma, fixemos unha recolecta entre os veciños de tres mil cincocentos euros que se lle enviaron para cubrir parte das súas necesidades no cárcere. Desde a Asociación puxémonos en contacto coa Cruz Roxa, con Cáritas, co Consulado Español en Barranquilla para que lle mercaran un colchón e mantas, e lle desen dese diñeiro para mercar xabón e outros elementos hixiénicos. Leva dous anos na cadea e fáltanlle por cumprir seis.

PREGUNTA. Entrastes en contacto co Ministerio de Asuntos Exteriores, para crear unha vía que xestione a súa vinda para cumprir o resto da pena no Estado español?

RESPOSTA. Estamos niso. Tratamos de xestionar que esa condena a cumpra aquí. Si. Desde a Asociación estamos en contacto con Asuntos Exteriores.

 

O LABOR CLANDESTINO DAS IRMÁNS TOUZA

PREGUNTA. Pasando por unha rúa fronte ao Concello chamoume a atención unha placa dedicada ás tres irmáns Touza, que acolleron a xudeus fuxidos do exterminio nazi. Como desenvolveron esa labor chea de perigos?

RESPOSTA. As tres irmáns Touza que eu coñecín –xa bastante maiores- rexentaban a cantina da estación do tren de Ribadavia, as tres eran solteiras e as tres morreron pasando desapercibidas, até que Patiño, un libreiro de Vigo, escribiu un libro sobre a represión franquista: “Memoria de ferro”, no que conta a historia destas tres mulleres que crearon unha rede de salvamento de xudeus fuxidos de Alemaña.

PREGUNTA. Refíreste a Antón Patiño Regueira da libraría Librouro de Vigo e naturalizado en Monforte, xa falecido?

RESPOSTA. Exacto, o mesmo. Pois ás tres irmáns Touza as desvelou Patiño moito despois delas morrer. O papel das tres irmáns foi moi importante para os fuxidos que chegaban á estación, sabedores dese punto de acollida xa consignado, elas os recollían e os escondían na cantina e de noite os levaban á súa casa. Elas estaban en contacto con dous taxistas que introducían aos fuxidos en Portugal e de aquí rumbo a América. Isto sábese por Antón Patiño e grazas a el estanse descubrindo mais cousas delas. No Parque dos Xustos de Xerusalén hai unha árbore cunha placa co nome das tres. Aquí en Ribadavia puxémoslle unha placa dedicada a elas na casa onde viviron. Tamén está en proxecto a rodaxe dunha película e un escritor de Lugo está escribindo un libro sobre as tres irmáns Touza.

PREGUNTA. Ti tamén fuches un dos fundadores do Club Unesco do Ribeiro, que papel xogou en Ribadavia?

RESPOSTA. Isto foi a través dun poeta madrileño, José Luis Rodríguez Argenta, que me puxo en contacto co director da Asociación Unesco de Madrid e que me alentaron a fundar o club de Ribadavia, sendo o primeiro que se fundaba en Galiza, desenvolvendo varias actividade con relación a Europa e sobre temas históricos e culturais.

PREGUNTA. Ti es unha persoa moi activa co tema da historia dos xudeus de Ribadavia e non só, e estás moi vencellado aos movementos sefarditas en todo o mundo, tanto cos de Israel como cos da diáspora, como xurdiron estes contactos?

RESPOSTA. Con todas estas actividades feitas aquí foi abrindo Ribadavia ao mundo, porque foi o primeiro lugar de Galiza e dos primeiros de España en reivindicar o seu pasado xudeu. O que nos abriu as portas foi aquel Congreso de 1991 e o reencontro de culturas con identidade sefardita. Eu, en concreto, pasei a colaborar en xornais e medios de comunicación sefarditas en Xerusalén, París, etc.

 

A SAGA DE XOSÉ MARÍA CHAO, O INVENTOR DA CARTA BOMBA

PREGUNTA. Sobre estas reivindicacións E da presenza xudía en Ribadavia hai algo que me chama a atención, como é o apelido Chao de Ribadavia que estaba vinculado, por parentesco, aos Chao de Lebosende (Leiro) que eran xudeus, non sei se cristiáns novos, e no século XIX eran liberais e republicanos. Qué relación familiar tes ti con ese escrupuloso liberal Xosé María Chao, pai de Eduardo e Alexandre. D. Ramón Otero Pedrayo menciona a Xosé María Chao como o autor que lle envía unha carta bomba a Nazario Eguía, Capitan Xeral de Galiza, perseguidor dos liberais galegos, despois do Trienio Liberal. Tes algunha información sobre Xosé María Chao, xudeu e liberal?

RESPOSTA. Xosé María Chao era irmán do meu tataravó, nado a finais do século XVIII, estudou Farmacia en Santiago e estivo no Batallón Literario na guerra de Independencia. Home de gran cultura, segundo Curros, que tiña unha magnífica biblioteca. Cando remata a carreira establécese en Ribadavia. Foi liberal, no local da farmacia reunía aos liberais do Ribeiro. Este Xosé María envioulle unha carta bomba ao Capitán Xeneral, estaloulle nas maos e fanoulle os dedos da mao dereita. O primeiro que dixo o militar foi: “Esto sólo lo pudo hacer José María Chao”. Méteno na cadea do castelo de S. Antón na Coruña e no da illa de S. Simón. Cando sae do cárcere inventa un fármaco contra o cólera que o fixo famoso e foi profesor de Farmacia na Universidade de Santiago. Educou aos seus fillos co talante liberal que o asistía.

PREGUNTA. O seu fillo, Eduardo Chao foi ministro de Fomento con Estanislao Figueras, no primeiro goberno da I República, do que temos nutrida información no libro de Curros Enríquez: “Eduardo Chao: estudio biográfico-político”. Coido que ti es un versado sobre as andainas de Eduardo Chao, quizais polo que che transmitiu a túa familia?

RESPOSTA. Nada de nada. Convivín co meu avó durante anos e nunca dixo nada dos Chao liberais. Era un tempo hermético que non se podía mencionar a palabra liberal ou republicano. Só me dicía que houbera na familia un parente que fora ministro e, rotundamente, non me dicía nada mais. O meu avó sabía moi ben del porque case eran contemporáneos.

PREGUNTA. O teu avó fixo referencia aos xudeus de Ribadavia e de súas orixes.

RESPOSTA. Nunca. Era un tema tabú, naquela época dos anos corenta e cincuenta. Posibelmente o meu avó ocultase a súa orixe xudía, dado que eu xa nacín na etapa franquista, pouco despois de rematar a guerra. Un tempo de silencio imposto, con graves consecuencias si se mencionaban a xudeus e republicanos. Ademais as placas que había na rúa Eduardo Chao foron rotas e a rúa cambiou de nome, durante a guerra.

PREGUNTA. Falemos de Eduardo Chao, o ministro republicano.

RESPOSTA. Eduardo nace en Ribadavia en 1822, os absolutistas de Fernando VII e os cregos do Ribeiro fanlle a vida imposíbel a Xosé María Chao, seu pai, e este marcha para Vigo e na Praza da Constitución instala a súa farmacia. Eduardo era o maior dos irmáns, estudou farmacia en Santiago, entre outras disciplinas científicas. Xunto co seu irmán Alexandre fundou o xornal “La Oliva”. Despois marcha a Madrid e colabora en diversos xornais e entra no mundo da política. Eduardo foi un pensador que tocou a parte humanista, científica e histórica de temas moi pouco expostos naquela época. Un home totalmente polifacético e moi coñecido como político liberal e republicano.

 

A RELACIÓN DOS IRMÁNS CHAO CON ROSALÍA E MURGUÍA

PREGUNTA. Falemos de Alexandre, o que crea en Vigo o xornal “La Oliva”. Desde este xornal republicano mantén contacto con Murguía e Rosalía, qué sabes desta relación?

RESPOSTA. Eu fixen un estudo sobre Alexandre e percibín que “La Oliva” foi pechada por orde gobernativa. Ao pouco tempo creou outro xornal, co nome de “Miño”, neste xornal colaborou Rosalía, Murguía, Aurelio Aguirre e outros membros do grupo liberal de Santiago. Teño a seguridade que Rosalía non houbera tido a repercusión que tivo –aínda que ela tiña o talento dunha grande creadora- mais se non fora polo apoio dos Chao sería menos coñecida e divulgada na época. Dado que os dous irmáns a estimularon a escribir e apoiaron ao matrimonio Murguía-Castro economicamente, tanto en Vigo como en Madrid.

PREGUNTA. Qué relación había entre o Murguía rexionalista e os irmáns Chao republicanos federalistas?

RESPOSTA. Os Chao eran republicanos federalistas, da mesma onda de Murguía, isto parece.

PREGUNTA. Suponse que había certo parentesco entre os Chao e Rosalía, isto está constatado?

RESPOSTA. Bastante probado. Aínda que ese parentesco era indirecto. Había relación dos Chao cos Hermidas, estes eran de Lebosende (Leiro). Unha Hermida casa cun Chao. Estes Hermida estaban vinculados por parentesco aos Hermida de Lestrove. Si que había unha relación como de parentesco entre os Chao e Rosalía de Castro. Un tío de Eduardo e Alexandre casou cunha tía de Rosalía. De aí ben a relación e a promoción dos Chao cara Rosalía. Por tanto, Alexandre foi o padriño da primeira filla de Rosalía, Alexandra. Alexandre marcha a Cuba e crea na Habana outra editorial, na que lle publica a Rosalía a primeira edición de “Follas Novas” e algún libro de Murguía. Xa antes, en Madrid, Alexandre Chao edita a “Ilustración Gallega y Asturiana” da que era director Murguía. Quizais había que afondar nesta relación para extraer outros temas que non se saben.

 

RIBADAVIA SILENCIOSA E DECADENTE?

PREGUNTA. Cambiando de tema. Todos somos conscientes da decadencia actual do mundo labrego na Galiza e, tamén, do despoboamento das vilas como é o caso de Ribadavia, onde se fai palpábel unha certa soidade, por non dicir decadencia, nunha vila que sempre foi reflexo da súa produción vinícola etc. A que se debe?

RESPOSTA. O nome e a calidade do viño son elementos básicos do sostén da comarca do Ribeiro. Actualmente este sector sofre os efectos da crise xeral. Esa soidade que ti detectas débese a que moita xente da vila marchou para fora e os turistas que veñen atraídos polo tema xudeu son visitantes de paso, non de permanencia.

PREGUNTA. O románico do Ribeiro, pola súa cantidade e calidade, conta cun patrimonio moi valioso que debía ser coidado e promocionado, non cres?

RESPOSTA. Si. Hai un valioso románico, como ti ben sabes. O que pasa que os políticos non saben orientalo cara unha difusión con resultados positivos, tal como merece este estilo medieval do Ribeiro.

PREGUNTA. O Ribeiro ten un grandioso patrimonio material e inmaterial que se tiña que coidar. Parece que os políticos teñen moi pouca sensibilidade ante estas paisaxes naturais e monumentos de tódalas épocas e estilos. Onde radica o problema?

RESPOSTA. O Ribeiro ten todo, produción vinícola, patrimonio, converxencia fluvial, microclimas, un tecido de comunicación interesante etc. O problema é que non hai sentidiño.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras